Bora, Pontevedra
Santa Mariña de Bora | |
---|---|
igrexa parroquial | |
Concello | Pontevedra[1] |
Provincia | Pontevedra |
Coordenadas | 42°06′29″N 8°35′36″O / 42.10805556, -8.59333333 |
Poboación | 729 hab. (2017) |
Entidades de poboación | 17[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Santa Mariña de Bora é unha parroquia que se localiza no concello de Pontevedra. Segundo o padrón municipal en 2008 tiña 814 habitantes (411 mulleres e 403 homes), 58 menos ca en 2000. Ten dezasete entidades de poboación.
A festa patronal, santa Mariña, celébrase os días 22 e 23 de xullo.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Limita ao norte coa parroquia de Santo André de Xeve (a través do río Lérez), ao sur con Marcón, ao leste con Tenorio e Almofrei (do concello de Cerdedo-Cotobade, a través do río Almofrei) e ao oeste con Mourente. Está atravesada pola estrada N-541.
Historia
[editar | editar a fonte]Sobre os ríos hai dúas pontes antigas. Nunha delas librouse en 1809 unha decisiva batalla na Guerra da Independencia Española contra as tropas francesas do xeneral Ney.
No seu momento pertenceu ao concello de Mourente.
Patrimonio
[editar | editar a fonte]Da igrexa parroquial consérvanse un fragmento dun antigo baldaquino representando a Santiago e San Pedro, hoxe exposto no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.
Na parroquia hai tres petos de ánimas[2]:
O peto de ánimas dos Gardas Civís de Ponte Bora está no lugar do Pío, na parede dunha vivenda particular diante da estrada N-541. É de caste pechada e consta de dúas partes: a superior ten dous gardas civís facendo garda con escopeta e baioneta ante unha custodia, e inclúe a data AÑO DE 1851 rodeada do texto FUE DEBOCION D. DIEGO CERVINO. O retablo das ánimas, que aparece no libro de Castelao As cruces de pedra na Galiza, é de pedra policromada, pero coas cores xa esvaídas. Ten a pomba do Espírito Santo sobre a cabeza de Cristo crucificado xunto a dúas Virxes. Baixo deles hai tres ánimas: un bispo con mitra no centro, un cura con bonete á esquerda, e unha muller á dereita. Sobre o retablo aparece o texto HERMS. DEBOTOS DE LAS BENDITAS ANIMAS DEL PURGTO.
O peto de ánimas do Camiño Vello do Río está preto da ponte que cruza o Almofrei cara a Xeve, na parede dunha casa abandonada. É aberto cun pequeno tellado de pedra. O retablo é de pedra policromada cun Cristo na cruz entre dúas Virxes, con tres ánimas baixo eles: un cura con bonete no centro, un home á esquerda e unha muller á dereita.
O peto de ánimas de Tombo é de caste pechada cunha reixa metálica, encaixado na faciana dunha casa vellas. Ten retablo de madeira, en mal estado de conservación.
Bora na literatura popular
[editar | editar a fonte]Os dous refráns seguintes foron recollidos por Bouza Brey[3] aplicados ós afamados canteiros de Bora e da parroquia estremeira de Xeve. Explica que os canteiros desta localidade teñen sona de aduaneiros.
- De Bora, un, e de Xeve, ningún.
- Un de Xeve e outro de Bora botan ao mestre fóra da obra.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Ponte sobre o río Almofrei.
-
Peto de ánimas do Camiño Vello do Río.
-
Ponte sobre o río Lérez
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Decreto 219/1998, do 2 de xullo, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación da provincia de Pontevedra.
- ↑ Fernández de la Cigoña Núñez, E.: Esmoleiros e petos de ánimas da provincia de Pontevedra. Ir Indo, 1998.
- ↑ "Teatro de carnaval de Galicia", en Etnografía y folklore de Galicia. tomo II, Xerais 1982, 203. O artigo fora xa publicado en Revista de Dialectología y tradiciones populares, tomo V, Madrid 1949.
Lugares e parroquias
[editar | editar a fonte]Lugares de Bora
[editar | editar a fonte]Lugares da parroquia de Bora no concello de Pontevedra | |
---|---|
Cara | A Cardosa | A Corval | O Couto | A Igrexa | A Lameliña | As Leiras | O Pío | As Pontes | Portamuíño | O Quinteiro | O Salgueiral | O Teso | O Tombo | O Valo | Vilares |