Saltar ao contido

Cuarzo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cuarzo
Cuarzo variedade hialino (cuarzo puro)
Fórmula químicaSiO2
ClaseSilicatos
SubclaseTectosilicatos
Sistema cristalinoRomboédrico (hexagonal a máis de 537 °C)
CorToda a gama
BrilloVítreo
Dureza7
FracturaConcoidea
ExfoliaciónPerfecta
RaiaBranca
Densidade2,65 g/cm3

O cuarzo é un mineral da clase 4 (óxidos), segundo a clasificación de Strunz, composto de dióxido de silicio, tamén chamado sílice, SiO2. Ás veces, e incorrectamente, tamén é denominado seixo.[1]

Non é susceptíbel de exfoliación, porque cristaliza no sistema trigonal (romboédrico).

Incoloro en estado puro, pode adoptar numerosas tonalidades se leva impurezas (é alocromático).[2]

A súa dureza é tal que pode raiar os aceiros comúns.[3]

É moi abundante nas rochas graníticas. Preséntase en cristais, ás veces de tamaños considerábeis, hexagonais, coroados por unha pirámide trigonal. Estes cristais pódense encontrar o mesmo illados que maclados segundo tres importantes leis: Delfinado, no Brasil e o Xapón, ou en agrupacións formando drusas ou xeodas. Os cristais adoitan presentar inclusións doutros minerais, auga ou gases. Tamén aparece en grans irregulares ou compactos.

Quimicamente moi inerte, é resistente á meteorización química que provoca a intemperie, á vez que os seus grans son moi duros e difíciles de erosionar na súa superficie. Como consecuencia, o cuarzo dun granito permanece enteiro, mentres que os outros minerais (micas e feldespatos) se converten en arxilas ao disgregárense. As arxilas son esenciais nos procesos sedimentarios, mentres que os grans de cuarzo son os que forman a maior parte das areas.

Formación

[editar | editar a fonte]

O cuarzo fórmase primariamente durante a cristalización lenta dos magmas terminais moi ácidos, que son os que permanecen de forma residual cando, durante o ascenso, vanse segregando en rexións profundas os silicatos ferromagnésicos, de cor escura. Como resultado, o cuarzo é un dos minerais que caracterizan a composición das rochas magmáticas plutónicas que forman o zócolo ou baseamento dos continentes, especialmente o granito. O cuarzo é o último dos minerais en se solidificar durante a formación destas rochas, así que a súa forma se adapta á dos cristais preexistentes, e as súas caras non reflicten a súa estrutura cristalina.

O cuarzo no seu estado puro é un mineral incoloro e transparente. Pode presentarse en forma masiva, ocupando filóns entre as cavidades das rochas, recubrindo cun manto as superficies convexas (drusas) ou cóncavas (xeodas). É frecuente que se presente na súa forma cristalina (tubulares hexagonais cunha pirámide no seu extremo) e que adopte, segundo o tipo de impurezas que conteña, todo tipo de coloracións. Ademais podemos clasificar o cuarzo, segundo o tamaño dos seus cristais: macrocristalino (se está formado por cristais grandes) ou criptocristalino (se está formado por microcristais imperceptibles para o ollo humano).

Variedades do cuarzo macrocristalino

[editar | editar a fonte]
Diferentes tonalidades que pode presentar o cuarzo segundo a variedade
  • Afumado
Vai das tonalidades agrisadas pardas máis claras ata o negro tamén chamado morión. É típico dalgunhas zonas de Suíza.
  • Ametista
Típica tamén das Minas Gerais do Brasil, esta variedade de cuarzo é de cor violeta ou morada, por incluír na súa composición residuos de óxidos de ferro.
  • Citrino
O citrino é un cuarzo que vai dende a coloración amarela máis tenue ata a parda máis escura. A súa coloración é debida á inclusión de óxidos hidratados de ferro.
  • Falso zafiro
Variedade de cuarzo de cor azul, que recorda ó zafiro.
  • Hialino
Tamén é chamado cristal de rocha. É o cuarzo puro e como tal non presenta coloración ningunha. Pódese atopar con facilidade en minas do Brasil (Minas Gerais) e en Madagascar. Utilízase en xoiería para a elaboración de xemas.
  • Leitoso
É de cor branca pola inclusión de gases e erros da súa estrutura durante o seu crecemento.
  • Prasio
O prasio é unha variedade de cuarzo de cor verde, debida á inclusión de impurezas de mica da variedade fuchsita.
  • Rosado
É moi raro que este tipo de cuarzo apareza na súa forma cristalina. Faino, polo tanto, en forma de masa de cor rosada debida á inclusión de átomos de titanio e manganeso na súa composición.
  • Xacinto de Compostela
Ou tamén chamado hematoide. É de cor vermella opaca pola presenza de ferro en forma de óxidos. En España este mineral é típico de Valencia.

Propiedades

[editar | editar a fonte]

Debido as súas propiedades de dureza, elevada resistencia á compresión e estabilidade ante os ácidos e meteorización é moi dificilmente atacable, tanto por vía mecánica como por vía química.

Propiedades físicas

[editar | editar a fonte]

Propiedades piezoeléctricas

[editar | editar a fonte]

O cuarzo coñécese polas súas propiedades piezoeléctricas: cando se comprime, prodúcese unha separación de cargas eléctricas que xera á súa vez unha diferenza de tensión e, de xeito recíproco, reacciona mecanicamente cando se somete a certa voltaxe. Este efecto convérteo nun elemento de grande utilidade para gran variedade de transdutores, dende chisqueiros até altofalantes.

Comportamento resoante

[editar | editar a fonte]

Outra característica interesante dun cristal de cuarzo é a súa capacidade de presentar un comportamento resoante. Do mesmo xeito que un péndulo ou unha carriola oscila cunha frecuencia propia ao darlle impulso e deixalos moverse libremente, un cristal de cuarzo sometido a un estímulo eléctrico pode continuar vibrando a unha certa frecuencia (dependente da propia natureza do cristal), até perder ese impulso inicial. Se se mantén o estímulo de forma periódica e sincronizada, teremos un sinal a unha frecuencia extraordinariamente precisa, no que podería considerarse a contrapartida electrónica dun reloxo de péndulo. Esta aplicación é común en calquera tipo de sistemas electrónicos como reloxos, microprocesadores, e osciladores.

Termoluminescencia

[editar | editar a fonte]

A termoluminescencia é a capacidade de emitir luz cando se somete a unha fonte calorífica. Os raios cósmicos producen cambios na estrutura cristalina do cuarzo que se acumulan co tempo. Cando o cuarzo se quenta, a estrutura volve para a normalidade, emitindo luz. Canto máis tempo foi radiado, máis luz emite o cuarzo. Ao medir as lonxitudes de onda, e comparalas con elementos xa datados, pódese obter o tempo que estivo exposto á intemperie (datación por termoluminescencia).

Propiedades abrasivas

[editar | editar a fonte]

Emprégase como abrasivo, citándose como area silícea, sendo o abrasivo máis usado polo seu baixo prezo, utilizándose para a fabricación de lixas, discos ou bloques e, principalmente, en sistemas de abrasión por medio chorro de aire a presión (chorro de area).

Lugares onde se atopa

[editar | editar a fonte]

O cuarzo constitúe aproximadamente o 18% da codia da Terra e é polo tanto un mineral omnipresente en tódalas partes do mundo. Os xacementos do Brasil son explotados a nivel mundial, en especial os de cuarzo hialino das famosas Minas Xerais e os de ametistas e ágatas en Río Grande do Sul.

Produción mundial

[editar | editar a fonte]
Estado Produción no 2005 (en toneladas)
Estados Unidos 30 600
Eslovenia 11 000
Alemaña 8 160
Austria 6 800
Francia 6 500
España 6 500
Xapón 4 850
Reino Unido 4 500
Australia 4 000
Brasil 1 600
Portugal 5
Resto do mundo 33 485
Totais 118 000

Fonte(en inglés):USGS (Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos)

Usos do cuarzo

[editar | editar a fonte]

O cuarzo, no seu estado puro, é utilizado polas súas propiedades e o seu baixo custo coma material abrasivo para a fabricación de lixas ou discos. Ten gran perigosidade ó ser respirado, xa que pode ser causante de silicose. Por iso arestora está a ser trocado por outros abrasivos de menos risco para a saúde, aínda que nos países subdesenvolvidos o seu uso segue a ser moi popular.

O cuarzo, polas súas propiedades piezoeléctricas, é utilizado como material de precisión en aparellos como os reloxos, os altofalantes, as radios ou os procesadores dos nosos ordenadores.

Os exemplares máis estéticos utilízanse coma material ornamental ou de coleccionismo, como xoias, enfeites, pequenas esculturas etc.

Tamén se emprega para area de moldes de fundición, fabricación de vidro, esmalte, saponáceos, dentífricos, fibras ópticas, refractarios, cerámica...

  1. Área de Linguaxes Especializadas, SNL da Universidade de Santiago de Compostela (ed.). "Onde se mercan reloxos de seixo?". Un idioma precis.  Na realidade, seixo non é sinónimo de cuarzo, senón o nome que se lle dá adoito a unha variedade deste mineral, de cor branca, moi abundante en Galicia.
  2. Dise que é alocromático un mineral incoloros en estado puro e que adquire coloración cando na súa rede cristalina se introducen certos elementos alleos á súa fórmula química.
  3. efunda.com (en inglés)

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]