Saltar ao contido

Carso (xeografía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O Carso na localidade de Duino (provincia de Trieste (Italia).

O Carso (en italiano Carso, en esloveno Kras, en friulano Cjars, en croata Krš, en alemán Karst), tamén coñecido como meseta Cársica ou meseta do Kras, é unha meseta rochosa calcaria de modesta altitude (máximo de 456 m) que se estende desde o nordeste de Italia, aos pés dos Alpes Xulianos (provincias de Gorizia e Trieste), até os Alpes Dináricos (montañas Velebit), no extremo noroeste de Croacia, en Istria, pasando pola parte occidental de Eslovenia.

Na súa maior parte, é unha rexión fronteiriza no sueste de Eslovenia que se encontra entre o val de Vipava, os baixos outeiros ao redor do val, a parte máis occidental dos outeiros de Brkini, e o golfo de Trieste. A súa marxe occidental é tamén a fronteira étnica tradicional entre italianos e eslovenos.

A rexión é famosa por ter sido a inspiración para o termo xeolóxico karst.

O relevo cársico debe o seu nome ao desta rexión. É un relevo rico en cavidades naturais, dada a extrema solubilidade das rochas calcarias, particularmente en auga cargada de dióxido de carbono, presente na auga da chuvia. Esta grutas posibilitaron a formación de diversas sociedades espeleolóxicas, e a rexión está atravesada por unha gran rede de sendeiros e camiños que permiten de forma especial o desenvolvemento do ecoturismo.

Etimoloxía

[editar | editar a fonte]

Na súa orixe era un termo 'normal' utilizado polos habitantes das montañas dos Alpes orientais para indicar que unha determinada zona está espida, sen vexetación ou pastos.

O topónimo era unha especie de comentario co que se lle indicaba ao viandante que viña de fóra do perigo que corría nestas zonas cheas de funís profundos, a miúdo ocultos entre as pedras. Unha palabra local que os xeólogos, ao redor de 1870, comezaron a utilizar, converténdoo nun termo técnico.

Hoxe serve para designar un territorio de media montaña composto por calcarias cristalinas degradadas por disolución de augas (na súa maioría subterráneas).

A etimoloxía relaciónase cunha base preindoeuropea kar 'lugar rochoso', pero debemos reflexionar sobre o feito de que os falantes da zona cos termos carso e carsadelo designan tanto a 'culler' como á 'greta que penetra profundamente no solo'. Máis tarde se utilizaría esta idea para designar o resultado da erosión sobre as rochas.

O carsadelo era para o montañés a greta que se interpoñía no seu camiño e que debía evitar coidadosamente. Na mesma zona hai outros dous termos para indicar as fisuras nas montañas, a saber, foiba (do latín fovea) e trebuchet (como unha metáfora, e derivada dunha palabra latina). Máis dun se pregunta por que os romanos e os seus descendentes permaneceron indiferentes cara estes perigosos pozos e se negaron a darlles un nome, e simplemente repetiron un vello termo (que non significaba nada máis que rocha, sen sinalar todas as implicacións de perigo que se mencionaron).

Sabemos que foron empregados polos montañeses moitos termos para indicar as fisuras nas rochas das montañas. Quizais para carso, carst, karst, encontrámonos en presenza non dun nome arcaico senón máis ben dunha metáfora que estaba arraigada na imaxinación popular. Deste tipo lexical, cars-, cras-, deriva o italiano carso e o esloveno karst (con t secundario). Incluso en zonas da ex Iugoslavia úsase este termo véneto e así fálase, por exemplo, de kras en Eslovenia para indicar un abismo que se abre na montaña e tamén de 'rocha de pouca consistencia', 'lugar pedregoso', 'zona pedregosa'.

É de observar que o italiano trabucco ten a mesma connotación que se encontra no carso, krst: a idea do embude onde o pastor a miúdo cae. Trátase dun derivado de trabucco, desbordamento, trampa.[1]

Xeografía

[editar | editar a fonte]
Indumentaria tradicional do Carso nunha celebración conmemorativa eslovena en Basovizza, preto de Trieste.
Campesiños do Carso nun gravado da monografía Die Ehre deß Hertzogthums Crain de Janez Vajkard Valvasor, século XVII.
Acantilado na reserva natural de Duino.

A meseta ascende bastante abruptamente por riba da paisaxe dos arredores, coa excepción do lado sueste, onde o empinamento é menos pronunciado. A meseta descende gradualmente do sueste ao suroeste. De media, encóntrase a uns 334 m sobre o nivel do mar. Debido a que o Carso descende abruptamente cara ao mar Adriático, está menos exposto aos efectos climatolóxicos beneficiosos do mar.

A principal vexetación no pasado eran carballos, pero agora hai bosques de piñeiros. Os bosques actualmente cobren só un terzo do Carso. Moita da madeira para os postes que sosteñen a cidade-illa de Venecia (Italia) veu desta rexión.

O Carso é famoso polas súas covas. En Eslovenia, figuran as covas de Vilenica (a cova turística máis antiga do mundo), de Lipica, de Divača, de Kačna, a cova de Postojna e as covas de Škocjan (Patrimonio da Humanidade da UNESCO), mentres que en Italia está a Grotta Gigante (a cova turística máis grande do mundo, cun péndulo horizontal especial que mide o efecto do fluxo e refluxo da Lúa sobre a Terra).

A maior parte do Carso está situado no litoral esloveno, nunha área de 429 km2, e ten unha poboación dunhas 19 000 persoas. O Carso na súa totalidade ten exactamente 100 asentamentos.

A vila de Sežana é o centro da rexión no lado esloveno da fronteira. Os principais centros rurais son os asentamentos de Divača, Dutovlje e Komen. Štanjel é un pintoresco asentamento concentrado na parte superior do bordo norte da meseta; as súas casas están agrupadas apertadamente ao redor do outeiro de Turn, dándolle a aparencia dun pobo medieval. No lado italiano da fronteira figuran os importantes asentamentos de Vila Opicina, Duino e Aurisina.

As condicións naturais, incluíndo o vento bora (burja) e o estilo de vida local, formaron os elementos da arquitectura cársica, creando formas simples pero ben definidas. O Carso é célebre polo seu viño tinto espeso, coñecido como teran, e o prosciutto (xamón). Un dos principais centros turísticos da zona é Lipica, con cortes de cabalos (a orixe da raza de cabalos lipizzana), así como outras instalacións turísticas.

Naturais do país e residentes famosos

[editar | editar a fonte]

Entre as persoas famosas que naceron ou viviron na rexión figuran os poetas Srečko Kosovel, Igo Gruden e Ciril Zlobec, o activista social Danilo Dolci, o arquitecto Max Fabiani, os pintores Avgust Černigoj e Lojze Spacal, os escritores Alojz Rebula, Igor Torkar e Bogomir Magajna, o teólogo Anton Mahnič, os políticos Drago Marušič e Josip Ferfolja, o economista Milko Brezigar e a actriz Ita Rina.

A paisaxe pintoresca do Carso inspirou a numerosos artistas que non eran da rexión, entre eles aos poetas Rainer Maria Rilke, Alojz Gradnik e Edvard Kocbek, os ensaístas Scipio Slataper e Marjan Rožanc, os escritores Fulvio Tomizza e Susanna Tamaro e o director cinematográfico Jan Cvitkovič. Moitos artistas e autores asentáronse na zona, como Josip Osti e Taras Kermauner.

Reserva da biosfera

[editar | editar a fonte]

Parte do Carso esloveno está declarado reserva da biosfera desde o ano 2004. O nome da reserva é "O Karst", e iso débese a que é o lugar de referencia de todos os estudos sobre o carso ou karst do mundo. Na reserva encóntrase o parque rexional das Grutas de Škocjan, que son tamén un lugar patrimonio da humanidade e unha zona húmida de importancia internacional protexido pola Convención de Ramsar. Pero non só hai ecosistemas subterráneos de carso, senón tamén bosques de plantas esclerófilas de de folla perenne.

A zona núcleo ten unha extensión de 413 hectáreas, e vai desde os 45°39'15" até os 45°41'N; e dos 13°58'30" até os 14°01'30"E 45°40′N 13°59′L / 45.667, -13.983. A zona tampón ten 45 000 hectáreas, e a de transición, 14 780. Ten unha altitude que vai desde os 200 até os 475 msnm.

Extensión xeográfica

[editar | editar a fonte]

Entre os municipios que están completa ou parcialmente no territorio do Carso figuran:

Algunhas veces tamén se inclúe a rexión ao redor de Pivka.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
  1. Lurati, Ottavio: "Toponymie et géologie", in Quaderni di semantica, ano XXIX, número 2, decembro de 2008, p. 440.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Bubola, Rosanna (2006): Vivere il Carso. Pro Loco di Trieste (Basadello di Campoformico (Udine): La tipografica.
  • Gobessi, Massimo & Dolce, Sergio (2006): Il Carso in tasca. Trieste: Edizioni Luglio.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]