Saltar ao contido

Ágnatos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Agnatha»)
Ágnatos
(Agnatha)

Rango fósil: do Cámbrico ao presente

Lampetra fluviatilis L.
(lamprea de rio)
Clasificación científica
Superreino: Eukaryota
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Superclase: Agnatha
Cope, 1889

Os ágnatos (Agnatha, do grego ἀ- a- e γνάϑος gnáthos, mandíbula, literalmente: "sen mandíbulas") son un grupo parafilético [1] de vertebrados acuáticos que, xunto cos condrictios e os osteíctios, conforman o grupo parafilético coñecido popularmente como peixes. Na clasificación tradicional lineana considérase como unha superclase.

Son os vertebrados máis primitivos, caracterizados por careceren de mandíbulas, pola respiración branquial depedente da farinxe e pola persistencia da notocorda ou corda dorsal nos adultos.

Tradicionalmente os ágnatos dividíanse nas clases dos ostracodermos (Ostracoderma), isto é «os de pel dura», todos fósiles, e a dos ciclóstomos (Cyclostomi), é dicir, «os de boca circular», con formas actualmente viventes, moi simplificadas, e numerosas fósiles.

Debido a isto, adóitase identificar ágnatos con ciclóstomos.

Actualmente os ágnatos comprenden pouco máis de 100 especies actuais [2] e gran número de formas fósiles.

As especies actuais habitan en augas temperadas de ambos os hemisferios e nas tropicais máis frías.

Características

[editar | editar a fonte]
Reconstrución de Cephalaspis tenuicornis, un ágnato acoirazado do Devoniano.
Un ágnato actual: Myxine glutinosa L.

O único elemento característico común de todos os ágnatos (fósiles e actuais) é a ausencia de mandíbulas, un carácter claramente primitivo. As formas paleozoicas eran de aspecto moi diferente ás especies actuais e moitas tiñan fortes escudos óseos na cabeza como protección fronte aos predadores, e estaban cubertos de escamas de diversos tipos. Os ágnatos actuais teñen aspecto de anguía e carecen de escamas, presentando unha pel mucosa e esvaradía.

A ausencia de mandíbulas obriga a estes animais a solucionar a súa alimentación de forma particular: por succión, sistema polo que lamben o sangue ou os tecidos en descomposición dos peixes dos que se alimentan. No caso das lampreas, son animais hematófagos; no caso dos mixinos, necrófagos.

Sistemática

[editar | editar a fonte]

Durante moitas décadas admitíanse dous grupos, coa categoría de clases:

Hoxe, ambos os grupos son considerados tamén parafiléticos e dividíronse en 12 clases, das cales 9 están extintas:

Ágnatos actuais

[editar | editar a fonte]
Boca da lamprea, Petromyzon marinus L.
Foto realizada na Sala Maremagnum do Aquarium Finisterrae (Casa dos Peixes), na Coruña, Galicia, España.

Os ágnatos actuais caracterízanse pola ausencia de mandíbulas, o aspecto angüiliforme, a ausencia de aletas pares e presenza dunha única aleta impar continua (dorsal, caudal e anal), sete ou máis arcos branquiais e pel mucosa con ausencia de escamas.

Canto á anatomía, presentan un ollo pineal sensible á luz (homólogo da glándula pineal dos mamíferos), esqueleto cartilaxinoso e un corazón con dúas cámaras. Presentan notocorda tanto en estado larvario como adulto.

  1. Benton, Michael J. (2004). "3 Early Palaeozoic fishes". Vertebrate Palaeontology (3 ed.). Blackwell Publishing. p. 472. ISBN 978-0-632-05637-8. Arquivado dende o orixinal o 04 de outubro de 2013. Consultado o 24 de agosto de 2012. 
  2. Chapman, A. D. (2009): Numbers of Living Species in Australia and the World. 2ª ed. ISBN 978 0 642 56860 1 Sumario

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Árbore filoxenética dos ágnatos Arquivado 22 de abril de 2021 en Wayback Machine. Janvier, Philippe (1997): Vertebrata. Animals with backbones. Versión do 1 de xaneiro de 1997 (under construction).