Eneida
- Véxase tamén: Editorial Eneida.
A Eneida (en latín, Aeneis) é un poema épico latino. Foi escrito por Publio Virxilio Marón no século I a.C., probablemente entre o 29 a.C. e o 19 a.C.. Conta a historia lendaria de Eneas, un príncipe troiano que foxe da destrución e saqueo de Troia, viaxando polo Mediterráneo ata chegar ó Lacio e conseguir fundar un reino que será o antecedente de Roma.
Eneida | |
---|---|
Federico Barocci, Eneida' Batalla de Troia, 1598 | |
Título orixinal | Aeneis |
Autor/a | Publio Virxilio Marón |
Orixe | Imperio Romano |
Lingua | latín |
Xénero(s) | Epopea |
Tradución | Xoán Fuentes Castro[1] |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Características
editarA maior obra de Virxilio está escrita en hexámetros dactílicos. A causa da morte do poeta aparece con pequenos defectos e incoherencias tanta na composición como na estrutura.
A Eneida, por vontade expresa do seu autor, debía ser destruída, ó non ser exposta a revisión final que el tiña previsto facer. Augusto interveu para salvar o poema e encargoulle a edición do poema manuscrito a Vario Rufo, poeta notable da época, e a Tucca, amigo persoal de Virxilio. Foi publicada sen adicións nin emendas tornándose verdadeira literatura de carácter sacro para os romanos.
A obra consta de dúas partes de extensión semellante: a primeira (libros I-VI), que toma como modelo a Odisea, narra as viaxes de Eneas polas costas de África ata arribar primeiro a Cartago onde é acollido pola raíña Dido e posteriormente a Italia; a segunda (libros VII-XII), que se reclama a si mesma como unha especie de Ilíada, as guerras pola conquista do Lacio, coa derrota de Turno e a fundación de Alba Longa por parte de Ascanio, da que xurdirá a cidade de Roma.
Alén de sublimar a epopea dos devanceiros de Roma, a Eneida é un poema encomiástico dedicado á persoa do emperador Augusto.
Modelos dos que parte a obra
editarDise que, máis aínda que unha imitación da Ilíada e da Odisea, Virxilio expúxose unha sorte de competición con Homero. Así, fronte aos 24 cantos de que se compón cada unha das epopeas homéricas, a Eneida componse de 12. Pódese atopar paralelismos, coas súas correspondentes oposicións, entre as dúas obras gregas e estoutra latina:
- O regreso ou nostos, máis propio da Odisea e da primeira metade da Eneida.
- Na obra latina, o regreso non é o dun heroe ao seu fogar, senón o de parte dun pobo a un dos lugares de orixe da estirpe dalgún ou dalgúns dos seus heroes, lugar determinado por elección divina e que os heroes haberán de pescudar. Na cronoloxía mítica, a viaxe do Eneas literario coincidiría no tempo cos nostoi gregos. Como na Odisea, na Eneida hai unha deidade que se opón a que o heroe chegue ao seu destino (Poseidón no poema grego e Xuno no latino), outras deidades que alíanse con ela, outras que axudan ao heroe (algunhas, téndoo como o seu protexido: Atenea protexe a Odiseo; Venus protexe a Eneas), cambios de alianzas e deidades que non toman un partido.
- A xustificación da guerra entre dous pobos con motivos míticos e de amores e desamores.
- Na Ilíada, e en xeral no Ciclo troiano, preséntase como causa humana da guerra inmediata, contemporánea ou recente o despeito de Menelao polo abandono de que é obxecto por parte de Helena, aínda que este haberá de explicarse por asuntos dos deuses. Na Eneida, preséntase como causa humana de futuras guerras o despeito de Dido polo abandono de que é obxecto por parte de Eneas, e tamén haberá de explicarse tal abandono por intrigas divinas.
O poema de Virxilio compárase tamén coas Argonáuticas de Apolonio, e é fácil que o poeta romano tivese presente a tradución latina de Varrón. Tamén neste caso, hai similitudes e diferenzas entre unha obra e a outra en varios aspectos, empezando polos amores de Dido e Eneas e os de Xasón e Medea.
Os modelos latinos máis importantes dos que se valeu Virxilio para a composición da Eneida e para o contraste con eles son a Guerra púnica (Poenicum Bellum) de Nevio e, sobre todo, os Anais (Annales) de Ennio, o gran clásico da épica romana nese tempo. En varias pasaxes da Eneida cítanse outros do poema de Ennio, ás veces literalmente.
Notas
editar- ↑ Publicada dentro da colección Esmorga en edición bilingüe latín-galego por Toxosoutos en 2013. As notas tamén correron a cargo do tradutor, Xoán Fuentes Castro.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- A literatura hai dous mil anos, reportaxe en El País.