Teatro Circo Tamberlick
O Gran Teatro Circo Tamberlick foi un centro de representación escénica, circense (espectáculos ecuestres e ximnásticos) e sala de cinema de titularidade privada situado na cidade de Vigo. Inaugurouse o 11 de outubro de 1882 e demoleuse en 1991.
Teatro Circo Tamberlick | |
---|---|
Fachada trala reforma de 1907 | |
Localización en Galicia | |
Enderezo | rúa Eduardo Iglesias |
Cidade | Vigo |
País | España |
Arquitecto/s | Domingo Sesmero Alejandro Sesmero |
Capacidade | 800 - 1104 |
Inauguración | 11 de outubro de 1882 |
Peche | 4 de febreiro de 1989 |
Demolición | 1991 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Descrición
editarSituado na rúa do Circo, hoxe rúa Eduardo Iglesias, os seus donos iniciais foron Augusto Bárcena Franco, Francisco Martínez Villoch e Mariano Pérez. Cun orzamento de 40.000 pesetas, obtivo licenza de obra o 30 de marzo de 1882.[1]
O arquitecto municipal Domingo Rodríguez Sesmero aplicou en interior e exterior, para o primeiro proxecto (non realizado), unha decoración orientalista. O modelo que seguiu debeu ser o Teatro Circo Price, construído en 1880 en Madrid polo arquitecto Agustín Ortiz.[2] O 2 de maio de 1882, os promotores presentaron unha solicitude para variar o deseño da fachada, asinado tamén por Domingo Sesmero, alegando aforro de tempo de construción, pois a nova era moito máis sinxela e con menos ornamentos.[3]
Tiña unha bancada case que circular ao redor dunha pista de 13 metros de diámetro, con cinco filas de asentos abaixo, un nivel de 29 palcos enriba e outro de galería superior.[4]
Foi estreado o 11 de outubro de 1882 polo tenor italiano Enrico Tamberlick que, á fronte da súa compañía, protagonizou a sesión inaugural coa ópera en tres actos Poliuto de Gaetano Donizetti.[5] Sucesivamente, Vigo asistiu ás representacións de Rigoletto, L'Africaine, Il trovatore, Dinorah, Un ballo in maschera, Fausto, Lucrecia Borgia, Marina, La traviata, Aida, I puritani, Ernani, La sonnambula e Linda di Chamounix.[6] No verán de 1883 celebráronse uns xogos florais baixo a presidencia de Emilio Castelar.[7] En 1894 engadiuse un remate superior de fachada, colocando unha peita co nome. Ese ano recibíronse cinco compañías e representáronse 110 obras diferentes.
O 29 de abril de 1897 tivo lugar neste teatro a primeira proxección cinematográfica na cidade de Vigo, procedente do Teatro do Liceo de Pontevedra,[a] composta por doce pezas de cine mudo do Cinématographe Lumière (L'Arroseur arrosé, L'Arrivée d'un train en gare de La Ciotat,…). Estivo ao cargo dos portugueses César Marques e Alexandre Pais de Azevedo, delegados da casa Lumière.[8] As proxeccións proseguiron en Tui (o 13 de maio no Teatro local), A Coruña[b] (o 23 de maio no n.° 25 da rúa Real), Ferrol (o 16 de xuño nun local da rúa Real) e Lugo (o 7 de xullo no Teatro-Circo).[9][10]
O 6 de xaneiro de 1900, Pablo Iglesias Posse, fundador do PSOE, pronunciou no Tamberlick un discurso de hora e media de duración.[11] En 1921 o Teatro acolleu a III Asemblea Nacionalista,[12] e en 1925 celebrouse un acto de homenaxe a Ricardo Mella logo do seu falecemento.[13]
En 1907 o arquitecto Manuel Felipe Quintana Ochaita firmou un proxecto de marquesiña para a parte dianteira da fachada, que non se executou. Nesas datas o propietario era Francisco Molíns.[14] O local funcionou durante moitos anos como sala de cine, explotada polo empresario Isaac Fraga Penedo, propietario desde 1920, que reformou a pista para convertela en platea con butacas, colocando a cabina ao fondo do primeiro nivel de palcos. En 1922 Fraga estreou nel películas realizadas por Alejandro Pérez Lugín sobre a Guerra do Rif.[4] Na medición da capacidade practicada polo concello o 7 de novembro de 1923 o Tamberlick ocupaba o primeiro posto con 1.104 prazas, seguido do Teatro Odeón con 733, o Royalty con 603 e o Ideal Cinema con 574.[11] O 31 de maio de 1929 estreouse neste lugar a obra de teatro O Mariscal, de Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte.[12]
A primeira proxección de cine sonoro en Vigo tamén foi no Tamberlick, o 14 de marzo de 1930, a cinta foi The Jazz Singer. O 1 de abril de 1933 acolleu a disputa do combate de boxeo entre Ángel Sobral e Pastor Milanés, polo campionato de España de peso medio.[15].
O derradeiro filme proxectado foi Quen enganou a Roger Rabbit? (1988).[4] Na súa demolición, en 1991, conservouse a fachada de pedra. O resto do predio é agora un patio de veciños.[16]
En 2022 a produtora viguesa Culturinvest deciciu homenaxear a senlleira sala de espectáculos bautizando o seu circo itinerante como Circo Tamberlick[17].
Galería de imaxes
editar-
Primeiro proxecto para a fachada, de Domingo Rodríguez Sesmero.[18]
-
Anuncio publicitario do teatro no Faro de Vigo do 14 de maio de 1922.
-
Publicidade, con debuxo de Camilo Díaz, no Catálogo de Vigo de 1922-23.[21]
Notas
editar- Referencias
- ↑ Comesaña García 1988, p. 53.
- ↑ García Filgueira 2011, p. 476.
- ↑ García Filgueira 2011, p. 480.
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Cabo Villaverde, José Luis e Sánchez García, Jesús Ángel (eds) (2012). Inventario de cines de Galicia Fundación Barrié (en castelán).
- ↑ Mosquera, Javier (11/10/2012). "Tamberlick y el Teatro-circo". Faro de Vigo (en castelán).
- ↑ Álvarez Blázquez 2008, p. 348-349.
- ↑ La Ilustración Española y Americana. a. XXVII. n. XXXI. (22/8/1883) p. 5 Madrid.
- ↑ "120 anos de cine en Vigo: as «Vistas» Lumiére no Tamberlick". vigoe.es. 29/4/2017.
- ↑ Nogueira, Xosé (2002). "Apuntamentos verbo das imaxes documentais no cinema galego". Grial (154): 216. ISSN 0017-4181.
- ↑ Castro de Paz 1996, pp. 38-40.
- ↑ 11,0 11,1 Garrido Rodríguez 1991, p. 21.
- ↑ 12,0 12,1 "Descubrir a pie el relato cultural del Vigo de preguerra". Faro de Vigo (en castelán). 5/6/2016.
- ↑ Eduardo Rolland (7 de xuño de 2018). "Ricardo Mella, galego e figura mundial do anarquismo". GCiencia.
- ↑ Garrido Rodríguez 1991, p. 20.
- ↑ "Ángel Sobral". Boxer List.
- ↑ "El Tamberlick ‘reabre’ 120 años después con los Lumière". Atlántico Diario (en castelán). 1/5/2017.
- ↑ "Circo Tamberlick". Circo Tamberlick.
- ↑ García & Filgueira 2011, p. 484.
- ↑ La Ilustración Española y Americana. a. XXVII. n.º XXXI. 22/8/1883. Madrid. [1] [2]
- ↑ Caras y caretas. 15/6/1907, n.º 454
- ↑ Catálogo de Vigo : (Vigo a través de un siglo) (1922-1923) en Galiciana.
- ↑ Biblioteca Regional de Madrid — Ubicación: Gráfico — Signatura: Caj.1607/23, documento integrante dun lote de partituras e outros materiais do compositor e barítono José Luis Lloret.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Teatro Circo Tamberlick |
Bibliografía
editar- Álvarez Blázquez, X. M. (1980a). "Vigo en el siglo XIX". Vigo en su historia (en castelán). Vigo: Caja de Ahorros Municipal de Vigo. pp. 431–432. ISBN 84-7231-494-4.
- ——— (2008) [1960]. "Agosto, Día 14, 1883". (A cidade e os días. Calendario histórico de Vigo) [La ciudad y los días. Calendario histórico de Vigo] (en galego e castelán). Ed. e trad.: M. Bragado e X. P. Sánchez. Vigo: (Xerais) Monterrey. pp. 348–349. ISBN 978-84-9782-716-4.
- Castro de Paz, José Luis (1996). Historia do cine en Galicia. A Coruña: Vía Láctea Editorial. ISBN 84-89444-22-6.
- Comesaña García, José A. (1988). "El teatro circo de Vigo". Boletín Académico (Escola Técnica Superior de Arquitectura da Coruña) (9): 48–53. ISSN 0213-3474.
- Martín Curty, José Antonio (2004). Cines de Vigo (en castelán). Vigo: Instituto de Estudios Vigueses. ISBN 84-89599-29-7.
- Espinosa Rodríguez, José (1949). Tierra de Fragoso (Notas para la historia de Vigo y su comarca) (en castelán). Vigo: Talleres de "Faro de Vigo".
- Folgar de la Calle, José María (1987). Aproximación a la historia del espectáculo cinematográfico en Galicia (1896-1920) (en castelán). USC. ISBN 84-7191-411-5.
- García Filgueira, Marta (2006). Eclecticismo y arquitectura en la Galicia del siglo XIX. La obra de Domingo Rodríguez Sesmero y Alejandro Rodríguez-Sesmero González (tese) (en castelán). USC.
- ——— (2011). "La arquitectura teatral de los Sesmero en Vigo: el Rosalía de Castro y el Tamberlick" (PDF). Glaucopis (IEV) (16): 439–492. ISSN 2254-9749.
- ——— (2014). Eclecticismo, arquitectura y ciudad. La obra de los Sesmero en Vigo (en castelán). IEV. ISBN 978-84-89599-55-0.
- Garrido Rodríguez, Jaime (1991). Vigo. La ciudad que se perdió, arquitectura desaparecida, arquitectura no realizada (en castelán). Deputación de Pontevedra. pp. 20–24. ISBN 84-86845-66-1.
- Sánchez García, Jesús Ángel (1997). La arquitectura teatral en Galicia (en castelán). A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. ISBN 84-89748-10-1.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Torres Carbajo, Fernando (6/2/2017). "La llegada del cine a Vigo". Vigo capital de la Costa Oeste (en castelán).