Cutícula (artrópodos)
En zooloxía, chámase cutícula á cobertura resistente, pero flexíbel, do corpo dos animais do clado dos ecdisozoos, que inclúe os artrópodos, os nematodos e varios outros filos.
Nos artrópodos, a cutícula é a capa máis exterior do tegumento, inmediatamente por encima da epiderme e segregada por esta (concretamente, pola hipoderme). É unha formación ríxida, acelular (sen células), de estrutura complexa e endurecida por quitina, entre outras substancias. A súa función é dupla; por un lado é unha capa ríxida protectora e impermeábel; en segundo lugar, é el punto de ancoraxe dos músculos do animal, de maneira que actúa como esqueleto externo (exoesqueleto). Periodicamente despréndese do corpo do animal e fórmase de novo para permitir o crecemento deste mediante a écdise ou muda.[1]
Nos moluscos, é a capa máis externa da parede do corpo, situada sobre a epiderme, e composta por aminoácidos e proteínas endurecidas (conchina). Non adoita ter, salvo talvez nos caudofoveados, quitina.[1]
Nos nematodos, é unha cuberta inerte, grosa e elástica, que reviste a epiderme destes aniamis, coa superficie lisa, estriada ou anelada, e composta por dúas ou tres capas de proteínas e coláxeno, das que a inferior é, nas especies parasitas e terrestres, moi grosa e fiobrosa.[1]
Nos tardígrados e máis nos endoproctos, é unha fina capa ou película acelular, de material endurecido, que está encima da epiderme e que pode ser periodicamente mudada.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 Garrido, Carlos (1997): Dicionário terminológico quadrilíngue de zoologia dos invertebrados. A Coruña: Associaçom Galega da Língua. ISBN 84-87305-12-1.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Cutícula |
Este artigo sobre zooloxía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír. |