Nummus
Nummus (en grego: νουμμίον, noummion), plural nummi (νοῦμμοι), foi inicialmente o termo latino equivalente ao actual "moeda", utilizado posteriormente para unha serie de moedas do imperio Romano e bizantinas de cobre durante a Antigüidade tardía.[1][2][3][4]
Historia
[editar | editar a fonte]Nun primeiro momento, o termo foi utilizado, xa ao final da República de Roma e nos inicios do Imperio, para se referir en xeral á moeda e, máis en particular, para designar o sestercio, que era a principal unidade de conta da época.
Arredor de 294, durante a Tetrarquía, apareceu unha nova moeda de cobre de preto de 10 gramos de peso e 30 milímetros de diámetro. É probable que a súa denominación oficial na época fose tamén nummus, aínda que modernamente pasou a ser coñecida no ámbito numismático como follis.
A denominación de nummus resérvase actualmente para as emisións bizantinas de cobre dos séculos V a VII. Tratábase dunhas pequenas moediñas, descoidadamente cuñadas, cun peso inferior ao gramo, que constituían a denominación máis baixa do sistema bizantino, valoradas oficialmente en 7.200 pezas por cada sólido de ouro (aínda que a súa taxa real oscilou entre as 6.000 e as 12.000). Estes nummi presentaban adoito o busto do emperador de perfil nos seus anversos e un monograma imperial nos reversos, aínda que algunhas moedas do emperador Xustiniano I (527-565) amosan no canto deste monograma o valor facial da moeda mediante o numeral grego "A".[5]
En 498, o emperador Anastasio I (491-518) emprendeu unha reforma do sistema monetario e introduciu múltiplos do nummus, con valores de 40 nummi, tamén coñecido como follis, 20 nummi (semifollis) e 10 nummi (en grego: δεκανούμμιον, decanummium)[6]. Estas moedas aparecían regularmente marcadas polos seus correspondentes numerais gregos, que indicaban o seu valor: "M" para o follis (40 nummi), "K" para a peza de 20 nummi e "I" no caso da de 10 nummi. No entanto, a emisión de moedas do nummus simple, aínda que se mantiña, era moi descontinua.[7] Mediante unha nova reforma en 513, dobráronse os pesos destas moedas, introduciuse o novo valor de 5 nummi ou pentanummium (en grego: πεντανούμμιον), co numeral grego "E", e retomouse a cuñaxe regular do nummus simple.[8][9][10][11]
Entre 538 e 539, Xustiniano introduciu novos cambios nos follis de 40 nummi, ao aumentar o seu peso ata os 25 gramos, aínda que despois baixou novamente ata 22,5 gramos entre 541 e 542, ao que seguiron novas reducións ata a fin dese século. Nesa época apareceu tamén o novo valor de 30 nummi, marcado con "Λ" ou "XXX"), e cesou a cuñaxe do nummus simple nos obradoiros monetarios de Constantinopla, aínda que se mantivo durante o século VII no Exarcado de Cartago.[12]
Durante o século VII, as sucesivas crises militares e financeiras levaron consigo a redución nos pesos e unha salientable deterioración da calidade das cuñaxes, ata o punto de que o follis (40 nummi) chegou a pesar só tres gramos en tempos do emperador Constante II (641-668), coa consecuencia da desaparición dos valores inferiores ao semifollis (20 nummi). A partir dese momento, o termo nummus ficou en uso só como unidade de conta para a cantidade de 6.000 unidades por sólido e, no uso coloquial, como expresión sinónima de "cambio pequeno".[13]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Nummus". En Brill Online Reference Works. 2015.
- ↑ Alfaro Asins, C. et al. "Nummus (2)", "Follis (1)" e "Follis (2)". En Diccionario de numismática. Ministerio de Cultura. Madrid, 2009. ISBN 978-84-8181-405-7
- ↑ "Nummus". En Forum Ancient Coins.
- ↑ "Nummus". En Tipos de monedas bizantinas. www.tesorillo.com
- ↑ Kazhdan (1991). Páxina 1.504.
- ↑ Hendy (1989). Páxina 89.
- ↑ Grierson (1999). Páxinas 17-18.
- ↑ "Pentanummium". En Brill Online Reference Works. 2015.
- ↑ Grierson (1999). Páxinas 18.
- ↑ Alfaro Asins, C. et al. (2009) "Medio follis", "Cuarto de follis" e "Octavo de follis".
- ↑ "Nummus", "Follis", "Pentanummium" e "Decanummium". En Tipos de monedas bizantinas. www.tesorillo.com.
- ↑ Grierson (1999). Páxinas 18-19.
- ↑ Grierson (1999). Páxinas 19.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Nummus |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Cohen, Henry. Description historique des monnaies frappées sous l'Empire romain. MM. Rollin & Feuardent. 2ª edición. París, 1880-1892 (Tomo I: 1880. Tomo II: 1882. Tomo III: 1883. Tomo IV: 1884. Tomo V: 1885. Tomo VI: 1886. Tomo VII: 1888. Tomo VIII: 1892 (mais táboa de emperadores).
- Grierson, Philip. Byzantine Coins. Methuen. Londres, 1982. ISBN 978-0-416-71360-2
- Grierson, Philip. Byzantine coinage. Dumbarton Oaks. 1999. ISBN 978-0-88402-274-9
- Hendy, M. Studies in the Byzantine Monetary Economy c.300-1450. Cambridge University Press, 1985. ISBN 0-521-24715-2
- Hendy, M. The economy, fiscal administration and coinage of Byzantium. Londres, 1989. ISBN 0860782530
- Kazhdan, Alexander Petrovich, ed. The Oxford Dictionary of Byzantium. Oxford University Press, 1991. ISBN 978-0-19-504652-6
- Sabatier, Justin. Description générale des monnaies byzantines frappées sous les Empereurs d'Orient. 2 vol. París, 1862
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Nummus". Catálogo con imaxes e descricións en Coin Archives
- Moedas bizantinas catalogadas por orde cronolóxica de emperadores
- Moedas bizantinas catalogadas segundo a o bran de Sear: Byzantine Coins & Their Values
- Digital Library Numis Arquivado 05 de xullo de 2018 en Wayback Machine. (bibliografía en liña de numismática bizantina)