Foro Romano
Tipo | xacemento arqueolóxico | |||
---|---|---|---|---|
Parte de | Roman Forum and the Palatine (en) | |||
Localización | ||||
División administrativa | Roma, Italia | |||
| ||||
Características | ||||
Ben cultural de Italia | ||||
Páxina web | parcocolosseo.it… | |||
O Foro Romano, (en latín Forum Romanum), é un foro rectangular que na época de máximo esplendor de Roma estaba rodeado por varios dos máis importantes edificios gobernamentais e que se situaba no centro da cidade de Roma; na súa orixe fora un mercado ao aire libre. Os cidadáns denominábano Forum Magnum, ou simplemente Forum.
Durante séculos foi a cerna da vida pública romana, constituíndo o corazón da Roma Antiga: era o lugar onde se celebraban as procesións triunfais e as eleccións, onde se efectuaban os discursos públicos, os xuízos criminais, as loitas de gladiadores, e o núcleo onde se desenvolvían os negocios comerciais. Con numerosas estatuas conmemorando os grandes homes da cidade, localizábase nun pequeno val entre os montes Palatino e Capitolino, e na actualidade é un extenso conxunto de ruínas formada polos fragmentos dos antigos edificios onde se desenvolven periodicamente escavacións arquelóxicas e que atrae a uns catro millóns e medio de turistas cada ano[1].
Moitas das máis antigas e importantes estruturas da cidade antiga localizábanse no foro ou nas súas inmediacións. Os primeiros santuarios e templos da monarquía romana estaban no bordo sueste, a Regia (século VIII a.C.), o Templo de Vesta (século VII a. C.), o complexo das vestais, todos reconstruídos logo do ascenso do Imperio Romano.
Outros santuarios arcaicos situábanse no noroeste, é o caso do Umbilicus Urbis e o Volcanal da época da república, que estaban no Comitium, onde se desenvolvía a asemblea curial, e alí xa estaba desde a Monarquía a Curia Hostilia, o edificio do Senado, e gradualmente establecéronse edificios gobernamentais, tribunais, templos, memoriais e estatuas diversas.
Co tempo o Foro, próximo e máis grande, acabou substituíndo ao arcaico Comitium, e o foco da actividade xudicial mudouse á nova Basílica Emilia (179 a.C.), e un século despois Xulio César construíu a Basílica Xulia canda a nova Curia Xulia, a nova sede do Senado, reforzando así a primacía do Foro.
Á fin gran parte dos asuntos xudiciais e da vida económica pasou á zona do Foro de Traxano e da Basílica Ulpia, no norte da cidade. Durante o reinado de Constantino o Grande realizouse unha das últimas expansións do complexo do Foro, a Basílica de Maxencio (312), converténdose de novo no centro da vida política ata a definitiva desaparición do Imperio Romano.
Historia
[editar | editar a fonte]Orixinalmente o espazo que ocupaba o Foro estaba formado por marismas[2] onde ían parar as augas procedentes dos outeiros próximos[3]. No século VI a.C. coa realización da Cloaca Máxima o lugar desecouse[4], comezando a desenvolverse o que sería o Foro Romano nun proceso gradual, edificio a edificio, ao longo de moitos séculos[5], malia os intentos de gobernantes como Sila, Xulio César ou Augusto que intentaron impoñer algo de orde e que tiveron un éxito relativo. No período imperial os grandes edificios públicos que ateigaban a área da praza central reduciran considerablemente a zona aberta a un rectángulo de 150 por 75 metros[6].
O Foro estaba orientado de noroeste ao sueste, estendéndose desde a aba do monte Capitolino ata o outeiro Velia. Durante a época imperial, dúas basílicas, a Emilia, no norte, e a Xulia, no sur, fixan as súas longas extremidades e a súa forma final. Ademais da zona aberta, o foro abranguía os edificios que daban cara a esta praza e mesmo ás veces tamén se inclúe o Forum Adjectum, que se prolongaba polo sueste chegando ata o Arco de Tito[7].
Orixe lendaria e primeiras evidencias
[editar | editar a fonte]Segundo a tradición o inicio do foro está relacionado coa alianza entre Rómulo e o seu rival, o sabino Tito Tacio, o primeiro ocupando o Palatino e o segundo o Capitolio, e que se xuntaron nun lugar intermedio entre os dous asentamentos para celebraren a súa alianza[8], e que se denominou Comitium, onde se celebraban ao aire libre as asembleas de cidadáns, e ao seu carón comezou a funcionar un mercado. Tamén seguindo os mitos romanos o rei Numa Pompilio erixiu o primeiro templo do foro, o Templo de Vesta[9]. A propia palabra forum aparece por vez primeira, xa no período republicano, a mediados do século V a.C. na Lei das XII Táboas [10] para se referir ao foro de Roma como o lugar onde se realizaban os litixios e a principal área pública da cidade.
Período republicano
[editar | editar a fonte]Durante o período republicano, o Comitium foi o lugar central de toda a vida política e xudicial[11]. O Senado para permitir que no lugar se puidese reunir máis xente comezou a aumentar o espazo aberto entre o Comitium e o Templo de Vesta mercando residencias privadas.
De inicios do século V a.C. datan os templos máis antigos do Foro, Templo de Saturno e o Templo de Cástor e Pólux[12]. No século seguinte engadiuse o Templo da Concordia. O proceso de monumentalización do Foro comeza coa construción da primeira basílica por orde de Catón, no ano 184 a.C., máis tarde no 179 a.C. no lado norte erixiuse a Basílica Fulvia e despois a Basílica Sempronia na banda sur.[13]
Moitas das actividades tradicionalmente realizadas no Comitium, como as asembleas populares, funerais da nobreza e xogos, pasaron ao foro, especialmente notable foi o da comitia tributa, entón o centro da política popular, que no 145 a.C. pasou a se desenvolver no Foro. Na década de 80 a.C., durante a ditadura de Sila, fixéronse grandes obras no Foro, como o levantamento do nivel da praza en case un metro e a pavimentación con pedras de mármore permanentes[14]. No 78 a.C. construíuse na aba do Capitolino o inmenso Tabulario, destinado a arquivo de documentos por orde dos cónsules dese ano M. Aemilius Lepidus e Q. Lutatius Catulus.
Período imperial
[editar | editar a fonte]Na época de Augusto o Foro colleu a súa forma final. No sueste mandou edificar no 29 a.C. o Templo do Divino César e o Arco de Augusto pero tamén durante o reinado dos primeiros emperadores gran parte dos asuntos económicos e xudiciais pasaron ao norte da cidade, e tras a construción do Foro de Traxano, arredor do 110, pasaron a se realizar na Basílica Ulpia.
O Arco de Septimio Severo, en mármore branco, engadiuse no 203 no noroeste do Foro, preto dos pés do Capitolio. O emperador Diocleciano (284-305) foi o último dos grandes construtores de Roma, construíndo novos templos de Saturno e Vesta e a Curia[15] e durante o reinado de Constantino I construíuse a Basílica de Maxencio (312), a última expansión significativa do complexo do Foro, restaurando tamén moito do poder político cara ao Foro, e que se mantería ata a caída do Imperio Romano dous séculos máis tarde.
Período medieval
[editar | editar a fonte]No século VI algúns dos vellos edificios dentro do Foro comezaron a se utilizar como igrexas cristiás. No ano 608 erixiuse a Columna de Focas, unha columna monumental dedicada ao emperador oriental Focas. No século VIII todo o espazo estaba rodeado por igrexas cristiás que tomaran o lugar dos templos pagáns, abandonados e en ruínas[16], despois do século VIII as estruturas do Foro desmanteláronse usándose para construír torres feudais e castelos e no século XIII botáronse abaixo as estruturas restantes, quedando un vertedoiro rodeado de ruínas[17], perdido xa o nome no século XVI e seguintes coñeceuse como Campo Vaccino (campo das vacas).
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "La top ten dei monumenti più visti. Primo il Colosseo, seconda Pompei". La Stampa, 11 de marzo de 2013
- ↑ Watkin, David (2009) The Roman Forum Profile Books, p. 17.
- ↑ Lovell, Isabel (1904). Stories in Stone from the Roman Forum. pp. 8–9.
- ↑ Bunson, Matthew (2009) Encyclopedia of the Roman Empire Facts on File, p. 218
- ↑ Watkin, David (2009). Profile Books, Cambridge, Massachusetts., ed. The Roman Forum. ISBN 978-0-674-03341-2., p. 22.
- ↑ Aldrete, Gregory S. (2004) Daily Life in the Roman City: Rome, Pompeii and Ostia Greenwood, p. 47.
- ↑ Grant, Michael (1970), The Roman Forum, London: Weidenfeld & Nicolson, páxina 43.
- ↑ Richarson, L. jr (1992) A New Topographical Dictionary of Ancient Rome JHU Press, p. 159
- ↑ Watkin, David (2009) The Roman Forum Profile Books, p. 90.
- ↑ Etxebarria, Alaitz (2008) Los foros romanos republicanos en la Italia centro-meridional tirrena: origen y evolución formal Madrid:CSIC, p.25
- ↑ Vasaly, Ann (1996). University of California Press, ed. Representations: Images of the World in Ciceronian Oratory. Berkeley. p. 61]. ISBN 0-520-07755-5.
- ↑ Richmond, Ian Archibald, et al. (1996), "Forum Romanum", In: Hornblower, Simon and Antony Spawforth (eds.), The Oxford Classical Dictionary (3ª ed.), Oxford University Press, pg 607.
- ↑ Baedeker, Karl (1903). Karl Baedeker, ed. Italy: Handbook for Travellers. Leipzig. p. 251].
- ↑ Connolly, Peter and Hazel Dodge (1998), The Ancient City: Life in Classical Athens & Rome, Oxford University Press, pp 109.
- ↑ Connolly, Peter and Hazel Dodge (1998), The Ancient City: Life in Classical Athens & Rome, Oxford University Press, pp 250-251.
- ↑ Marucchi, Op. cit., p. 9].
- ↑ Goodyear, W. H. (1899). Macmillan, ed. Roman and Medieval Art. New York. p. 109].