Oxiúro
Oxiúro
ICD 127.4 | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Enterobius vermicularis | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Especies | |||||||||||||||
Os oxiúros[5] son vermes nematodos parasitos intestinais de humanos e outros primates pertencentes ao xénero Enterobius, especialmente á especie Enterobius vermicularis.[6] A infestación por estes vermes denomínase oxiuríase ou enterobíase.[7][8]
Clasificación
editarOs oxiúros (xénero Enterobius) son un tipo de nematodo do cal se identificaron tres especies.[9] A única especie que parasita aos humanos é a Enterobius vermicularis (que anteriormente se chamaba Oxyuris vermicularis).[10] Os chimpancés hospedan ao Enterobius anthropopitheci, que é distinguible morfoloxicamente do oxiúro humano.[3] Hugot (1983) considera que hai outra especie que afecta aos humanos chamada Enterobius gregorii, que se supón que é unha especie irmá de E. vermicularis, e ten unha espícula (órgano sexual) lixeiramente máis pequena.[11] A existencia desta última especie é controvertida; así, Totkova et al. (2003) consideran que non hai suficientes probas para aceptala,[4] e Hasegawa et al. (2006) opinan que E. gregorii é un estadio máis inmaturo de E. vermicularis.[2][3] Independetemente do seu status como especie ou non, E. gregorii considérase clinicamente idéntica a E. vermicularis.[10]
Morfoloxía
editarA femia adulta ten un extremo posterior con forma de punta aguda (de onde vén o nome de oxiúro = cola aguda), ten unha lonxitude de 8 a 13 milímetros, e 0,.5 milímetros de grosor.[12] O macho adulto é considerablemente menor, de 2 a 5 mm de longo e 0,2 de grosor, e ten un extremo posterior curvado.[12] Os ovos son translúcidos[12] e teñen unha superficie que se adhire doadamente aos obxectos do seu ambiente.[13] Os ovos son algo ovoides e miden de 50 a 60 micrómetros por 20 a 30 micrómetros, e teñen unha grosa cuberta que está aplanada por un lado.[12] O pequeno tamaño e a falta de cor dos ovos fan que sexan invisibles a simple vista, agás que se trate dun grupo de miles de ovos. Os ovos poden conter un embrión en desenvolvemento ou unha larva de oxiúro completamente formada.[12] A larva medra ata os 140–150 micrómetros de longo.[13]
Distribución
editarOs oxiúros están distribuídos por todo o mundo,[14] e causan as infestacións por vermes parasitos máis comúns en Europa Occidental, Estados Unidos e Australia.[15][16][16] Os oxiúiros son especialmente comúns en nenos, cunha prevalencia neste grupo de idade do 61% na India, 50% en Inglaterra, 39% en Tailandia, 37% en Suecia, e 29% en Dinamarca, por exemplo.[16] O hábito de chuchar os dedos de moitos nenos incrementa a incidencia e a reaparición da infestación,[16] e comer as uñas ten un efecto similar.[17] Como se transmite de hóspede a hóspede por contaminación, os oxiúros son comúns entre as persoas que viven en estreito contacto, e tende a aparecer en todas as persoas que viven na mesma casa.[14] A prevalencia dos oxiúros non está asociada co sexo,[14] nin coa clase social, raza ou cultura.[16] En realidade, os oxiúros son unha excepción ao principio xeral de que os parasitos intrestinais son pouco comúns en comunidades prósperas e desenvolvidas.[16] O exemplo máis antigo coñecido da presenza de oxiúros son ovos destes animais atopados en coprólitos (feces fosilizadas), datados no ano 7837 aC atopadas no oeste de Utah.[13]
Ciclo de vida
editarO ciclo de vida completo de ovo a adulto destes animais ten lugar no tracto gastrointestinal dun só hóspede humano.[12][13] Cook et al. (2009) e Burkhart & Burkhart (2005) non están de acordo sobre a duración do proceso, que para Cook et al. é de dúas a catro semanas,[18] e para Burkhart & Burkhart de catro a oito semanas.[16]
O ciclo empeza cando unha persoa inxire os ovos.[13] Os ovos eclosionan no duodeno.[19] As larvas de oxiúro emerxentes medran rapidamente ata un tamaño de 140 a 150 micrómetros,[18] e migran ao longo do intestino delgado cara ao colon.[13] Durante esta migración mudan a pel dúas veces e fanse adultos.[13][16] As femias viven de 5 a 13 semanas, e os machos unhas 7 semanas.[13] O apareamento entre machos e femias ten lugar no íleo,[13] e despois os oxiúros xeralmente morren,[19] e son evacuados coas feces.[20] A femia grávida establécese no íleo, cego, apéndice vermiforme e colon ascendente,[13] onde se adhiren á mucosa intestinal[16] e inxiren os contidos do colon.[14] Case todo o corpo dunha femia grávida está cheo de ovos,[19] e estímase que poden chegar a conter de 11.000[13] a 16.000 ovos.[16] O proceso de posta dos ovos empeza aproximadamente cinco semanas despois da inxestión inicial dos ovos polo hóspede humano.[13] As femias grávidas migran polo colon cara ao recto a unha velocidade de 12 a 14 centímetros por hora.[13] Emerxen do ano, e mentres se moven sobre a pel da área que rodea ao ano van depositando os ovos nos pregamentos perianais de tres formas posibles: (1) contraéndose e expulsando os ovos, (2) morrendo e desintegrándose liberándoos, ou (3) por rotura do corpo debido a que o hóspede rasca esa rexión para aliviar o proído.[19] Despois de deposiitar os ovos, a femia faise opaca e morre.[20] A razón de que a femia emerxa polo ano é para obter o oxíxeno necesario para a maduración dos ovos.[20]
Transmisión
editarOs oxiúros transmítense de humano a humano, ao inxerirse os ovos ou por inserción anal.[16][19] Os ovos son resistentes e poden permanecer viables nun ambiente húmido ata tres semanas.[16][20] Non toleran ben a calor, pero poden sobrevivir a baixa temperatura: 2/3 dos ovos son aínda viables despois de 18 horas a −8 °C.[20]
Unha vez que os ovos foron inicialmente depositados preto do ano, son rapidamente transmitidos a outras superficies por contaminación.[19] A superficie dos ovos é pegañenta cando os depositan,[13][20] e os ovos son rapidamente transmitidos desde o seu depósito inicial preto do ano ás uñas dos dedos, mans, roupas de durmir e sabas da cama.[18] Desde alí, os ovos poden transmitirse á comida, auga, mobles, xoguetes, pezas do cuarto de baño e outros obxectos.[13][16][19] Os animais mascotas poden con frecuencia levar ovos na súa pelaxe, aínda que eles non están infectados.[21] O po das casas que contén ovos pode ser levado polo vento, o que axuda a dispersar os ovos, por exemplo ao sacudir roupa de cama.[16][20][21] En consecuencia, os ovos poden entrar na boca e o nariz por inhalación, e despois son tragados.[16][18][19][20] Aínda que xeralmente os oxiúros non se multiplican estritamente falando dentro de corpo humano (só se aparean),[18] algunhas poucas larvas poden eclosionar na mucosa anal, e migraren polo intestino arriba do seu hóspede orixinal.[16][18] Este proceso chámase retroinfección.[16][20] Segundo Burkhart (2005), cando ocorre unha retroinfección, causa unha carga parasítica maior e iso asegura a continuidade da infestación polo oxiúro.[16] Esta opinión é contraria á que mantén Caldwelli (1982), que afirma que a retroinfección é rara e non é clinicamente significativa.[20] Malia a limitada duración da vida dos oxiúros, de poucas semanas,[13] a autoinfección (é dicir, a infección do hóspede orixinal a el mesmo), pola ruta ano-boca ou por retroinfección, fai que os oxiúros poidan habitar no mesmo hóspede indefinidamente.[16]
Patoloxía
editar- Artigo principal: Oxiuríase.
Nos humanos, o E. vermicularis causa a enterobíase ou oxiuríase, cuxo principal síntoma é un proído anal.[22] Normalmente permanece no intestino e non pasa ao sangue nin a outros órganos. Os produtos principalmente usados para o tratamento son Albendazole ou Mebendazole; outra alternativa é o Payrantel Pamoate.
Galería de imaxes
editar-
Os oxiúros son ás veces diagnosticados casualmente por outras patoloxías. Micrografía de oxiúros no apéndice vermiforme. Tinguidura de hematoxilina-eosina.
-
Micrografía a grande aumento dun oxiúro nun corte transversal do apéndice. Tinguidura de hematoxilina-eosina.
-
Ovo de E. vermicularis visto con microscopio óptico.
-
Micrografía dun oxiúro macho en sección transversal. Ás ou alae cefálicas (frecha azul), intestino (frecha vermella) e testículos (frecha negra). Tinguidura de hematoxilina-eosina.
-
Ovos de oxiúro vistos con microscopio.
-
Esta micrografía mostra a rexión da cabeza coas ás (alae) cefálicas de E. vermicularis.
Notas e referencias
editar- ↑ 1,0 1,1 Hasegawa et al. 2005.
- ↑ 2,0 2,1 Hasegawa et al. 1998
- ↑ 3,0 3,1 3,2 Hasegawa et al. 2006
- ↑ 4,0 4,1 Totkova et al. 2003
- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para oxiúro.
- ↑ Encyclopædia Britannica.
- ↑ Merriam-Webster: Enterobiasis
- ↑ Merriam-Webster: Oxyuriasis
- ↑ NCBI taxonomy database 2009
- ↑ 10,0 10,1 dpdx 2009
- ↑ Hugot 1983
- ↑ 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 Gutiérrez 2005, p. 354.
- ↑ 13,00 13,01 13,02 13,03 13,04 13,05 13,06 13,07 13,08 13,09 13,10 13,11 13,12 13,13 13,14 13,15 Cook 1994, p. 1159
- ↑ 14,0 14,1 14,2 14,3 Gutiérrez 2005, p. 355.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 10 de xaneiro de 2014. Consultado o 02 de marzo de 2014.
- ↑ 16,00 16,01 16,02 16,03 16,04 16,05 16,06 16,07 16,08 16,09 16,10 16,11 16,12 16,13 16,14 16,15 16,16 16,17 16,18 Burkhart & burkhart 2005, p. 837
- ↑ Cook 1994, p. 1160
- ↑ 18,0 18,1 18,2 18,3 18,4 18,5 Cook et al. 2009, p. 1516
- ↑ 19,0 19,1 19,2 19,3 19,4 19,5 19,6 19,7 Garcia 1999, p. 246
- ↑ 20,00 20,01 20,02 20,03 20,04 20,05 20,06 20,07 20,08 20,09 Caldwell 1982, p. 307.
- ↑ 21,0 21,1 Caldwell 1982, p. 308.
- ↑ "Enterobiasis leads to itching". Arquivado dende o orixinal o 19 de agosto de 2011. Consultado o 20 de agosto de 2011.
- Hasegawa H, Ikeda Y, Fujisaki A; et al. (December 2005). "Morphology of chimpanzee pinworms, Enterobius (Enterobius) anthropopitheci (Gedoelst, 1916) (Nematoda: Oxyuridae), collected from chimpanzees, Pan troglodytes, on Rubondo Island, Tanzania". The Journal of Parasitology 91 (6): 1314–7. PMID 16539010. doi:10.1645/GE-569R.1.
- "Pinworm". Encyclopædia Britannica. Consultado o 8 April 2009.
- "Enterobiasis". Merriam-Webster's Medical Dictionary. Merriam-Webster. Consultado o 8 April 2009.
- "Oxyuriasis". Merriam-Webster's Medical Dictionary. Merriam-Webster. Consultado o 8 April 2009.
- Totkova A, Klobusicky M, Holkova R, Valent M (2003). "Enterobius gregorii—reality or fiction?" (PDF). Bratislavské Lekárske Listy 104 (3): 130–3. PMID 12940699. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 10 de setembro de 2011. Consultado o 02 de marzo de 2014.
- "Enterobius". NCBI taxonomy database. National Center for Biotechnology Information, U.S. National Library of Medicine. 2009. Consultado o 8 April 2009.
- "Enterobiasis". DPDx. Division of Parasitic Diseases, Centers for Disease Control and Prevention. Arquivado dende o orixinal o 27 de novembro de 2013. Consultado o 8 April 2009.
- Nakano T, Okamoto M, Ikeda Y, Hasegawa H (December 2006). "Mitochondrial cytochrome c oxidase subunit 1 gene and nuclear rDNA regions of Enterobius vermicularis parasitic in captive chimpanzees with special reference to its relationship with pinworms in humans". Parasitology Research 100 (1): 51–7. PMID 16788831. doi:10.1007/s00436-006-0238-4.
- Hugot JP (1983). "[Enterobius gregorii (Oxyuridae, Nematoda), a new human parasite]". Annales de Parasitologie Humaine et Comparée (en French) 58 (4): 403–4. PMID 6416131.
- Hasegawa H, Takao Y, Nakao M, Fukuma T, Tsuruta O, Ide K (February 1998). "Is Enterobius gregorii Hugot, 1983 (Nematoda: Oxyuridae) a distinct species?". The Journal of Parasitology 84 (1): 131–4. PMID 9488350. doi:10.2307/3284542.
- Gutiérrez, Yezid (2000). Diagnostic pathology of parasitic infections with clinical correlations (PDF) (Second ed.). Oxford University Press. pp. 354–366. ISBN 0-19-512143-0. Consultado o 21 August 2009.
- Cook, Gordon C; Zumla, Alimuddin I (2009). Manson's tropical diseases (22nd ed.). Saunders Elsevier. pp. 1515–1519. ISBN 978-1-4160-4470-3. Consultado o 18 November 2009.
- "B80: Enterobiasis". International Statistical Classification of Diseases and Related Health Problems (ICD) 10th Revision. World Health Organization. 2007. Consultado o 5 December 2009.
- Cook GC (September 1994). "Enterobius vermicularis infection". Gut 35 (9): 1159–62. PMC 1375686. PMID 7959218. doi:10.1136/gut.35.9.1159.
- Garcia, Lynne Shore (2009). Practical guide to diagnostic parasitology. American Society for Microbiology. pp. 246–247. ISBN 1-55581-154-X. Consultado o 5 December 2009.
- Burkhart CN, Burkhart CG (October 2005). "Assessment of frequency, transmission, and genitourinary complications of enterobiasis (pinworms)". International Journal of Dermatology 44 (10): 837–40. PMID 16207185. doi:10.1111/j.1365-4632.2004.02332.x.
- Caldwell JP (February 1982). "Pinworms (Enterobius Vermicularis)". Canadian Family Physician 28: 306–9. PMC 2306321. PMID 21286054.
- Vanderkooi M (2000). Village Medical Manual (5th ed.).