Insomnio
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
O insomnio é unha das enfermidades do sono máis comúns. Aínda que xeralmente se fala do insomnio como da dificultade para conciliar o sono, en realidade a dificultade para durmir pode manifestarse de varias formas:
- Dificultade para conciliar o sono ao deitarse (insomnio inicial, o máis común).
- Espertar decote durante a noite (insomnio intermedio).
- Espertar moi cedo pola mañá, antes do previsto (insomnio terminal).
O insomnio impide a recuperación que o corpo necesita durante o repouso nocturno, podendo ocasionar somnolencia diúrna, baixa concentración e incapacidade para sentirse activo durante o día.
Varios factores son os que determinan este trastorno: o estrés, a elevada activación do organismo ou a depresión son de especial relevancia. Na actualidade, é habitual a prescrición de fármacos para o tratamento a curto prazo do insomnio, porén esta medida non constitúe unha solución axeitada a medio e longo prazo, sendo preferible aplicar nestes casos outras técnicas coma a terapia condutual ou cognitiva. Un primeiro paso para abordar o trastorno (en realidade o insomnio é un síntoma e non unha enfermidade) consiste en instruír o paciente sobre os principios da chamada profilaxis ou hixiene do sono.
Hixiene do sono
[editar | editar a fonte]Algunhas das pautas profilácticas máis coñecidas son as seguintes:
- A cafeína é un estimulante do sistema nervioso e debe interromperse o seu consumo de catro a seis horas antes de deitarse (neste lapso de tempo segue a haber no sangue trazas desta substancia que, nalgunhas persoas máis susceptibles, segue a provocar insomnio, ansiedade ou nerviosismo). Así mesmo, aínda que non provoca adicción (dependencia física no organismo), si pode provocar unha dependencia psicolóxica.
- A nicotina tamén é un estimulante do sistema nervioso, polo que debe evitarse o seu consumo preto da hora de deitarse e nos espertares nocturnos. Así mesmo, provoca adicción (dependencia física).
- O alcohol é un depresor do sistema nervioso, se ben pode facilitar o inicio do sono, provoca espertares ao longo da noite. Porén, provoca adicción (dependencia física).
- Un xantar lixeiro pode inducir ao sono, pero unha cea ou comida copiosa nun momento demasiado próximo ao sono pode facer que este sexa menos profundo, se ben é certo que non é recomendable irse con fame á cama.
- Non facer exercicio vigoroso nas tres ou catro horas previas a deitarse, pois isto activa o sistema nervioso e pérdese a sensación de somnolencia. O exercicio regular polas tardes pode axudar a que o sono sexa máis profundo, con todo o exercicio matinal ten pouco ou ningún efecto sobre o sono.
- Minimizar o ruído, a luz e as temperaturas extremas (non máis de 24 °C nin menos de 12 °C) durante o período de sono, utilizando tapóns para os oídos, ruídos tenues de fondo, persianas nas fiestras, mantas eléctricas ou aire acondicionado.
- Tentar deitarse e espertar á mesma hora tódolos días. Está demostrado que os cambios constantes nos horarios de sono aumentan a probabilidade de que nalgunhas persoas aparezan dificultades graves e crónicas para durmir.
Tipos de insomnio
[editar | editar a fonte]Existen diversas clasificacións dentro do insomnio, segundo a duración do trastorno, a súa gravidade ou a súa forma de presentarse:
- Pola duración pódese distinguir entre o insomnio transitorio agudo (dura menos de 4 semanas), o insomnio a curto prazo ou subagudo (máis de 4 semanas e menos de 3 ou 6 meses) e o insomnio a largo prazo ou crónico (máis de 3 ou 6 meses).
- Pola súa gravidade distínguese entre o insomnio leve ou lixeiro (co que existe unha mínima deterioración da calidade de vida), o insomnio moderado (que se dá cada noite e co que empezan a xurdir certos signos de deterioración da calidade de vida con síntomas coma a irritabilidade, ansiedade, canseira etc.) e o insomnio severo (no que os síntomas se sofren con maior intensidade e polo tanto a calidade de vida vese máis afectada).
- Pola forma de presentarse diferénciase entre insomnio inicial ou de conciliación (dificultade para conciliar o sono), insomnio medio ou de mantemento do sono (cando non se pode durmir toda a noite deseguido) e insomnio matinal (tamén chamado terminal, de final do sono ou de espertar precoz, que consiste en espertar antes de que remate a noite).
Causas do insomnio
[editar | editar a fonte]O insomnio pode estar provocado por moitas causas diferentes:
- Situacións de estrés temporal, debido a motivos laborais, familiares, económicos etc.
- As condicións do hábitat no que se descansa.
- Costumes irregulares do sono, así coma continuos cambios na hora de durmir ou de erguerse.
- Malos costumes alimenticios: ceas copiosas, fame etc.
- Consumo de substancias como té, café (ou bebidas con cafeína), alcohol, tabaco e outras drogas.
- Intervencións cirúrxicas e patoloxías orgánicas que veñan acompañadas de dor.
- Efectos secundarios de medicamentos.
- Estrés postraumático: despois dalgún accidente ou trauma pode aparece un estrés durante o sono que provoca que o individuo esperte na noite e non poida volver descansar apropiadamente.
Riscos de non durmir apropiadamente
[editar | editar a fonte]O acto de durmir é fundamental para o organismo pola súa finalidade restauradora: é esencial para a conservación da enerxía e da termorregulación, e en xeral para acadar un grao satisfactorio de vixilancia e atención durante o día. A falta ou unha mala calidade do sono poder traer consecuencias tales coma:
- Depresión.
- Falta de concentración.
- Somnolencia diúrna.
- Canseira.
- Accidentes de tráfico e laborais.
- Irritabilidade.
- Mala memoria.
- Desorientación.