Morteiro (utensilio)
Un morteiro é un recipiente de material duro que se utiliza en usos domésticos, boticas ou en laboratorios para machucar certas substancias (drogas, especias, herbas...)[1]. Pode estar feito de madeira, pedra, vidro, ferro, ágata, porcelana, etc, e ten unha cavidade semiesférica na que, coa axuda dun mazo, se esmagan as substancias que se queren converter en po[2]. O mazo pode ser tamén de diversos materiais, aínda que preferibelmente pesado para facilitar o traballo.
Medicina
[editar | editar a fonte]Os morteiros permiten mesturar os diversos ingredientes dunha prescrición médica. O morteiro e mailo mazo é unha das iconas máis comúns que se asocian coa actividade farmacéutica. Nos usos que se fan deste instrumento dentro da farmacia acostuman encontrarse morteiros elaborados de porcelana, mentres que o mazo adoita ser de madeira. Esta forma de porcelana adoita coñecerse como morteiro Wedgwood e ten as súas orixes no ano 1779. Hoxe en día o acto de mesturar ingredientes ou de reducir o seu tamaño de partícula é coñecido como trituración ou esmagado.Os morteiros e mazos empréganse hoxe en día na parafernalia de farmacia e poder con eles esmagar os comprimidos até os reducir a po e aumentar deste xeito a absorción cando son inxeridas ou inhaladas.
Cociña
[editar | editar a fonte]O morteiros e as mazas empregáronse igualmente na cociña para preparar algúns ingredientes ou acompañamentos como a maionesa, o guacamole ou o pesto (que deriva de pistillum en latín), así como outras especias en po. En Galicia empregábase nas preparacións dalgúns mollos, por exemplo para esmagar allo con perexil. As tribos nativas das Américas empregaban morteiros (coñecidos en México como molcajetes) que escavaban nunha rocha a xeito de oco para poder moer o millo e froitos secos e o utensilio para machucar era un obxeceto tubular (tejolote ou temachín). Un morteiro empregado en Xapón son os denominados suribachi e surikogi. Os morteiros e mazos de granito empréganse no Sueste de Asia e na India. En Malaisia, é coñecida como lesung. Nalgúns países emprégase a miúdo e chega a ser un símbolo da súa cociña como é o caso da tradicional cociña mexicana no que se fai de basalto. Morteiros de gran tamaño, elaborados de pedra de dous a tres metros de altura, empregáronse en Oriente Medio para picar carne e poder elaborar os kibbeh. En África emprégase frecuentemente cun mazo grande para esmagar cereais. Na cociña española (non en Galicia) emprégase na elaboración de moitos pratos, algúns dos máis coñecidos son as sopas frías como o ajoblanco, mollos como o ajoarriero e preparacións coma o atascaburras.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para morteiro.
- ↑ Proposta de definición do Servizo de Normalización Lingüística da USC
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Vexa a entrada do Galizionario acerca de morteiro |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Morteiro |