Saltar ao contido

Loita Armada Revolucionaria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Loita Armada Revolucionaria
Tipoorganización armada
IdeoloxíaIndependentismo galego e socialismo
Data de fundación1978
Data de disolución1984
Organización relacionadaGaliza Ceive-OLN e Partido Galego do Proletariado
Persoas relacionadasAntón Arias Curto
editar datos en Wikidata ]

Loita Armada Revolucionaria (LAR) foi unha organización armada da esquerda independentista galega considerada terrorista polo Estado español, vinculada ao Partido Galego do Proletariado e á organización Galiza Ceive-OLN.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Realizou a súa primeira acción o 28 de xullo de 1978, coa queima de varios camións en Santiago de Compostela. Pouco despois intentou asaltar, sen éxito, unha polvoreira en Noia, e realizou tamén outras accións armadas; as máis coñecidas foron o roubo dunha sucursal da Caixa de Aforros de Ourense, atribuída a Antón Arias Curto e a colocación de explosivos nas obras da AP-9 o 17 de setembro de 1979.

En setembro de 1980 unha operación policial desartellou a organización, detendo 16 persoas baixo a acusación de "constituír un grupo armado que persegue a independencia de Galiza". Os detidos foron: Xosé Cid Cabido, Antón Arias Curto, José Luís Nieto Pereira, Francisco José Atanes Gomes, Xosé Luís Méndez Ferrín, Arturo Estévez Rodríguez, Antom Bértolo Losada, Modesto Romám Gonçalves, Manuel Pousada Covelo, José Luís Villaverde Varela, Xosé Patricio Recamám, Luciano Prego Sanxurxo, Edelmiro Domingues, Fernando Eiras Fernandes, Luís Calvar Puga e Alberte Lama Couso.[1] O resto dos seus militantes refuxiáronse en Portugal. Aos detidos aplicóuselles a lei antiterrorista en vigor, permanecendo 10 días incomunicados, nos que denunciaron ser sometidos a torturas.[2] Tras este período só Manuel Pousada Covelo e José Luís Villaverde Varela son liberados sen cargos. O resto dos detidos ingresaron en cadeas de Galiza, aínda que posteriormente foron obxecto da política de dispersión de presos aplicada polo sistema xurídico español, sendo recolocados primeiro en Madrid e despois en Segovia.

O golpe policial tivo como consecuencia a fundación das Xuntas Galegas pola Amnistía (XUGA), organización antirrepresiva que ten como obxectivo a defensa dos dereitos dos presos, especialmente contra as políticas de dispersión.

En 1981, producíronse diversas excarceracións, ficando presos soamente Nieto Pereira, Xosé Cid Cabido, Antón Arias Curto, Edelmiro Domingues, Francisco Atanes e Arturo Estévez. O xuízo contra LAR produciuse en abril de 1982, na Audiencia Nacional en Madrid e tivo como resultado a condena firme de Recamán, Atanes Gomes, Nieto Pereira, Xosé Cid Cabido e Antón Árias Curto.

En 1983 un indulto do goberno do PSOE, solicitado polos propios presos, puxo en liberdade os tres últimos reclusos que quedaban na cadea. En 1984 a organización disolveuse formalmente.

  1. Muruais, Perfecto Conde (1980-09-07). "Nacionalistas gallegos, acusados de mantener contactos con ETA". El País (en castelán) (7 de setembro de 1980). ISSN 1134-6582. Consultado o 2 de outubro de 2023. 
  2. del Caño, X. M.: Conversas con Méndez Ferrín. Historia, literatura, nación; Vigo: Edicións Xerais, 2005.