Saltar ao contido

Pedro, papa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaPedro, papa

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinal(arc) 𐡔𐡌𐡏𐡅𐡍 𐡁𐡓 𐡉𐡅𐡍𐡄 Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento1 a. C. Editar o valor en Wikidata
Betsaida (Imperio Romano) Editar o valor en Wikidata
Morte13 de outubro de 64 ↔ 68 Editar o valor en Wikidata (64/65 anos)
Roma (Imperio Romano) Editar o valor en Wikidata
Causa da mortepena de morte, Crucifixión Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaNecrópole vaticana Editar o valor en Wikidata
Patriarca de Antioquía
37 – 54
← sen valor – Evodio de Antioquía →
Papa
33 – 67
← sen valor – Lino →
Apóstolo
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
ResidenciaXerusalén
Roma
Antioquía do Orontes
Cafarnaún Editar o valor en Wikidata
RelixiónXudeocristiáns Editar o valor en Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Roma Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpresbítero, pescador, bispo católico Editar o valor en Wikidata
Período de tempoAlto Imperio Romano Editar o valor en Wikidata
Período de actividade(Con vida en: século I Editar o valor en Wikidata)
ProfesoresXesús de Nazaret Editar o valor en Wikidata
AlumnosEvodio de Antioquía Editar o valor en Wikidata
Enaltecemento
Día de festividade relixiosa29 de xuño Editar o valor en Wikidata
Símbolo iconográficoChaves do Ceo, galo, tiara papal e Portas nacaradas Editar o valor en Wikidata
Familia
Cónxuxeesposa de San Pedro
Éden Editar o valor en Wikidata
IrmánsAndré Apóstolo Editar o valor en Wikidata
Parentessogra de san Pedro, sogra Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteDe viris illustribus
Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron
Enciclopedia Bíblica de Archimandrita Nicéforo Editar o valor en Wikidata
BNE: XX1063615

Simón (hebreo: שמעון , "Ximon"), chamado tamén Pedro ou Cefas, nado en Betsaida e finado en Roma en 67, foi segundo a tradición cristiá un dos doce apóstolos, discípulos de Xesús de Nazaret, a quen deixou encargado de dirixir o resto da súa Igrexa. Foi o primeiro patriarca de Antioquía e bispo de Roma e o primeiro papa da Igrexa católica.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

O seu nome de nacemento era Ximón, pero recibiu de Xesús o nome de Pedro (do grego πετρα ou do latín petra, "pedra") para indicar que sería a pedra angular da súa Igrexa[1]. Paulo de Tarso chamouno nos seus escritos כיפשׁ, Queifas 'pedra' en arameo, aínda cando Paulo empregaba o grego; Xoán o Evanxelista chamouno, polo xeral, "Simón Pedro".

Non se conta con máis detalles sobre a vida de Pedro cós que recolle no Novo Testamento, excepto por algúns documentos de Clemente Romano que tratan dos derradeiros anos da súa vida. De acordo coa narración evanxélica, Pedro era un pescador galileo que vivía en Cafarnaúm, oficio que exercía co seu irmán André; estaba ou estivera casado, posto que a curación da súa sogra se recolle nos evanxeos sinópticos[2].

Pedro incorporouse ao grupo dos apóstolos ao comezo da predicación de Xesús en Galilea. Segundo o testemuño de Xoán[3], foi o seu irmán André quen o introduciu ao grupo, tras terse contado ambos entre os seguidores de Xoán Bautista. A narración dos sinópticos contradí esta versión, porén, narrando que ao ver a ambos recoller as redes, Xesús convidou os dous irmáns a facerse pescadores de homes[4].

Pedro formou parte do grupo dos doce apóstolos; case invariablemente, os evanxelistas noméano á cabeza do grupo. Foi un dos tres discípulos íntimos, que, segundo a Biblia, foron testemuñas da transfiguración de Xesús[5]. Tras crer que Xesús era o Mesías agardado[6], recibiría del a profecía de que sería a base da Igrexa. Niso baséase a tradición católica que fai del bispo de Roma e cabeza da Igrexa, cargo que Pedro ocupou denantes de morrer.

Marcos, 14:30: Hoxe, esta mesma noite, antes que cante o galo por segunda vez, ti negarasme tres veces (san Pedro, no retablo da capela do Hospital (Cambados).

Os evanxeos recollen tamén a profecía de Xesús de que Pedro o traizoaría tres veces. Conforme os evanxeos, aínda cando a noite da derradeira cea Pedro xurou non apartarse de Xesús, ao seren interrogados polos soldados do sumo sacerdote que o detiveran, negou tres veces coñecelo antes do galo cantar, é dicir, antes de que a noite rematase[7]. Logo da resurrección segundo relata Xoán Evanxelista[8], Xesús aparéceselle aos discípulos, dirixíse a Pedro e faille reafirmar tres veces o seu amor por el.

Trala morte de Xesús, a figura de Pedro é menos precisa. Se ben varios dos evanxeos —tanto canónicos como apócrifos— deixan entrever que fora especialmente favorecido por Xesús, os testemuños non son sempre coherentes. O autor de Feitos dos Apóstolos, porén, presenta a Pedro como unha figura crucial das comunidades paleocristiás; é el quen preside a selección da substitución de Xudas Iscariote[9] e quen é examinado publicamente polo sanedrín[10], tras curar milagrosamente un home ás portas do Templo de Xerusalén. Emprende misións a Lidia, Iafa e Cesarea e está presente no Concilio de Xerusalén, cando Paulo sostén que a mensaxe de Xesús se debe estende tamén aos xentís. A prédica de Pedro, porén, estivo polo xeral limitada ao pobo xudeu.

O autor dos Feitos céntrase logo nas obras de Paulo, polo que dos anos posteriores é moito o que se ignora. De acordo coa Epístola aos gálatas, trasladouse a Antioquía, onde Paulo o atopou máis tarde[11]; tradicionalmente considérase o primeiro bispo e patriarca desta cidade. A Primeira epístola aos corintios deixa entrever que Pedro quizais visitou a cidade nas súas misións[12].

Crucifixión de Pedro, obra de Caravaggio.

A tradición narra que Pedro acabou os seus días en Roma, onde foi bispo, que alí morreu martirizado baixo o mandato de Nerón no Circo Vaticano, e que foi sepultado a pouca distancia do lugar do seu martirio no ano 258[13] onde a principios do século IV o emperador Constantino mandou construír a gran basílica vaticana. Un texto da Primeira epístola de san Pedro que envía saúdos dende "a Igrexa que está en Babilonia"[14] interpretouse tamén moitas veces en sentido figurado, como sinal de que Pedro escribía dende Roma. En todo caso, é concluínte a evidencia de que, cando Paulo escribiu a súa Epístola aos romanos, Pedro non se atopaba na cidade. O primeiro que menciona a Pedro como bispo de Roma é Ireneo de Lión, xa no século II.

Clemente Romano, na súa carta aos corintios, data a súa morte na época das persecucións de Nerón. O evanxeo de Xoán di que Pedro foi crucificado boca abaixo. Pedro de Alexandría, que foi bispo desa cidade e faleceu en torno a 311, escribiu un tratado chamado Penitencia onde di: "Pedro, o primeiro dos apóstolos, sendo apresado a miúdo e encerrado en cadea e tratado con ignominia, foi finalmente crucificado en Roma". Oríxenes no seu Comentario ao libro da Xénese III, citado por Eusebio de Cesarea, di que Pedro pediu ser crucificado cabeza abaixo por non considerarse digno de morrer do mesmo xeito que Xesús. O mesmo relata Xerome de Estridón na súa obra Vidas de homes ilustres. Flavio Xosefo relata que a práctica de crucificar criminais en posicións distintas era común entre os soldados.

Pescuda dos restos

[editar | editar a fonte]
Escultura na igrexa de San Pedro in Gallicantu, Xerusalén, que representa o momento do canto do galo na noite do prendemento de Xesús.

En 1939 o papa Pío XII ordenou a escavación nos subterráneos do Vaticano para tratar de comprobar á tradición que naquel tempo se puña en dúbida: que o Vaticano era a auténtica tumba do apóstolo Pedro. As escavacións duraron ata 1949. Atopouse unha necrópole que se estendía de oeste a leste en paralelo ao Circo de Nerón. A necrópole estaba asolagada de terra, posiblemente por ser a base da basílica primixenia. Atopáronse cinco monumentos, o máis antigo do século II. Incluíase unha parte dun edificio pegado a un muro revocado en vermello que servía de fondo para o máis antigo dos monumentos. Neste edificio pequeno acháronse unhas inscricións anteriores a Constantino, mostra da devoción dos fieis. Unha das inscricións sinalaba Petrus eni ("velaquí está Pedro"). Tamén se atopou un lugar onde debería estar a tumba pero non había nada. Pola evidencia dada, Pío XII suspendeu as escavacións e anunciou que se atopara a tumba de Pedro.

Margherita Guarducci, arqueóloga, proseguiu as investigacións en 1952. Estudou e descifrou o famoso muro das inscricións e descubriu o uso dunha criptografía de xeito místico: o uso repetitivo das letras "P", "PE" e "PET" como abreviatura do nome de Pedro, aínda que normalmente se vinculaba ao de Cristo. Así mesmo hai aclamacións a Cristo, María, Pedro, a Cristo como segunda persoa da Trindade e á Trindade. Os restos físicos de Pedro foron atopados anos despois. Segundo a interpretación da arqueóloga, cando Constantino quixo facer a Basílica os ósos foron desoterrados e envoltos nun manto de púrpura e ouro e depositados no nicho onde debían estar, pero durante as escavacións os obreiros usaron o martinete para derrubar muros e, para chegar rapidamente á tumba, provocaron un derrubamento sobre os restos, que quedaron mesturados cos cascallos. Monseñor Cas, xefe da Fábrica de San Pedro, gardou todos os restos humanos e así ficaron dez anos sen que ninguén soubese a súa procedencia.

O antropólogo Venerando Correnti estudou os ósos e sinalou que os había humanos e dun rato, que deberá quedar atrapado tempo despois do enterro. Os ósos humanos presentaban as seguintes características:

  1. Tiñan adherida terra, mentres que os ósos de rato estaban limpos. Analizouse a terra adherida aos ósos humanos e é da mesma terra da tumba aberta e que foi atopada baleira, identificada por Pío XII como a de san Pedro; as tumbas lindeiras tiñan outra clase de terra.
  2. Os ósos estaban coloreados de vermello por estaren envolveitos nun pano de púrpura e ouro. Hai fíos de ouro e da tea incluso adheridos a algúns ósos. A calidade do pano é indicio da veneración que debía recibir o corpo. Estes ósos foron retirados presuntamente da tumba de terra e gardados no nicho para protexelos da humidade do terreo. Este nicho permaneceu intacto dende Constantino ata o século XX.
  3. Os ósos humanos son da mesma persoa: home, de complexión robusta, que morreu a unha idade avanzada e viviu no século I.

En 1964 as investigacións de Guarducci remataron e un ano despois publicou o seu libro Reliquie Di Pietro Sotto La Confossione della Basílica Vaticana ("As reliquias de Pedro baixo a confesión da Basílica Vaticana"), libro fortemente discutido. En 1968 Paulo VI anunciou que, segundo os estudos científicos realizados, había certeza abonda de que se atoparan os restos do apóstolo.

Entre os escritos do Novo Testamento, considérase habitualmente que no evanxeo de Marcos este, discípulo de Pedro, recolle as súas ensinanzas. Ademais, existen dúas epístolas atribuídas a Pedro.

A Primeira epístola de Pedro presenta un grego de gran calidade, maior da que se debía agardar para un pescador[15] que tiña como lingua materna o arameo, de aí que se supoña que foi redactado por un amanuense directamente das palabras de Pedro.

A autenticidade da Segunda epístola de Pedro é moitísimo máis discutida. De acordo cos estudos de Raymond E. Brown, este texto era descoñecido en Occidente ata arredor do ano 350 e aínda despois foi rexeitado por moitos cristiáns. En Oriente a súa aceptación chegou aínda máis tarde, no século VI nalgúns casos. En calquera caso, a primeira mención do texto é unha referencia a Oríxenes recollida por Eusebio arredor de 250. Numerosos autores teñen sinalado que o estilo é moi similar ao dunha carta apócrifa antigamente atribuída a Clemente Romano (a Segunda epístola de Clemente), polo que é posíbel que o seu autor fose o mesmo. Razóns argumentais demostraron que o seu redactor coñecía a Epístola de Xudas.

Outras obras apócrifas teñen circulado coa pretensión de recoller as palabras ou os feitos de Pedro. Dende a antigüidade, porén, tense cuestionada a súa autenticidade:

Santidade

[editar | editar a fonte]

Como todos os apóstolos, é considerado santo na tradición católica. É patrón dos papas, dos pescadores, dos mariñeiros, dos panadeiros, dos segadores, dos carniceiros, dos cristaleiros, dos zapateiros, dos reloxeiros, dos ferreiros, dos albaneis, dos construtores de pontes, dos fiadores e dos penitentes. A súa axuda invócase para as mordeduras de serpe, a rabia, a posesión diabólica, o roubo e as enfermidades das pernas.

A súa festa é o 29 de xuño, a canda a de Paulo, pois crese que nesa data se trasladaron os seus restos ao seu soterramento definitivo, en 258.

Parroquias galegas

[editar | editar a fonte]
Mapa coas advocacións de san Pedro en Galicia, unha das máis numerosas.

San Pedro apóstolo é titular de 322 parroquias en Galicia, e patrón dos concellos de Melide, Miño, Muros e O Pino (na Coruña); Muras e Riotorto (en Lugo); Leiro, Quintela de Leirado e Xunqueira de Ambía (en Ourense); e Agolada, Crecente e Nigrán (en Pontevedra).

Iconografía

[editar | editar a fonte]
San Pedro (San Román de Santiso, Lalín).
San Pedro papa (San Pedro de Cornazo, Vilagarcía de Arousa).

Na honra a Pedro, os Papas da Igrexa Católica levan un anel coa imaxe do santo botando as redes ao mar, chamado o anel do Pescador.

Na pasaxe do Evanxeo de Mateu en que Xesús nomea a Pedro base da Igrexa, o evanxelista engade que recibirá as chaves do Ceo e da terra[16]. Esta é probablemente a base da representación habitual de Pedro na iconografía como portador dun par de chaves (por veces unha soa), que constan tamén na heráldica vaticana.

A representación convencional de Pedro amósao xa ancián, portando as chaves. Entre os seus atributos cóntanse tamén o libro ou un rolo de pergamiño (atributos xerais dos apóstolos), o barco (pola súa profesión), e o galo (pola súa traizón).

As escenas do seu martirio preséntano polo xeral cabeza abaixo.

Ocasionalmente revísteselle cos atributos do seu cargo como bispo ou como papa, se ben as tradicións relativas a estes non se fixaron ata moito máis tarde. Nesta representación viste con capa e tiara papal de tres coroas superpostas, e co bordón de tres cruces na man esquerda, mentres que levanta a man dereita en actitude de beicer.


Predecesor:
inexistente
 
1º papa
 
32-67
Sucesor:
Lino
  1. Novo Testamento. Mateu 16:17-19, Marcos 8:29, Lucas 9:20
  2. Novo Testamento. Mateu 8:14-17, Marcos 1:29-31, Lucas 4:38
  3. Novo Testamento. Xoán 1:40-42
  4. Novo Testamento. Mateu 4:18-22, Marcos 1:16-20, Lucas 5:1-10
  5. Novo Testamento. Marcos 9:1
  6. Novo Testamento. Marcos 8:29
  7. Novo Testamento. Mateo 26:69-75, Marcos 14:66-72, Lucas 22:54-62, Xoán 18:25-27
  8. Novo Testamento. Xoán 21:15-17
  9. Novo Testamento. Feitos 1:15-26
  10. Novo Testamento. Feitos 4:7-22, Feitos 5:18-42
  11. Novo Testamento. Gálatas 2:11
  12. Novo Testamento. 1Corintios 1:12
  13. Donald Attwater. A Dictionay of the Popes. The Catholic Book Club, Londres, 1939.
  14. Novo Testamento. 1Pedro 5:13
  15. Novo Testamento. Feitos 4:13.
  16. Novo Testamento. Mateo 16.