Florida Occidental
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Capitanía Xeral | Capitanía Xeneral de Cuba | ||||
Capital | Pensacola (pt) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Creación | 25 de novembro de 1783: Tratados de Versalhes (1783) (pt) | ||||
Disolución | 22 de febreiro de 1821 | ||||
Sucedido por | República da Flórida Ocidental (pt) , Territorio de Mississippi e Território da Flórida (pt) | ||||
Florida Occidental (inglés: West Florida, castelán: Florida Occidental) foi unha rexión na beira norte do golfo de México, que foi sometida a varios cambios nas súas fronteiras e soberanía ao longo da súa historia. A provincia foi fundada polos británicos en 1763 coas terras cedidas por españois e franceses. Como o seu nome suxire, formouse a partir da parte occidental da antiga Florida española (a Florida Oriental constituíuse na parte leste), xunto con terras tomadas da Louisiana francesa. A capital de Florida Occidental foi Pensacola. A colonia incluíu a maior parte do que hoxe é a Florida Panhandle, ademais de partes dos actuais estados de Louisiana, Mississippi e Alabama.
Gran Bretaña fundou as Florida Occidental e Florida Oriental a partir de terras arrebatadas ao Reino de Francia e España despois da Guerra franco-india. Como o novo territorio adquirido era demasiado grande para ser gobernado desde un só centro administrativo, os británicos dividírono en dúas novas colonias separadas polo río Apalachicola. O goberno da Florida Occidental británica estableceuse en Pensacola, incluíndo a colonia a parte da antiga Florida española que estaba ao oeste do Apalachicola, engadíndolle partes da antiga Luisiana francesa. Polo tanto, comprendía todo o territorio situado entre os ríos Mississippi e Apalachicola, cunha fronteira setentrional que mudou varias veces ao longo dos seguintes anos.
Tanto a Florida Occidental como a Oriental permaneceron leais á Coroa Británica durante a Revolución Americana, e serviron como refuxio para os tories que fuxían das Trece Colonias. España invadiu a Florida Occidental e tomou Pensacola en 1781 e, despois da guerra, Gran Bretaña cedeu ambas Floridas aos españois. Porén, a falta dunha definición precisa dos límites da fronteira deu orixe a unha serie de disputas fronteirizas entre a Florida Occidental española e os recentemente independizados Estados Unidos coñecida como a Controversia de Florida Occidental. Desacordos co goberno español levaron aos colonos americanos e británicos situados entre o Mississippi e o Perdido a declarar en 1810 a esa área independente, baixo o nome de República de Florida Occidental. Ao pouco, esta república foi anexionada polos Estados Unidos, que reclamou a rexión como parte da Compra de Luisiana de 1803. En 1819, os Estados Unidos negociaron a compra do que restaba da Florida Occidental e de toda a Florida Oriental no Tratado de Adams–Onís, e en 1822 ambas fusionáronse no Territorio de Florida.
Antecedentes
[editar | editar a fonte]A área coñecida como Florida Occidental foi reclamada orixinalmente por España como parte de La Florida, que incluía moito do que hoxe é o sueste dos Estados Unidos. España fixo moitos intentos de conquistar e colonizar esa área, incluíndo o breve asentamento de 1559 de Tristán de Luna, pero sen lograr un asentamento permanente ata o século XVII, coa chegada das misións ao territorio dos apalaches. En 1698 fundouse Pensacola coa intención de frear a expansión francesa na zona.
A partir de finais do século XVII os franceses fundaron poboacións na rexión como parte da colonización de Luisiana, incluíndo especialmente lugares como Mobile (1702) e Fort Toulouse (1717) no actual estado de Alabama[1]. Despois de anos empregando o río Perdido (a fronteira actual entre Florida e Alabama) como liña fronteiriza, acordouse que esa sería a raia entre a Luisiana francesa e a Florida española[2].
Nas negociacións do tratado que concluiría a Guerra franco-india (no contexto da Guerra dos Sete Anos), Francia cedeu a Inglaterra a parte ao leste do río Mississippi da Luisiana, quedando expresamente excluído Île d'Orléans, que incluía Nova Orleáns. Esta transferencia produciuse a cambio de Cuba, que os británicos capturaran durante a guerra. Como resultado, nas seguintes dúas décadas os ingleses controlaron case toda a costa do golfo de México ao leste do río Mississippi.[1] A maior parte da poboación española abandonou Florida nese momento e o seu goberno colonial trasladouse á Habana (Cuba).
Un tratado separado transferiu o resto da Luisiana francesa a España.
Período colonial
[editar | editar a fonte]Era británica
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Florida Occidental británica.
Sendo este novo territorio demasiado grande para gobernar como un só, os británicos o dividiron en dúas novas colonias, Florida Occidental e Florida Oriental, separadas polo río Apalachicola, como se establece na Proclamación Real de 1763. Florida Oriental formouse coa maior parte da antiga Florida Española e mantivo a vella capital española en Saint Augustine. Florida Occidental englobou a terra comprendida entre os ríos Mississippi e Apalachicola, con Pensacola como capital. A fronteira norte foi establecida dun xeito arbitrario no Paralelo 31º N[1].
Moitos angloamericanos e americanos irlando-escoceses trasladáronse a este territorio neste momento. O Gobernador de Florida Occidental en novembro de 1763 foi George Johnstone, sendo o seu vicegobernador Montfort Browne, que foi un importante terratenente da provincia, quen promoveu o seu forte desenvolvemento. Sete Asembleas Xerais convocáronse entre 1766 e 1778[4][5].
En 1764, os británicos moveron a fronteira á latitude 32° 22′ norte, estendéndoa do río Yazoo ao río Chattahoochee, que incluía o Distrito Natchez e o Distrito Tombigbee[6]. A zona anexada incluía aproximadamente a metade inferior dos actuais estados de Mississippi e Alabama. Moitos novos colonos chegaron seguindo a estela das guarnicións británicas, aumentando a poboación. En 1774 o Primeiro Congreso Continental enviou cartas invitando a Florida Occidental a enviar delegados, pero a súa invitación foi declinada debido a que a poboación era abrumadoramente Lealista. Durante a Guerra da Independencia, o Gobernador de Florida Occidental era Peter Chester e o comandante das forzas británicas era John Campbell. A colonia foi atacada en 1778 pola Expedición Willing.
Era española
[editar | editar a fonte]- Véxase tamén: Florida Occidental española.
España intervino na Guerra de Independencia do lado de Francia e os Estados Unidos. Bernardo de Gálvez, gobernador da Luisiana española, liderou unha campaña militar ao longo da Costa do Golfo, arrebatando aos británicos en 1779 Baton Rouge e Natchez, Mobile en 1780 e Pensacola en 1781.
No Tratado de París de 1783, que pechou a guerra, os británicos accederon a situar a fronteira entre os Estados Unidos e a Florida Occidental no paralelo 31º Norte entre os ríos Mississippi e Apalachicola. Gran Bretaña tamén devolveu ambas provincias de Florida a España, que continuou a mantelas como colonias separadas. Non obstante, o tratado non especificou con claridade as fronteiras, dando orixe á Controversia de Florida Occidental. España reclamou a fronteira ampliada de 1764, mentres os Estados Unidos sostiñan que os límites eran os marcados polo paralelo 31. As negociacións de 1785–1786 entre John Jay e Diego de Gardoqui finalizaron sen chegar a ningunha conclusión satisfactoria. A polémica foi finalmente resolta en 1795 polo Tratado de San Lorenzo, no que España recoñeceu o paralelo 31 como a fronteira.
No secreto Tratado de San Ildefonso de 1800, España devolveu Luisiana a Francia; porén, as fronteiras tampouco ficaron fixadas neste tratado. Despois de que Francia vendera a Luisiana aos Estados Unidos en 1803, emerxeu unha nova disputa fronteiriza. Os Estados Unidos reclamaban o territorio que ía desde o río Perdido ao río Mississippi, que os americanos pensaban que fora unha parte da vella provincia da Luisiana cando os franceses a cederan no 1763. Os españois insistiron que eles detentaban a administración desa parte da provincia de Florida Occidental e que non pertencía ao territorio devolto a Francia en 1800[7].
República de Florida Occidental
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: República de Florida Occidental.
Os Estados Unidos e España mantiveron longas negociacións non concluíntes sobre o status da Florida Occidental. Mentres tanto, os colonos americanos estableceron un punto de apoio na zona e resistíronse ao control español. Algúns colonos británicos que quedaran, tamén resistíronse á dominación española, chegando a unha rebelión en 1810 e ao establecemento dos 74 días da República de Florida Occidental.
O 23 de setembro de 1810, despois das reunións que deron comezo en xuño, os rebeldes derrotaron a gornición española de Baton Rouge e despregaron a bandeira da nova república: unha estrela branca solitaria nun campo azul. Esta bandeira foi confeccionada por Melissa Johnson, esposa do Maior Isaac Johnson, comandante dos Dragóns de Florida Occidental. Foi coñecida máis adiante como a "Bandeira Bonnie Blue"[8], e está considerada a inspiradora da bandeira de Texas e mesmo foi chamada tamén a bandeira da Estrela Solitaria, como a texana.
As fronteiras da República de Florida Occidental incluían todo o territorio ao sur do paralelo 31° N, ao leste do río Mississippi e ao norte da canle fluvial formada polo río Iberville, o río Amite, o Lago Maurepas, o Pass Manchac, o Lago Pontchartrain e o estreito dos Rigolets. O río Pearl cun ramal que desembocaba nos Rigolets formaban a fronteira oriental da república[9].
Anexión estadounidense do territorio
[editar | editar a fonte]O 27 de outubro de 1810, o Presidente dos Estados Unidos, James Madison, proclamou a anexión da República de Florida Occidental, baseándose nunha feble reclamación de que o territorio formaba parte da Compra de Luisiana (véxase máis abaixo o apartado A reclamación dos EE. UU.)[10]. O goberno de Florida Occidental opúxose á anexión, preferindo negociar os termos do ingreso na Unión. O Presidente Fulwar Skipwith proclamou que estaba listo para "morrer en defensa da bandeira da Estrela Solitaria"[11][12][13]. William Charles Cole Claiborne foi enviado para tomar posesión do territorio, entrando coas súas forzas na capital, Saint Francisville, o 6 de decembro e en Baton Rouge o 10 de decembro. Claiborne, con todo, rexeitou recoñecer a lexitimidade do goberto de Florida Occidental, e Skipwith e o Parlamento remataron por aceptar a proclamación de Madison. A parte do territorio ao oeste do Río Pearl foi incorporado ao novo Territorio de Orleans o 14 de abril de 1812[14].
O 12 de febreiro de 1812, o Congreso foi autorizado de xeito secreto polo Presidente James Madison para tomar posesión da porción de Florida Occidental situada ao oeste do Río River que aínda non se encontraba en poder dos Estados Unidos, autorizándolle a empregar a forza militar e naval que fora necesaria[15]. Os Estados Unidos anexaron o Distrito Mobile de Florida Occidental ao Territorio de Mississippi o 14 de maio de 1812[16][17], aínda que esta decisión non levouse a cabo por unha forza militar ata preto dun ano despois (véxase o artigo sobre o papel do Xeneral Maior James Wilkinson). De acordo a un historiador, "a incorporación de Florida Occidental no distrito de Orleáns representa o xurdimento do imperialismo americano primixenio na recentemente construída Unión. O emprego da forza, non das negociacións, Claiborne e o seu exército, coa proclamación de Madison, obrigando a Skipwith e os seus simpatizantes a aceptar a dominación estranxeira"[18].
A reclamación dos Estados Unidos
[editar | editar a fonte]Polo tratado secreto do 1 de outubro de 1800 entre Francia e España, coñecido como o Terceiro Tratado de San Ildefonso[19], España devolveu a Francia a provincia de Luisiana, que nese momento aquel país posuía, e nos mesmos termos nos que Francia o posuíu en 1769[20].
É importante salientar que, na transferencia da Luisiana aos Estados Unidos, empregouse un linguaxe idéntico no seu artigo 3º que no do Tratado de San Ildefonso de 1800. A ambigüidade deste terceiro artigo debeuse ao propósito do enviado dos Estados Unidos, James Monroe, aínda que tivo que aceptar unha interpretación que Francia nunca houbera aceptado nin España permitido[21]. Monroe examinou cada cláusula do artigo terceiro e interpretou na primeira cláusula que España consideraba desde 1783 á Florida Occidental como parte de Luisiana. A segunda cláusula só servía para aclarar a primeira. A terceira cláusula referíase aos tratados de 1783 e 1795 e foi deseñada para salvagardar os dereitos dos Estados Unidos. Esta cláusula simplemente daba cumprimento ás outras[22].
De acordo a Monroe, Francia nunca desmembrou Luisiana mentres foi da súa posesión (consideraba que o 3 de novembro de 1762 foi a data do final da posesión francesa, e non 1769, cando Francia formalmente entregou a Luisiana a España). Despois de 1783 España uniu Florida Occidental á Luisiana, mantivo Monroe, de xeito que así completou a provincia tal como Francia a posuíu, coa excepción desas partes controladas polos Estados Unidos. Cunha interpretación estrita do tratado, polo tanto, España podería ser obrigada a ceder aos Estados Unidos ese territorio ao oeste do río Perdido que unha vez pertencera a Francia[22].
Argumentos contra a reclamación dos Estados Unidos
[editar | editar a fonte]- Como parte do tratado da Compra de Luisiana de 1803, Francia repetiu textualmente o Artigo 3º do seu tratado con España de 1800, polo que expresamente subrogaba os Estados Unidos aos dereitos de Francia e España[23].
- En 1800, a denominada Luisiana non incluía a Florida Occidental[23].
- España en todas as negociacións con Francia rexeitou ceder calquera parte de Florida[23].
- En 1801 España informou aos gobernadores españois de América do Norte que o territorio cedido a Francia non incluía a Florida Occidental[24].
- Nas ordenanzas e tratados do goberno español, as Floridas eran mencionadas como diferentes das outras posesións españolas[25].
- O Tratado de Aranjuez de 1801 de Francia con España estipulou a cesión de Luisiana como unha "restauración", nunca como unha retrocesión[25].
- Francia nunca deu ningunha parte de Florida a España, así que España non podía devolvela[26].
- No tempo que España posuíu as Floridas, sempre as chamaron como as Floridas e nunca se referiron a elas como unha porción de Luisiana. Os tratados entre os Estados Unidos e España tamén as chamaban as Floridas[26].
- En 1803 Francia comezou a negociar con España a adquisición das Floridas Occidental e Oriental, confirmando que Francia non consideraba que a Florida Occidental fora xa adquirida[26].
- Durante as súas negociacións con Francia, o enviado dos Estados Unidos, Robert Livingston, escribiu nove informes a Madison nos que afirmaba que Florida Occidental non estaba en posesión de Francia[27].
- O Presidente Jefferson preguntou aos funcionarios estadounidenses da zona fronteiriza que lle explicaran os límites de Luisiana, respondendo o mellor informado deles que non cría que incluíse Florida Occidental[24].
- Cando Luisiana foi entregada formalmente aos Estados Unidos, estes non demandaron a posesión da Florida Occidental[28].
- No verán de 1804, cando os Estados Unidos e España apelaron a Francia para que aclarara a interpretación que tiña que facerse dos tratados, Napoleón púxose claramente do lado de España[29].
- En novembro de 1804, en resposta a Livingston, Francia declarou que a reclamación estadounidense da Florida Occidental era completamente infundada[30].
- En xaneiro de 1805, os embaixadores francés e español informaron conxuntamente a Madison que a reclamación dos Estados Unidos da Florida Occidental era insostible. Madison, pola súa banda, repuxo que os mapas anteriores a 1763 mostraban a Florida Occidental como parte do antigo territorio da Luisiana Francesa. O embaixador francés sinaloulle, ante a consternación de Madison, que o mesmo se podería dicir de Tennessee e Kentucky[31].
- Tras o fracaso da misión especial de Monroe de 1804-1805, Madison estaba disposto a abandonar a pretensión estadounidense sobre toda a Florida Occidental[32].
- En 1805, a última proposición de Monroe a España para obter a Florida Occidental foi totalmente rexeitada[33].
- Nunha carta de 1809, Jefferson admitiu virtualmente que Florida Occidental non era unha posesión dos Estados Unidos[34].
- O título de propiedade dos Estados Unidos sobre o territorio de Luisiana era en si mesmo un título viciado en virtude do tratado franco-español de 1800[35].
- O Xeneral Andrew Jackson aceptou persoalmente a entrega de Florida Occidental de mans do gobernador español o 17 de xullo de 1821[36].
Historia posterior e legado
[editar | editar a fonte]Os españois continuaron disputando a anexión de partes ao oeste da súa colonia de Florida Occidental, pero o seu poder na rexión era moi feble para impedilo. Continuaron administrando os restos da colonia (entre os ríos Perdido e Apalachicola) desde a súa capital, Pensacola.
O 22 de febreiro de 1819, España e os Estados Unidos de América asinaron o tratado de Adams-Onís. Neste tratado España cedía ámbalas dúas Floridas aos Estados Unidos a cambio dunha compensación e a renuncia ás súas pretensións sobre Texas[37]. Tras a ratificación de España do 24 de outubro de 1820 e dos Estados Unidos do 19 de febreiro de 1821, o tratado fíxose efectivo, establecéndose así os límites actuais.
O Presidente James Monroe foi autorizado o 3 de marzo de 1821 a tomar posesión da Florida Oriental e da Florida Occidental en nome dos Estados Unidos e a proporcionarlles unha gobernanza inicial[38]. Como resultado disto, o exército dos Estados Unidos tomaron e gobernaron ambas Floridas, con Andrew Jackson servindo como gobernador. Os Estados Unidos organizaron o Territorio de Florida o 30 de marzo de 1822, fusionando a Florida Oriental coa pequena parte da Florida Occidental ao leste do Río Perdido, e establecendo un goberno territorial[39]; foi admitido como un Estado na Unión o 3 de marzo de 1845[40].
Florida Occidental influíu na elección da actual capital de Florida. Ao principio, o Consello Lexislativo do Territorio de Florida decidiu rotar entre as capitais históricas de Pensacola e Saint Augustine. A primeira sesión lexislativa celebrouse en Pensacola o 22 de xullo de 1822; isto supuxo que os delegados de Saint Augustine tiveran que viaxar durante 59 días por mar para poder asistir. Para chegar á segunda sesión celebrada en Saint Augustine, os membros de Pensacola viaxaron durante 28 días por terra. Durante esta sesión, o Consello decidiu que os futuros encontros terían lugar nun punto intermedio para reducir as distancias. Finalmente foi Tallahassee, un asentamento apalache fundado a principios do século XVIII, o lugar elixido polas antigas capitais das Floridas Oriental e Occidental[41].
A parte da antiga Florida Occidental que agora se encontran en Luisiana son coñecidas como as Parroquias de Florida. O Museo Histórico da República de Florida Occidental está situada en Jackson, Louisiana, xestionada pola Asociación Histórica de Florida Occidental (West Florida Historical Association)[42]. En 1991 unha sociedade xenealóxica, os Fillos e Fillas da Provincia e República de Florida Occidental 1763-1810 (The Sons & Daughters of the Province & Republic of West Florida 1763-1810), foi fundada por descendentes de colonos dese período. O seu obxectivo incluía "reunir e conservar os rexistros, documentos e restos relacionados coa historia e xenealoxía da Florida Occidental anterior ao 7 de decembro de 1810"[43]. En 1993, a Lexislatura do Estado de Luisiana rebautizou á Interestatal 12, cuxa lonxitude total transcorre ao longo das Parroquias de Florida, como "Ruta Verde da República de Florida Occidental" (Republic of West Florida Parkway). En 2002, Leila Lee Roberts, unha bisneta de Fulwar Skipwith, doou a copia orixinal da Constitución da República de Florida Occidental e os documentos de apoio aos Arquivos Estatais de Luisiana[44].
Gobernadores
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Lista dos gobernadores coloniais de Florida.
Gobernadores baixo o dominio británico:
- George Johnstone (1763–66)
- Montfort Browne (interino, 1766–1769)
- John Eliot (nomeado en 1767, chegou en abril de 1769, suicidándose pouco despois)
- Montfort Browne (interino, 1769)
- Elias Durnford (interino, 1769–1770)
- Peter Chester (1770–1781)
Gobernadores baixo o dominio español:
- Arturo O'Neill de Tyrone: (9 de maio de 1781 – 1794)
- Enrique White: (1794–1796)
- Francisco de Paula Gelabert: (1796)
- Vicente Folch Juan: (xuño de 1796 – marzo de 1811)
- Francisco San Maxent: (marzo de 1811 – 1812)
- Mauricio de Zúñiga: (1812–1813)
- Mateo González Manrique: (1813–1815)
- José de Soto: (1815–1816)
- Mauricio de Zúñiga: (1816)
- Francisco San Maxent: (1816)
- José Masot: (1816 – 26 de maio de 1818), tamén coñecido como José Fascot, aínda que parece que o seu nome real foi Joseph Mason.
- William King: (gobernador militar dos Estados Unidos, 26 de maio de 1818 – 4 de febreiro de 1819)
- José María Callava: (4 de febreiro de 1819 – 17 de xullo de 1821)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 (Gannon 1996, p. 134)
- ↑ (Gannon 1996, p. 122)
- ↑ (Chambers 1898, p. 2)
- ↑ (Alden 1957)
- ↑ (Coker 1991, p. 4)
- ↑ The National Archives (ed.). "PC 1 - Privy Council and Privy Council Office: Miscellaneous Unbound Papers. PC 1/59/5/1" (en inglés). Reino Unido. Consultado o 26-1-2016.
- ↑ Yale Law School. Lillian Goldman Law Library (ed.). "Treaty of Amity, Settlement, and Limits Between the United States of America and His Catholic Majesty. 1819" (en inglés). Consultado o 27-1-2016. Texto do Tratado Adams-Onís de 1819, publicado polo The Avalon Project.
- ↑ Gazkhan's Re-enacting, History and Hobbies Page (ed.). "Confederate National and Bonnie Blue Flags" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 10 de xullo de 2012. Consultado o 22 de xaneiro de 2016.
- ↑ Darby, William; Melish, John (1816). David Rumsey Map Collection, ed. "A Map of the State of Louisiana With Part Of The Mississippi Territory, from Actual Survey By Wm. Darby. Entered ... 8th day of April 1816, by William Darby. Saml. Harrison Sct. Philad. Philadelphia, Published May the 1st 1816, by John Melish" (en inglés). Consultado o 14-1-2016.
- ↑ The American Presidency Project, ed. (27-10-1810). "Proclamation 16 - Taking Possession of Part of Louisiana (Annexation of West Florida)" (en inglés). Consultado o 27-1-2016.
- ↑ Véxase a imaxe da "Bandeira Bonnie Blue". A República de Florida Occidental tamén foi coñecida como a República da Estrela Solitaria
- ↑ "The West Florida Republic Trail: Exploring the Original Lone Star State" (PDF). southeastern.edu (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 20-09-2015. Consultado o 27-1-2016.
- ↑ "FIRST -- Lone Star Republic in the US, Slidell LA". waymarking.com (en inglés). Consultado o 27-1-2016.
- ↑ Charles C. Little & James Brown (impresores); Richard Peters, Esq., eds. (1845). "The Laws of the United States. Acts of the Twelfth Congress of the United States". The Public Statutes at Large of the United States of America from the Organization of the Government in 1789, to March 3, 1845. Arranged in chronological order. With references to the matter of each act and to the subsequent acts of the same subject, and copious notes of the decisions of the Courts of the United States construing those acts, and upon the subjects of the laws. With na index to the contents of each volume (en inglés) II. Boston, Massachusetts. p. 708. Consultado o 27-1-2016. Libro incluído na redirección da páxina web da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos de América, que leva por título "A Century of Lawmaking for a New Nation: U.S. Congressional Documents and Debates, 1774 - 1875". Os datos contense no subtítulo "An Act to enlarge the limits of the state of Louisiana".
- ↑ Charles C. Little & James Brown (impresores); Richard Peters, Esq., eds. (1845). "The Laws of the United States. Acts of the Thirteenth Congress of the United States". The Public Statutes at Large of the United States of America (...) (en inglés) III. Boston, Massachusetts. p. 472. Consultado o 27-1-2016. Libro incluído na redirección da páxina web da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos de América, que leva por título "A Century of Lawmaking for a New Nation: U.S. Congressional Documents and Debates, 1774 - 1875". Os datos contense no subtítulo "An Act authorizing the President of the United States to take possession of a tract of country lying south of the Mississippi territory and west of the river Perdido".
- ↑ (Tucker 1993, p. 101)
- ↑ Charles C. Little & James Brown (impresores); Richard Peters, Esq., eds. (1845). "The Laws of the United States. Acts of the Twelfth Congress of the United States". The Public Statutes at Large of the United States of America (...) (en inglés) II. Boston, Massachusetts. p. 734. Consultado o 27-1-2016. Libro incluído na redirección da páxina web da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos de América, que leva por título "A Century of Lawmaking for a New Nation: U.S. Congressional Documents and Debates, 1774 - 1875". Os datos contense no subtítulo "An Act to enlarge the boundaries of the Mississippi territory".
- ↑ Scallions, Cody (finais de 2011). "The Rise and Fall of the Original Lone Star State: Infant American Imperialism Ascendant in West Florida". The Florida Historical Quarterly (en inglés) 90 (2). pp. 193–220.
- ↑ Yale Law School (ed.). "Treaty of San Ildefonso : October 1, 1800". The Avalon Project (en inglés). Consultado o 16-11-2015.
- ↑ (Chambers 1898, p. 48)
- ↑ (Cox 1918, p. 83)
- ↑ 22,0 22,1 (Cox 1918, p. 84-85)
- ↑ 23,0 23,1 23,2 (Curry, 1888 & 288-291)
- ↑ 24,0 24,1 (Cox 1918, p. 87-88)
- ↑ 25,0 25,1 (Chambers 1898, p. 49-50)
- ↑ 26,0 26,1 26,2 (Chambers 1898, p. 50-52)
- ↑ (Chambers 1898, p. 43-44)
- ↑ (Cox 1918, p. 97-100)
- ↑ (Cox 1918, p. 109-110)
- ↑ (Cox 1918, p. 113-116)
- ↑ (Cox 1918, p. 116-117)
- ↑ (Cox 1918, p. 118)
- ↑ (Curry 1888, p. 293)
- ↑ (Chambers 1898, p. 46-47)
- ↑ (Chambers 1898, p. 46)
- ↑ (Ireland 1941, p. 298)
- ↑ Encyclopædia Britannica, Inc., ed. (23-10-2015). "Transcontinental Treaty". Britannica Online (en inglés). Consultado o 28-1-2016.
- ↑ Charles C. Little & James Brown (impresores); Richard Peters, Esq., eds. (1845). "The Laws of the United States. Acts of the Sixteenth Congress of the United States". The Public Statutes at Large of the United States of America (...) (en inglés) III. Boston, Massachusetts. p. 637. Consultado o 28-1-2016. Libro incluído na redirección da páxina web da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos de América, que leva por título "A Century of Lawmaking for a New Nation: U.S. Congressional Documents and Debates, 1774 - 1875". Os datos contense no subtítulo "An Act for carrying into execution the treaty between the United States and Spain, concluded at Washington on the twenty-second day of February, one thousand eight hundred and nineteen".
- ↑ Charles C. Little & James Brown (impresores); Richard Peters, Esq., eds. (1845). "The Laws of the United States. Acts of the Seventeenth Congress of the United States". The Public Statutes at Large of the United States of America (...) (en inglés) III. Boston, Massachusetts. p. 654. Consultado o 28-1-2016. Libro incluído na redirección da páxina web da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos de América, que leva por título "A Century of Lawmaking for a New Nation: U.S. Congressional Documents and Debates, 1774 - 1875". Os datos contense no subtítulo "An Act for the establishment of a territorial government in Florida".
- ↑ Charles C. Little & James Brown (impresores); Richard Peters, Esq., eds. (1845). "The Laws of the United States. Acts of the Twenty-Eighth Congress of the United States". The Public Statutes at Large of the United States of America (...) (en inglés) III. Boston, Massachusetts. p. 742. Consultado o 28-1-2016. Libro incluído na redirección da páxina web da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos de América, que leva por título "A Century of Lawmaking for a New Nation: U.S. Congressional Documents and Debates, 1774 - 1875". Os datos contense no subtítulo "An Act for the admission of the States of Iowa and Florida into the Union".
- ↑ (Gannon 1993)
- ↑ East Feliciana Parish Chamber of Commerce (ed.). "The Republic of West Florida Historical Museum" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17-05-2013. Consultado o 28-1-2016.
- ↑ Republic of West Florida (ed.). "Objectives and Purpose" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 28-01-2016. Consultado o 28-1-2016.
- ↑ Cochran, Jacqueline (xaneiro/febreiro de 2010). "From Out of the Shadows. During the bicentennial of a revolution, the Florida parishes intend to be heard from". MyNewOrleans.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 03-02-2016. Consultado o 28-1-2016.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outras ligazóns
[editar | editar a fonte]- East Florida
- República de Florida Occidental
- Controversia de Florida Occidental
- Territorio de Alabama
- Tratado de Adams-Onís
- Colonización española de América
- Vicerreinado de Nova España
- Colonización francesa de América
- Nova Francia
- Colonización británica de América
- Norteamérica británica
- Dominio da Florida Occidental Británica (2005)
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Alden, John Richard (1957). Louisiana State University Press, ed. The South in the Revolution, 1763-1789 (en inglés). p. 457.
- Arthur, Stanley Clisby (1935). St. Francisville Democrat, ed. The Story of the West Florida Rebellion (en inglés). Saint Francisville, Luisiana. ISBN 1885480474.
- Bice, David (2004). Heritage Publishing Consultants, ed. The Original Lone Star Republic: Scoundrels, Statesmen and Schemers of the 1810 West Florida Rebellion (en inglés). Jacksonville, Florida. ISBN 1-891647-81-4. OCLC 56994640.
- Chambers, Henry E. (1898). The Johns Hopkins Press, ed. West Florida and its relation to the historical cartography of the United States (PDF) (en inglés). Baltimore, Maryland.
- Coker, William. S. (1991). Pioneer Publications, ed. "Florida: from the beginning to 1992. Chapter 7: British West Florida, 1763-1781". Universidade de Florida, George A. Smathers Libraries (en inglés). Houston, Texas.
- Cox, Isaac Joslin (1918). Johns Hopkins Press, ed. The West Florida Controversy, 1798-1813: A Study in American Diplomacy (en inglés). Baltimore, Maryland. OCLC 479174.
- Curry, J. L. M. (1888). "The Acquisition of Florida". Magazine of American History (en inglés) XIX. pp. 286–301.
- Gannon, Michael (1996). University Press of Florida, ed. The New History of Florida (en inglés). ISBN 0-8130-1415-8.
- Ireland, Gordon (1941). Octagon Books, ed. Boundaries, possessions, and conflicts in Central and North America and the Caribbean (en inglés). Nova York. pp. 432.
- McMichael, Andrew (primavera 2002). "The Kemper 'Rebellion': Filibustering and Resident Anglo-American Loyalty in Spanish West Florida". Louisiana History (en inglés) 43 (2): 140.
- McMichael, Andrew (2008). University of Georgia Press, ed. Atlantic Loyalties: Americans in Spanish West Florida, 1785–1810 (en inglés). ISBN 978-0-8203-3004-4.
- Scallions, Cody (2011). "The Rise and Fall of the Original Lone Star State: Infant American Imperialism Ascendant in West Florida". Florida Historical Quarterly (en inglés) 90 (2).
- Tucker, Spencer C. (1993). Universidade de Carolina do Sur Press, ed. The Jeffersonian Gunboat Navy (en inglés). Columbia, Carolina do Sur. ISBN 0-87249-849-2.
- Southeastern Louisiana University (ed.). "West Florida Collection, Center for Southeast Louisiana Studies, Linus A. Sims Memorial Library" (en inglés). Hammond, Luisiana. Consultado o 24-1-2016.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Fabel, Robin (7-3-2007). Encyclopedia of Alabama, ed. "British West Florida" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24-12-2013. Consultado o 24-1-2016.
- "History of West Florida. Histories and Source Documents" (en inglés). Consultado o 24-1-2016. Inclúe o libro de S. C. Arthur e outro material.
- Higgs, Robert (14-3-2005). Independent Institute, ed. "“Not Merely Perfidious but Ungrateful”: The U.S. Takeover of West Florida" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 23-05-2016. Consultado o 24-1-2016.
- Gilbert, Ann (febreiro/marzo 2003). Inside Northside Magazine, ed. "West Florida" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 22-11-2005. Consultado o 24-1-2016.]
- Exploring Florida (ed.). "Map of West Florida, 1806" (en inglés). Consultado o 24-1-2016.
- Russell, Charlsie (2006). Loblolly Writer's House. A Page of History from the Deepest of the Deep South, ed. "British West Florida". loblollywritershouse.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20-02-2012. Consultado o 24-1-2016. Páxina web con material do ambiente histórico do Período Británico.
- Republic of West Florida (ed.). "The Sons & Daughters of the Province & Republic of West Florida 1763 - 1810". republicofwestflorida.org (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 10 de maio de 2023. Consultado o 22 de xaneiro de 2016. Organización de descendentes da República de Florida Occidental.