Saltar ao contido

Fernando de Casas Novoa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaFernando de Casas Novoa
Biografía
Nacementoc. 1670 Editar o valor en Wikidata
Santiago de Compostela, España Editar o valor en Wikidata
Morte25 de novembro de 1749 Editar o valor en Wikidata (78/79 anos)
Santiago de Compostela, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónarquitecto Editar o valor en Wikidata

BNE: XX881262 BUSC: casas-novoa-fernando-de-1670-1749


Fachada da catedral, cumio da obra de Casas Novoa.
Fachada desde a Acibechería (praza da Inmaculada) do mosteiro de San Martiño Pinario.

Fernando de Casas Novoa,[1] nado ao redor de 1670 e falecido o 25 de novembro de 1749,[2] foi un arquitecto galego barroco.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Naceu nunha familia de clase baixa. Comezou con frei Gabriel de Casas a traballar no claustro do conxunto catedralicio de Lugo, e á morte do seu mestre encargouse plenamente da execución das obras. Ten un só piso de altura considerable e é estruturado por parellas de pilastras con decoración vexetal semellante á de Domingo de Andrade.

En 1711 designárono mestre de obras da catedral de Santiago de Compostela. Continuou as obras de Domingo de Andrade na capela do Pilar, onde buscou orixinais efectos cromáticos e ornamentais. Como solución de empalme entre a fachada do claustro e o Tesouro, realizou o Esconce das Praterías.

O arcebispo Antonio de Monroy encargoulle varias obras do seu patrocinio: a igrexa dos dominicos de Betanzos e o colexio das Orfas de Santiago de Compostela. Aquí salienta o campanario, onde utiliza as placas consonte o estilo de Simón Rodríguez. Monroy contratou tamén con el o conxunto conventual das capuchinas da Coruña, obra na que amosa unha autocontención decorativa segundo o espírito franciscano. A igrexa do convento de Belvís, en Santiago de Compostela, segue o mesmo espírito de sobriedade.

Na capela da Nosa Señora dos Ollos Grandes da catedral de Lugo deseñou unha cúpula sobre bóvedas de forno, arcadas que arrincan dos piares, rica policromía onde mandan os dourados, volutas e variada iconografía. Capela e baldaquino constitúen conxuntamente unha das obras cumes do barroco galego.

Realizou tamén a igrexa dos monxes bieitos do mosteiro de San Salvador de Lourenzá, con fachada esvelta e elegante. Seguiu con traballos para a igrexa dos xesuítas na Coruña, a de Santo André de Cedeira (Redondela) e para a sancristía, claustro e a portada principal do impoñente mosteiro de San Martiño Pinario. Mestre de obras deste cenobio, deixou nel o retablo maior bifronte da igrexa beneditina. Esta realización, cos retablos laterais e os dous órganos na mesma igrexa constitúen un conxunto escénico e artístico de alto nivel. Tamén nesta basílica deseñou a capela de Nosa Señora do Rosario.

A súa obra máis coñecida é a fachada do Obradoiro da catedral compostelá, que destaca pola profusión decorativa esencialmente xeométrica e a estrutura ascensional, o formato cóncavo, a solidez, a verticalidade e as membranas de vidro como solución lumínica. A iconografía baseada na figura do Apóstolo Santiago, os seus pais, o seu irmán e os seus discípulos, así como a inspiración nun arco de triunfo clásico, fan deste conxunto a apoteose do espírito xacobeo. Porén, faleceu o 25 de novembro de 1749, pouco antes de poder ver rematada a obra. Foi soterrado na capela do Sancti Spiritus.[2]

  1. "Casas Novoa, Fernando de". Diciopedia do século 21 1. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 452. 
  2. 2,0 2,1 García Iglesias, José Manuel (2018). "Fernando de Casas Nóvoa". dbe.rah.es (en castelán). Consultado o 11 de xuño de 2024. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]