Plauto
Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
(década de 1700) | |
Nome orixinal | Tito Maccio Plauto |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | c. 254 a. C. Sarsina, Italia (pt) |
Morte | 184 a. C. Roma, Italia |
Actividade | |
Ocupación | comediógrafo, dramaturgo, escritor |
Período de tempo | Media República Romana |
Obra | |
Obras destacables
| |
Familia | |
Pais | valor descoñecido e valor descoñecido |
Descrito pola fonte | Pequeno Dicionario Enciclopédico de Brockhaus e Efron Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Plautus and Terence (en) |
|
Tito Maccio Plauto, nado en Sársina (Romaña) no 254 a. C. e finado en Roma no 184 a. C., foi un comediógrafo da Roma Antiga, considerado o máis xenuíno de entre todos os da literatura latina. Escribiu comedias de enredo, do xénero da palliata.
Contexto histórico
[editar | editar a fonte]Na época en que Plauto viviu, Roma estaba inmersa en varias guerras polo control do Mediterráneo. Logo de conquistar Italia e a rexión da Magna Grecia (o que lle permitiu coñecer a cultura helena), Roma tremía ante o nome de Aníbal e, despois de superar as guerras contra el, iniciou outra nova guerra, a macedónica.
As guerras púnicas
[editar | editar a fonte]As guerras contra Aníbal e os cartaxineses foron as chamadas Guerras Púnicas, nas que Roma disputou con Cartago o dominio do Mediterráneo.
A Primeira Guerra Púnica (267 – 241 a.C) foi unha disputa, sobre todo, polo dominio de Sicilia. Os cartaxineses eran superiores navalmente, pero os romanos servíronse da súa óptima infantería para gañar. Tras a derrota, Cartago comprometeuse a non atacar a ningún aliado de Roma e comezou a expandirse pola Península Ibérica, territorio que tamén ambicionaban os romanos.
No 241 a. C. Roma conquistou a Magna Grecia. A cultura helena estaba xa presente na romana dende había tempo, o que explica a grande aceptación das comedias gregas en Roma, pero a partir desta conquista sucedida ó final da primeira guerra púnica, o helenismo estivo aínda máis presente na Urbs. Un número considerable de gregos comezou a vivir entre os romanos, levando con eles a súa cultura, bastante máis avanzada. Os romanos comezaron a ter interese por esa cultura, e xurdiu así a necesidade de crear unha literatura de seu en latín, constituída primeiro por traducións e adaptacións.
As guerras tiveron unha grande importancia na introdución do teatro grego en Roma. Os soldados que participaran nas campañas do sur de Italia afeccionáranse alí ó teatro e despois de tornados a Roma demandaban o traslado dos espectáculos teatrais á capital; a plebe, formada en gran parte por emigrantes gregos, acolleu tamén con gusto estes espectáculos.
Así pois, os romanos estaban afeitos ás formas culturais gregas e, seguindo o seu costume, decidiron imitalas para construír as súas. Por tanto, non é de estrañar que para celebrar a fin da Primeira Guerra Púnica os romanos, en setembro do ano 240 a. C., organizaran xogos que, por primeira vez, incluían representacións teatrais adaptando os orixinais gregos. Livio Andronico, un liberto grego residente en Roma, foi o encargado de facer a versión e a montaxe escénica. Pódese, por tanto, situar o comezo do teatro en Roma nesta data con toda precisión. Non se sabe se nesa ocasión se representou unha palliata ou unha traxedia, pero en calquera caso se non foi daquela foi xusto despois, xa que no 325 a. C., ademais de Andronico, hai xa constancia doutro comediógrafo en Roma, Gneo Nevio.
Plauto foi, logo, o grande autor cómico durante a Segunda Guerra Púnica (218-201 a. C.). Esta guerra volveu enfrontar a Roma e Cartago, esta vez comandados os cartaxineses por Aníbal, a quen os romanos temían. Estes crían que a nova guerra tería lugar en Hispania, pero os cartaxineses tomáronos por sorpresa facendo cruzar os seus exércitos polos Alpes. As tropas de Aníbal chegaron a asediar a propia Roma e quizais por iso a poboación, que vivía baixo o medo dunha invasión, se sentía máis propensa a ver comedias, para se distraer da triste situación que estaba a vivir.
As guerras macedónicas
[editar | editar a fonte]A Primeira Guerra Macedónica (214 – 205 a. C.) foi o primeiro conflito bélico que enfrontou a República Romana co Reino de Macedonia, e produciuse polas ansias expansionistas de Filipo V de Macedonia, que ameazaba o dominio romano nos territorios gregos e polo seu acercamento a Aníbal. Roma enviou tropas contra Filipo e o conflito non tivo maiores consecuencias.
Non obstante, no 200 a. C. Flilipo intentou a anexión de novos territorios. Pérgamo e Rodas, como aliadas dela pediron protección a Roma. Comezou así a Segunda Guerra Macedónica, na que os exércitos de Filipo foron derrotados, sendo limitado o seu dominio exclusivamente a Macedonia.
En definitiva, a época na que lle tocou vivir e na que desenvolveu o seu traballo Plauto foi unha época de guerras, na que a poboación vivía atemorizada, o que explica o auxe da comedia, xa que os cidadáns o que buscaban asistindo ás representacións teatrais era evadirse do caos e do sufrimento que os rodeaba.
Biografía
[editar | editar a fonte]As fontes
[editar | editar a fonte]Os datos bibliográficos sobre a vida de Plauto, escasos e pouco fiables, proceden de dous pequenos fragmentos nos textos de Aulo Xelio e San Xerome, ademais de algunhas outras referencias illadas en diversos autores coma Cicerón. O carácter fantasioso e novelesco da historia que contan levou a moitos filólogos a dubidar da súa credibilidade. E aínda por riba disto ás veces non resulta doada a interpretación dos textos[1]
A vida de Plauto
[editar | editar a fonte]Como conta San Xerome, Plauto naceu en Sársina, unha poboación situada na rexión de Umbría, hoxe a Romaña, que el mesmo cita en “Mostellaria”[2], unha rexión pouco helenizada e sometida polos romanos poucos anos antes da súa data de nacemento, que os estudosos sitúan entre 259 e 251 a. C.[3] , o que fai supor que o propio autor debeu de adquirir en Roma a súa fonda cultura grega e o coñecemento do latín [4]
Versión orixinal | Versión en galego |
---|---|
Plautus ex Umbria Sarsinas Romae moritur. (Eusebii Chronicorum, liber II, 1817) [5] |
Plauto, procedente de Sarsina, en Umbría, morreu en Roma. |
Versión orixinal | Versión en galego |
---|---|
|
|
Emigrou a Roma onde traballou no teatro, quizais como actor. Gañou cartos que investiu no comercio e quedou arruinado. Tivo que entrar ao servizo do seu acredor, traballando na dura tarefa de darlle voltas ás rodas dun muíño. E foi entón cando comezou a escribir obras de teatro, o Saturio, o Addictus e outra máis da que Aulo Xelio non recorda o título.
Versión orixinal | Versión en galego |
---|---|
|
|
San Xerome conta o seguinte:
Versión orixinal | Versión en galego |
---|---|
|
|
A partir deste momento interrómpese a tradición biográfica e só hai as poucas noticias que o propio Plauto pode inserir nos textos das súas obras. As investigacións máis recentes apuntan a que debeu ser un home libre, que chegou a Roma como actor nunha compañía teatral, como comerciante ou mesmo como soldado, dado o profundo coñecemento que mostra da linguaxe militar nas súas comedias.[9]
O seu enorme éxito como escritor fixo que se apartase dos traballos físicos (muiñeiro) e que as comedias lle deran o necesario para vivir e máis, posto que morreu con aproximadamente setenta anos, inmensamente rico e cunha gran popularidade entre a sociedade do momento. Existen outras interpretacións que afirman que cando el empregaba a expresión latina “empuxar a pedra do muíño”, non se refería a que traballase como muiñeiro, senón a un estado de extrema pobreza [10]
O personaxe protagonista da obra ciceroniana Sobre a vellez, Catón, afirma que Plauto se sentía moi orgulloso da súa actividade literaria durante a súa vellez.
Versión orixinal | Versión en galego |
---|---|
|
|
Cicerón fixa a súa morte no ano 184 a. C., que se correspondía coa censura de Catón.
Versión orixinal | Versión en galego |
---|---|
|
|
Aulo Xelio, que viviu no século I d.C., recolle na súa miscelánea Noites Áticas noticias sobre o epitafio de Plauto:
Versión orixinal | Versión en galego |
---|---|
Epigramma Plauti, quod dubitassemus, an Plauti foret, nisi a M. Varrone positum esset in libro de poetis primo: |
|
O problema do nome
[editar | editar a fonte]Son tantas as dúbidas sobre o comediógrafo que mesmo se suxeriu que Plauto non foi máis que un nome baixo o que firmaron as súas obras outros autores, convencidos de que iso garantía que as súas producións acadasen sona inmediata en Roma. Estas inseguridades chegan mesmo ó nome do poeta, e só se sabe con certeza que os antigos o coñeceron polo nome de Plautus.
Suxeriuse que Plautus fose a forma romanizada do cognome Plotus e segundo os etimoloxístas puido facer referencia á forma dos pés (planos), polo que por extensión tamén se aplicaría ós actores de mimo que saían a escena cos pés descalzos, de onde o nome de planipedes; ou ben a un tipo de can con orellas colgantes, como parece suxerir o propio Plauto no prólogo de “Cásina”.[13]
Versión orixinal | Versión en galego |
---|---|
|
|
Hoxe adoita aceptarse por unanimidade a designación proposta por Friedrich Wilhelm Ritschl de “Titus Maccius Plautus”, segundo aparece no explicit de “Cásina” do palimpsesto Ambrosiano: T. (Titi) Macci Plauti Casina explicit [14] , aínda que esta hipótese presenta varios problemas. En primeiro lugar a dificultade de que un escritor de orixe humilde puidese contar co privilexio dos tria nomina e que non existe outro texto ou documento antigo onde aparezan estes tres nomes. E en segundo lugar a propia mención que Plauto fai de si mesmo como Maccus (Asinaria 11 e Mercator 10).
Versión orixinal | Versión en galego |
---|---|
|
|
Versión orixinal | Versión en galego |
---|---|
|
|
Unha das moitas teorías que pretenden explicar estas dificultades é a proposta por Bücheler, quen supón que Plauto chegou a Roma co nome de Tito e co alcume burlesco de Plauto, aos que se lle engadiu o sobrenome de Maco; máis tarde, cando acadou a cidadanía romana, formaría o seu nome completo co nome de pila (praenomen Titus), o sobrenome latinizado (nomen Maccius) e o alcume (cognomen Plautus) [17]
Obras conservadas. O Corpus Plautino
[editar | editar a fonte]Plauto dedicouse á composición de comediae palliatae, é dicir, comedias de modelo, ambientación e personaxes gregos, coas que se converteu no escritor máis coñecido do seu tempo. Pouco despois da súa morte circularon en Roma unhas 130 comedias baixo a súa autoría, xa que o emprego do nome “Plauto” era garantía de éxito. Un bo exemplo da boa fama da que gozou o autor é o prólogo da obra “Cásina”, redactado trala súa morte:
Versión orixinal | Versión en galego |
---|---|
Qui utuntur uino uetere sapientis puto |
Na miña opinión, os que beben viño vello e os que |
Trala morte de Plauto, a mediados do século II a. C., comezou un traballo editorial decisivo para o futuro do texto das obras plautinas. Fixéronse dende aquelas auténticas edicións críticas do texto seguindo fórmulas editoriais da filoloxía alexandrina, cuxos beneficios se reflicten nos manuscritos actuais. Deste xeito, as comedias ían precedidas das didascalia, ou noticias sobre a súa representación e posta en escena. Unha das mellor conservadas é a feita para “Stichus”. Nestas edicións incluíase tamén unha listaxe de personaxes e un resumo do contido, argumentum, moitos deles acrósticos, é dicir, que a primeira letra de cada verso que lidas en sentido vertical formaba o título da comedia. Os editores fixaron así mesmo a disposición a gráfico do texto, como se pode ver no argumentum da “Aulularia” de Plauto.
Versión orixinal | Versión en galego |
---|---|
Aulam repertam auri plenam Euclio |
Euclión atopa unha ola chea de ouro |
O texto das comedias era en verso e as copias desas edicións non se fixeron a liña seguida, como se fose prosa, que era o común, senón por versos. Desta maneira a súa natureza métrica foi facilmente recoñecible. Nesta etapa editorial as comedias estaban divididas en escenas, xa que Plauto suprimiu a división en actos dos orixinais gregos. A división en actos actual empregouse por primeira vez nas edicións renacentistas da obra plautina, seguindo os mandamentos de Horacio na súa Ars poetica.[20]
Versión orixinal | Versión en castelán |
---|---|
Neve minor neu sit quinto productior actu. |
Para que un drama al público entretenga, |
Tamén comezou de seguida, trala morte do autor, un debate sobe a autenticidade das 130 comedias que circulaban baixo o seu nome. Hai noticias, gracias a Aulo Xelio, de que existiron bos estudos de eruditos romanos coma Acio, Volcacio Sedíxito, Elio Estilón,etc., pero o que acadou unha maior repercusión foi o traballo de Varrón, De Comeodiis Plautinis, hoxe perdido. Nese estudio Varrón estableceu tres grupos:
- 21 comedias, nas que a autoría de Plauto era universalmente admitida.
Versión orixinal | Versión en galego. |
---|---|
Nam praeter illas unam et viginti, quae Varronianae vocantur, quas idcirco a ceteris segregavit, quoniam dubiosae non erant, set consensu omnium Plauti esse censebantur. (Gellius, Liber III, vv.3 The Latin Library )[23] |
Pois, ademais daquelas, 21, que son chamadas “Varronianas”, ás que separou do resto porque non eran dubidosas, senón que eran consideradas de Plauto segundo o parecer de todos. |
- 19 comedias, que por razóns históricas e estilísticas, Varrón a título persoal consideraba tamén plautinas.
- 90 comedias que foron consideradas espurias.
Son obras de pouca complexidade, sen reflexións filosóficas nin intencións didácticas, que seguen uns esquemas establecidos, moi parecidos entre os personaxes e as tramas das diferentes obras. De todas elas só chegou ao comezo da Idade Media, e máis tarde ata os nosos días, o grupo formado polas primeiras 21 comedias, coñecidas coma Comoediae Varronianae. Pero, malia que o resto se deixaron de transcribir, tense coñecemento de aproximadamente outros 35 títulos, amais dalgúns pequenos fragmentos, polas citas feitas por gramáticos latinos coma Diomedes, Nonio ou Prisciano e eruditos coma Aulo Xelio. As 21 comedias, en orde alfabética, son:
- Anfitrión (Amphitruo)
- Aulularia (que inspirou a autores coma Shakespeare en O mercador de Venecia)
- Asinaria
- Bacchides
- Captiui
- Curculio
- Casina
- Cistellaria
- Epidicus
- Mostellaria
- Menaechmi
- Miles gloriosus
- Mercator
- Pseudolus
- Poenulus
- Persa
- Rudens
- Stichus
- Triunummus
- Truculentus
- Vidularia
O manuscrito principal, conservado hoxe en día na Biblioteca Ambrosiana de Milán, é o palimpsestus Ambrosianus (A) redactado no século III ou IV d.C. en letra capital sobre pergamiño, descuberto en Milán no ano 1815 por Ángelo Mai. Existen outros códices medievais dos séculos X, XI e XII, que en moitos casos están cheos de faltas por mor do paso do tempo, dos erros na escritura ou a ignorancia e desidia dos copistas. En total consérvanse 8 exemplares nos que as 21 comedias varronianas foron copiadas segundo o criterio alfabético empregado xa na Antigüidade.
Influencias e innovacións
[editar | editar a fonte]A comedia antiga e a comedia nova
[editar | editar a fonte]Para entender a nova comedia grega de Menandro e as súas similitudes con Plauto, é necesario discutir a idea da comedia antiga grega e a súa evolución na nova comedia. O antigo dramaturgo grego que mellor encarna a comedia grega antiga é Aristófanes.
Aristófanes foi un dramaturgo da Atenas do século V a. C. que escribiu obras de teatro de sátira política, coma As avespas, Os paxaros e As nubes. Cada unha destas obras de teatro, e outras que Aristófanes escribiu, son coñecidas polo seus comentarios políticos e a crítica social. Este é o compoñente principal da comedia antiga. El era moi consciente do mundo no que vivía e analizouno nas súas obras facendo referencias á actualidade do momento. Por exemplo, na obra As Avespas, os nomes dos seus dous personaxes principais "Philocleon" e "Bdelycleon", que significan "prol-Cleon " e "anti-Cleon " respectivamente, fan referencia a Cleón, unha figura política importante dese tempo, a través da que Aristófanes é capaz de criticar libremente as accións deste destacado político.
A diferenza de Aristófanes, Plauto evitou a actualidade política (no sentido estrito do termo) nas súas comedias.
A nova comedia grega é moi diferente ás obras de Aristófanes. A diferenza máis notable, de acordo con Dana F. Sutton [24] é, que a comedia nova, en comparación coa comedia antiga, carece "dun contido político, social ou intelectual" e pódese realizar en calquera tipo de escenarios sociais e políticos sen risco de ofender.
Os modelos literarios da palliata son as obras Comedia Nova grega, pero de entre tódolos comediógrafos gregos, o preferido polos autores latinos é Menandro (342 – 291 a. C.), un autor que acadou gran popularidade no seu tempo. Aínda que outros dous grandes representantes da Comedia Nova foron Dífilo e Filemón.
Relacións pai-fillo
[editar | editar a fonte]Un tema principal da nova comedia grega é a relación pai-fillo. A relación entre un pai e o seu fillo na comedia nova é moi forte, e o fillo permanece leal ao seu pai. A relación é o foco de toda a actuación dos personaxes principais. En Plauto a atención tamén se centra na relación entre o pai e o fillo, pero existe unha rivalidade entre os dous homes que non se observou en Menandro. Ambos os autores, a través das súas obras, reflicten unha sociedade patriarcal na que a relación pai-fillo é esencial para a función e o desenvolvemento dunha familia axeitada. Xa non é unha declaración política, como na comedia antiga, senón unha declaración sobre as relacións familiares e o comportamento apropiado entre un pai e o seu fillo. Pero as actitudes destas relacións son moi diferentes entre ambos os dous autores, un reflexo de como eran os mundos de Menandro e de Plauto.
O escravo listo
[editar | editar a fonte]O escravo ten un papel importante nun bo número de obras de Plauto. O servus callidus, en particular, é un personaxe moi forte, que non só ofrece a exposición e o humor, senón que adoito impulsa a trama nas obras de Plauto. C. Stace [25] argumenta que Plauto tomou o carácter común dos escravos da nova comedia grega pero alterándoo para os seus propios fins. Na nova comedia, escribe, "o escravo non é a miúdo moito máis que un xiro cómico, co obxectivo engadido, quizais, da exposición". Isto demostra que non había precedente deste arquetipo de escravos e que algúns dos papeis da antiga comedia seguen en Plauto (os monólogos expositivos, por exemplo).
Con todo, como Plauto atopa un humor nos escravos orientado cara enganar aos seus amos ou compararse con grandes heroes, orientou tamén o personaxe un paso máis aló e creou algo distinto. O "escravo listo" é unha das innovacións máis importantes de Plauto, con respecto a comedia nova grega.
A técnica compositiva de Plauto
[editar | editar a fonte]Para comprender na súa totalidade a técnica compositiva de Plauto é necesario non só a análise das súas pezas, senón tamén tomar como punto de referencia os modelos gregos dos que se serviu e así decatarse das novidades e innovacións do autor, é dicir, da súa técnica literaria e compositiva.
Dende o punto de vista formal, unha das novidades estruturais da comedia plautina foi a desaparición das intervencións do coro. Mentres na Comedia Nova helenística, tal coma amosan as comedias menandreas conservadas, as obras estaban divididas en cinco actos separados polos catro intermedios corais; no teatro romano de época arcaica esa división desapareceu, xa que non existe o coro ó xeito grego. Suponse, aínda que con dúbidas, que a representación das comedias plautinas se levaría acabo sen interrupcións, se ben en Plauto faltan indicacións explícitas e claras sobre o particular.
Así a todo, cómpre sinalar que o paso dunha escena a outra, tal e coma se conserva hoxe no textos plautinos, esixiría que o escenario quédase baleiro polo cambio brusco de escenas e personaxes.
A desaparición do coro na comedia romana implica a fonda transformación da comedia cara ao melodrama. A estrutura das pezas plautinas vén determinada non por elementos externos, senón pola organización da acción en “exposición”, “nó” e “desenlace”. Os críticos consideran hoxe que esa gran variedade de metros e ritmos é unhas das novidades máis salientables da obra plautina fronte o modelo da Comedia Nova alexandrina, sobre todo no que atinxe aos cantica, que se converten nun compoñente máis da acción teatral, aínda que en número variable e non predeterminado. O canticum non é xa un intermedio na acción, senón unha parte esencial da peza teatral. A realización dunha escena mediante esta fórmula revela a enorme independencia artística de Plauto.[26]
O Prólogo
[editar | editar a fonte]Un elemento común, aínda que non fixo, das comedias plautinas é o prólogo, que adopta as variacións típicas da Comedia Nova alexandrina.
Non obstante Plauto non se limitou a facer unha copia exacta das formas e función do prólogo da comedia helenística. É certo que o prólogo plautino, igual có grego, podía ser pronunciado por unha divindade ou personaxe alegórico (Lar familiaris en “Aulularia”, o deus Auxilium en “Cistellaria”, a estrela Arcturus en “Rudens” e Luxuria e Inopia en “Trinummus”), ou por un dos personaxes (Charinus adulescens en “Mercator”, Palaestrio seruus en “Miles”, e polo deus-protagonista Mercurius en “Amphiitruo”).
A novidade neste punto consiste no emprego dun personaxe chamado Prologus, invención tipicamente romana, que sería identificado pola súa vestimenta, como acontece en “Asinaria”, “Captiui”, “Casina” etc. Segundo os seus modelos gregos, o prólogo plautino podía tamén ser pronunciado despois da primeira escena, tal e coma se fai en “Cistellaria” ou “Miles”.
Na comedia alexandrina o prólogo era sempre de carácter expositivo, e nel explicábanse os antecedentes da acción, identificábanse os personaxes e anunciábanse as peripecias que permitían comprender o final da obra. En Plauto o prólogo perde a súa función meramente expositiva, manexando con grande habilidade este elemento funcional da comedia para acadar a atención do público.
Cando menos en cinco comedias, “Curculio”, “Epidicus”, “Mostellaria”, “Persa” e “Stichus”, non se conserva o prólogo, ben porque se perdeu no proceso de transmisións dos textos, ben porque Plauto o omitiu. Só en once comedias, pois, Plauto empregou o prólogo expositivo ao xeito da comedia alexandrina, pero aínda así introduciu novidades, como son:
- a información sobre o título e o autor da obra grega na que se inspirou;
- a petición de silencio;
- eloxio da propia obra;
- advertencia sobre as posibles confusións entre personaxes;
- referencias a feitos da actualidade romana;
- interacción co público.
O motivo é situar o espectador nun plano omnisciente, dende o que poida saborear os erros e confusións que viven os personaxes.
Orixinalidade ou copia. A contaminatio
[editar | editar a fonte]Plauto aprendeu grego literario e tamén traducía comedias gregas ao latín. Os clásicos latinos non contemplaban o concepto de “orixinalidade” co mesmo sentido aprehensivo moderno. Para eles era lícito tomar argumentos, ideas, escenas, personaxes e formas de expresión dun autor anterior. A forma de cada xénero literario era considerada como unha esencia preexistente, extraída pola especulación literaria en cada obra. En consecuencia, ao autor se lle consideraba non coma creador, senón coma “protos euretés”, é dicir, o que a encontra primeiro, o inventor.
Para uns Plauto escribe con orixinalidade e creatividade. Para outros, é un imitador da comedia nova grega e non fai ningunha contribución orixinal á dramaturxia. As posibilidades da orixinalidade de Plauto víanse encamiñadas polos sendeiros do que chamamos contaminatio, xa que esta era a única posibilidade que se ofrecía á capacidade creativa do poeta. A contaminatio consiste en que o autor artella personaxes, escenas e motivos procedentes de distintas comedias ás que lles engade produtos do seu enxeño. A teoría tradicionalmente mellor aceptada era a de que Plauto utilizaba dita técnica. A primeira vista parece acertada semellante opinión posto que os elementos de cada comedia plautina encontran paralelo en obras diversas gregas, pero, actualmente, a explicación que se dá a tales paralelismos é que Plauto tomara o modelo grego concreto para cada unha das súas comedias pero que o modificaría cunha serie de lugares comúns da Comedia Nova. Por iso pode parecer que Plauto mestura comedias distintas, cando en realidade o que mestura son escenas tópicas que se poden achar en moitos lugares distintos, pola súa topicidade. [27]
O habitual era presentar ao maxistrado que patrocinaba a representación, un orixinal que fose tradución máis ou menos fiel dalgunha comedia grega, de modo que o público puidese crer que ían presenciar un acto de alcance cultural semellante aos que se realizaban na culta Grecia e nas demais cidades helenizadas do Mediterráneo.
Plauto leva a cabo o aggiornamento que é a posta en día da obra, engadindo chistes ou referencias a personaxes ou situacións do momento.
Os personaxes
[editar | editar a fonte]Os personaxes que dan vida a esas accións dramáticas responden a uns trazos determinados, estereotipados, que os fan recoñecibles e identificables aos ollos do público. Plauto soubo adaptar eses personaxes da Grecia inmediatamente anterior a Alexandre á Roma da súa época, aproximadamente século e medio despois. Efectivamente, os personaxes parecen gregos, pero son romanos; velaí o mérito de Plauto.
Os personaxes que utiliza Plauto son:
- Senex: “o ancián”, pode ser o pai do mozo. O seu retrato é o dun vello carraxento, avarento e crédulo. É burlado e estafado polo escravo. A máxima expresión grotesca do senex é o vello namorado, sobre o que caerán todas as burlas. Un exemplo sería o vello Lisidamos, na comedia “Cásina”.
- Adulescens: “o mozo namorado”, o seu amor por unha rapaza de boa familia ou, o que é máis frecuente, dunha cortesá ou escrava, é o feito que da pé a toda a acción. Para acadar o seu obxectivo contará coa axuda dun fiel escravo ou un fiel amigo. Aparece na obra “Aulularia” co nome Alcesimarco.
- Servus: “o escravo” é o auténtico protagonista das comedias plautinas. Engana a calquera co fin de axudar ó seu xove amo. É listo, mentireiro, irrespectuoso, sen escrúpulos; rise de todo o mundo, del mesmo e mesmo do seu amo. Un exemplo sería o escravo Chrysalus na obra “Bacchides”, e co nome de Palaestrio en “Miles Glouriosus”.
- Virgo, meretrix e puella: “as rapazas” son obxecto da paixón amorosa. Se é unha moza libre non sairá nunca a escena, aínda que haxa referencias a ela. As mozas que saen a escena son meretrices ou fillas de pais descoñecidos. Un exemplo sería a rapaza Cásina, na comedia “Cásina”.
- Uxor: “matrona” disposta a impoñer a súa vontade sobre a do seu marido, ten un ton colérico e malhumorado. Aparece na obra “Cásina” co nome de Cásina, e na obra “Epídico” co nome de Filipa.
- Anus: unha vella alcaiota bébeda e amante do diñeiro. Ten plans para enriquecerse, pero acábanlle saíndo mal. Un exemplo sería a vella alcaiota Leona, na comedia “Curculio”.
Os personaxes secundarios son:
- Parásita: son aduladores sen escrúpulos con tal de encher así os seus bandullos. Coma Curculio.
- Curculio: o militar fanfarrón: coa súa vaidade convértese en obxecto de burlas. Aparece na obra “Truculento” co nome de Estratófanes, e na obra “Miles Gloriosus” co nome de Pirgopolinices.
- O lenón cobizoso: Lenón, do latín “leno, onis”, adoita ser indispensable nas obras de Plauto. É un traficante de escravas, avaricioso e corrupto, cínico e deshonesto. Aparece na obra “Pséudolo” e chámase Balión.
- O cociñeiro: preséntase como prototipo de rapineiro. Aparece na obra “Cásina” como Citrión.
Destacan dous tipos de comedias, a de escravo e a de recoñecemento.
- Nas comedias de escravo, a figura do escravo foi gañando importancia ó longo da produción poética plautina. Nas súas derradeiras comedias o escravo chega a converterse no verdadeiro condutor da acción, medrando en capacidade intelectual e liberdade imaxinativa.
- As comedias de recoñecemento son, despois das comedias de escravo, as que máis abundan. Nelas a identidade perdida ou esquecida dun dos protagonistas é recuperada ó final, de xeito que o recoñecemento desta identidade fai que a acción dea un cambio radical.
A parella dramática servus-adulescens é a máis importante na produción plautina, xa que presenta o mundo do revés dende o momento que a intelixencia do escravo permite artellar solucións que favorecen ó seu dono.
Un aspecto que está sempre presente en todas as comedias é a Fortuna. A sorte ten un valor estabilizante, xa que non só é unha aliada nas estrataxemas do escravo, senón tamén a súa opoñente que o obriga a crear novas intrigas.[28]
Os nomes gregos nas comedias de Plauto
[editar | editar a fonte]- Misargírides (Mostellaria o A pantasmiña): O que odia os cartos. Nome composto de μισέω ("odiar"), ἄργυρος ("prata") e o sufixo patronímico -ίδης, todo un sarcasmo para un prestamista carente de escrúpulos cando se trata de reclamar o diñeiro (o máis amado –para el– no mundo).
- Pirgopolinices (Miles gloriosus): Nome composto de πύργος ("torreta colocada encol do lombo dun elefante") y πολυνίκης ("vencedor moitas veces"), para un militar fanfarrón que seguramente aparecía en escena cunha réplica do aparello bélico antes aludido.
- Cásina (Casina): Derivado de κασία ("canela") referido á beleza dunha xove perfumada. Derivado de casus ("azar") referido ao simulacro de sorteo que deberá dirimir a contenda entre Olympio e Chalinus pola posesión dos favores de Cásina.
- Sceledrus (Miles gloriosus): Nome mixto, composto de scelus ("malfeito") e δράω ("facer"), atribuído a un escravo supostamente pillabán. Nome composto de σκέλος ("perna") e ἕδρα ("acción de sentar"), adecuado para explotar ao longo de toda a comedia o feito grotesco de que Sceledrus se despraza polo escenario imitando o camiñar de crequenas propio dos primates.
- Euclión (Aulularia): Nome composto de εὖ ("ben") e κλείω ("honrar"), non desdí en absoluto do vello venerable que é, en liñas xerais, o protagonista da “Aulularia” plautina; trátase dunha designación que responde máis ao tipo dramático que ao personaxe concreto. Nome composto de εὖ ("ben") e κλείω ("esconder"), así se chama propiamente –e en virtude dunha sutil homonimia– o senex atenazado pola obsesión de ocultar a pota que contén o ouro.
- Pseudolus (Pseudolus): nome mixto, composto de ψευδής ("farsante") e dolus ("trampa"), co que se designa ao escravo trapalleiro por antonomasia da Comedia plautina.
- Palaestrio (Miles gloriosus): nome derivado do adxectivo παλαιστρίτης ("malabarista" / "maquinador"); séntalle coma o anel ao dedo a un escravo astuto que protagoniza unha das escenas de tipo grotesco máis logradas da comedia plautina.
- Megadoro (Aulularia): nome composto de μέγα ("grande") e δῶρον ("regalo"), asígnase a un vello rico que se mostra dadivoso en prol da familia coa que supón que vai a contraer lazos de parentesco.
- Lisímaco (Mercator): nome composto de λὐσις ("disolución") e μάχομαι ("guerrear"), lévao un marido que, a causa dos reproches constantes da súa enfurecida esposa, decide non seguir dando pábulo ás hostilidades ente cónxuxes.
- Argentumdonides (Persa): nome composto de argentum ("diñeiro"), dono ("facer donativos") / donum ("obsequio") e o sufixo patronímico -ίδης, que serve ao indixente Satvrio para presentarse como alguén de quen non cabe esperar larguezas.
- Artogrogo: do grego ἄρτος ("pan de trigo") e τρώγο ("roer, comer"), significa "roepan", é unha metáfora animal que serve para presentar ao parasito como un τρώξ, equivalente en grego do gurgullo (Curculio)[29]
Linguaxe e estilo
[editar | editar a fonte]Introdución
[editar | editar a fonte]A súa linguaxe e estilo son caracterizados polo acetum latinum como dixera Horacio, a forza expresiva das súas comparacións e das súas identificacións conceptuais. Polo que atinxe ás comparacións, destacan as que se fan de xeito esaxerado coa mitoloxía.
Latín arcaico
[editar | editar a fonte]A linguaxe de Plauto, que utiliza a linguaxe coloquial da súa época, é distintiva e non é estándar dende o punto de vista da época posterior. Algunhas das características máis notables que dende a perspectiva clásica considéranse irregulares ou obsoletas son:
- O uso de formas que non existen dalgúns verbos tales coma mavolo ("prefiren") en lugar da súa forma posterior malo.
- A emenda do -e final en imperativos irregulares.
- A retención de -u- en palabras como maxumus, proxumus, lacruma.
- O uso da finalización -ier para o presente pasivo e o infinitivo.
- A caída do -s final das formas verbais.
- Qu- en lugar de c- (como Quom en lugar de cum).
- O uso de -ai en xenitivo singular.
- A retención do -d nos substantivos e pronomes no singular do ablativo.
- O uso de -es como terminación plural do nominativo.
Medios de expresión
[editar | editar a fonte]Hai certas formas de expresión que Plauto utiliza nas súas obras, e que lle dan unha certa orixinalidade ao seu estilo de escritura. Dous exemplos son o uso de proverbios e o uso da lingua grega.
- Plauto emprega en moitas das súas obras proverbios que abordan determinados campos, coma o dereito, a relixión, a medicina, o comercio, a artesanía e a navegación. Ás veces, aparecen entrelazados dentro dun discurso. O aspecto máis común dos proverbios é que se atopan xeralmente ao final dun soliloquio para darlle un efecto dramático á obra.
- Tamén é moi habitual o uso do grego. As palabras gregas que emprega serven para describir alimentos, aceites, perfumes etc.
Chistes
[editar | editar a fonte]Plauto fai chistes mediante xogos de palabras. Algúns exemplos destácanse nos textos co fin de acentuar o que se está dicindo e outros para elevar a arte da lingua. Tamén fai adiviñanzas para identificar a un personaxe, recorre á personificación de obxectos inanimados que nun momento dado gañan vida propia para facer un comentario xocoso e, como xa se dixo antes, á explotación de situacións e personaxes que poden mover á risa ó público.
Métrica
[editar | editar a fonte]Para comprender a técnica compositiva de Plauto, é necesaria a análise das súas pezas e tomar como punto de referencia os modelos gregos. Unha das novidades estruturais da comedia plautina foi a desaparición das intervencións do coro. Tamén cómpre sinalar que o paso dunha escena a outra esixiría que o escenario quedase baleiro polo cambio brusco de escenas e personaxes.
A estrutura das pezas plautinas vén determinada pola organización de acción en "exposición, "nó" e "desenlace". As peripecias da acción veñen subliñadas polo tipo de representación. Eran tres os tipos empregados: a forma falada, a recitación con acompañamento musical de frauta e o canto-baile.
Influencia de Plauto na literatura posterior
[editar | editar a fonte]Críticos intelectuais e académicos a miúdo consideraron a obra de Plauto como non moi importante; non obstante, a súa influencia na literatura posterior é impresionante, sobre todo en dous xigantes da literatura coma Shakespeare e Molière. Moitos dramaturgos ao longo da historia recorreron a Plauto para os personaxes, a trama, o humor ou outros elementos da comedia. A súa influencia esténdese en moitas obras teatrais.
Na antigüidade
[editar | editar a fonte]O éxito acadado polas obras de Plauto durante a súa vida prolongouse durante algunhas xeracións máis. De feito as súas comedias continuaron a ser representadas.
O primeiro “renacemento” das obras de Plauto ten lugar xusto despois da morte de Terencio (morto no 159 a. C.), que non acadou a gloria nin o favor do público do seu antecesor.
Na época republicana comezan xa os estudios críticos e filolóxicos sobre o corpus plautino con traballos tan salientables coma o de Varrón, que chegou á conclusión, tras o seu estudo, que a pesar de que circulaban baixo o seu nome 150 obras só eran súas arredor de 30.
Durante a primeira época do Imperio, a valoración de Plauto foi moi baixa debido ás críticas feitas polos poetas augusteos coma Horacio [30] que xulgaron as súas obras pensando nunha extrema perfección literaria.
Este é o fragmento da Ars poetica na obra “El arte poética de Horacio, epístola a los pisones” nunha tradución ao castelá de Tomas de Iriarte en 1777:
Versión orixinal | Versión en castelán |
---|---|
At uestri proaui Plautinos et numeros et |
Mas podrán replicar: ¿No merecía |
Non obstante no século II da nosa era comeza de novo o interese por Plauto e mailas súas comedias.
Idade Media e Renacemento
[editar | editar a fonte]O novo interese polas comedias de Plauto continúa nos séculos III e IV, nos que se confecciona a edición científica á que se remonta hoxe a tradición manuscrita plautina.
Pouco despois, no século V, componse unha das primeiras pezas a imitación das plautinas que leva por título Querolus siue Aulularia (coma na comedia antiga).
Na Idade Media Plauto foi moi pouco lido, mentres que Terencio se converteu nun autor escolar, modelo do bo latín e dos bos costumes, o que fixo que fora moito máis imitado. As referencias a Plauto como auctoritas por parte dos autores medievais ensinan que o seu foi pouco máis que un nome, coñecido só polas citas dos eruditos, gramáticos e lexicógrafos, pero non pola lectura directa das súas comedias. As primeiras referencias medievais a Plauto preséntano como testemuña de palabras raras e arcaicas, caídas no esquecemento. A pouca consistencia da personalidade de Plauto no Medievo vese na transcrición do seu nome (Pauti, Plantus ou mesmo Platón).
A recuperación definitiva da obra e da figura de Plauto prodúcese no Renacemento italiano do século XIV, no que comezan a ser redescubertos os manuscritos antigos.
Petrarca (1304 - 1374) inspirouse en Plauto para crear a súa comedia Philología, hoxe perdida, escrita para o divertimento do cardeal Giovanni Colonna. Non obstante, Plauto non entrou a formar parte das lecturas escolares a pesar das recomendacións de Erasmo e Melanchón, xa que a súa linguaxe e estilo poderían danar a formación dos espíritos dos xoves escolares. Durante o século XV produciuse unha auténtica morea de comedias latinas de autores humanistas inspiradas nas obras plautinas. Pouco a pouco, a lectura directa e a imitatio foron dando paso á posta en escena das comedias antigas.
A finais do século XV na Universidade de Salamanca a posta en escena das obras dramáticas chegou a ser unha práctica habitual, e nos seus estatutos do ano 1530 ordenaba que foran representadas dúas comedias, unha de Terencio e outra de Plauto.
Plauto e Shakespeare
[editar | editar a fonte]As obras de Plauto e Shakespeare que presentan máis paralelismos entre elas son o “Menaechmi” e “A comedia das esquivocacións”. Ademais, Shakespeare usa o mesmo tipo de apertura de monólogo tan común nas obras de Plauto, como se pode ver na “Noite de reis” ou “O soño dunha noite de verán”.
Un dos ecos máis importantes de Plauto é o personaxe do “parasito”; un moi bo exemplo disto é Falstaff, cabaleiro corpulento e covarde de Shakespeare, similar a outro “parasito” de Plauto, Artotrogus, de “Miles Gloriosus”, xa que ambos os dous personaxes parecen obsesionados pola comida, que lles é regalada, pero tamén dependen da adulación para obteren estes regalos.
Dende o século XVIII ata hoxe
[editar | editar a fonte]Olauto foi redescuberto no século XVIII por Lessing, que traduciu “Captiui” e adaptou “Trinummus” na súa obra Der Schatz, e redactou unha monografía sobre a vida e a obra de Plauto. A obra plautina dende entón amosa unha gran vitalidade, sendo hoxe en día o comediógrafo latino máis levado a escena tanto polas compañías de afeccionados como polas profesionais.
Plauto e Molière
[editar | editar a fonte]As obras de Plauto, aínda tendo a base grega, presentan un maior refinamento que as que se escribían daquela nesta zona do Mediterráneo. Os personaxes son os mesmos e a trama está chea de situacións de enredos, enganos e confusións, pero Plauto engade variedade e orixinalidade aos temas tratados e aos personaxes, sempre buscando facer rir ao público romano. Por estas características innovadoras, os seus escritos tiveron especial influencia en autores posteriores coma Molière nas súas obras O Avaro e O Anfitrión. Molière, igual que Plauto, pretendía facer rir e, a través disto, corrixir os malos costumes da xente.
- O Avaro
O Avaro (tamén coñecido como A escola da mentira), escrito segundo o Neoclasicismo, inspirouse en Euclión, vello avaro da “Aulularia” plautina. No caso d’O Avaro, Molière mostra o lado máis mesquiño e egoísta do ser humano e leva ata o extremo os problemas xerados polo poder e mailo diñeiro, sobrepasando todo tipo de sentimentos, que ven minguada a súa importancia no canto do meramente material. Isto reflíctese na obra a través do protagonista, Haspargón, quen só se preocupa por aforrar para o futuro e priva aos seus fillos tanto do material coma do afectivo. Haspargón está namorado dunha moza chamada Mariana, quen ao mesmo tempo é a amante do fillo do ancián, Cleanto. Por outra parte está o amor entre Elisa, filla de Haspargón, e Valerio. Obsérvase que nas dúas obras os personaxes teñen os seus análogos, as situacións son similares, trátase a avaricia e os conflitos que xera, o egoísmo etc.
O Avaro de Molière |
Aulularia de Plauto |
Haspargón: vello avaro namorado de Mariana. Personaxe principal. |
Euclión: vello avaro. |
Cleanto: fillo de Haspargón namorado da mesma muller que seu pai. |
Licónides: xove fillo de Megadoro namorado de Fedria, da que espera un fillo. |
Elisa: filla de Haspargón namorada de Valerio. |
Fedria: filla de Euclión namorada de Licónides. |
Valerio: amante de Elisa. |
Licónides: xove fillo de Megadoro namorado de Fedria, de quen espera un fillo. |
Anselmo: vello rico que quere casar con Elisa. Pai de Valerio e Mariana. |
Megadoro: vello rico que quere casar con Fedria. Pai de Licónides. |
Flecha: astuto escravo de Haspargón. |
Estróbilo e Pitódico: astutos escravos da familia de Licónides |
Mariana: muller simple e sinxela amante de Cleanto. |
Fedria: filla de Euclión namorada de Licónides. |
- O Anfitrión
Ademais destas obras, os dous autores comparten o título dunha das súas creacións: O Anfitrión. Os parecidos non se limitan ao título, senón que tamén o argumento é moi parecido. En ambos os casos o tema principal é o nacemento de Hércules, fillo de Xúpiter e da mortal Alcmena. O deus está namorado da muller e, aproveitando que o seu marido Anfitrión está ausente por participar nunha guerra, toma o aspecto físico deste e goza do amor de Alcmena. Nesta fazaña ao deus axúdao o seu fillo Mercurio, quen toma a aparencia do escravo de Anfitrión, Sosia. Cando os verdadeiros Sosia e Anfitrión volven á casa, os deuses búrlanse deles en dúas ocasións facéndolles dubidar da súa identidade e creando divertidas situacións. Nun momento da obra o deus e o marido de Alcmena atópanse e chegan a confundirse os personaxes. Tras isto, a partir dos amores entre Xúpiter e a mortal nacen os xemelgos Hércules e Ificles e neste intre o deus aclara a súa verdadeira identidade. Aínda que a obra de Molière se insira no Neoclasicismo e a de Plauto no Helenismo, atópanse máis semellanzas entre elas, por exemplo que se usan os mesmos estereotipos de personaxes nunha situación parecida ou que ambas se sitúan en Tebas. As diferenzas son mínimas, coma que en Plauto hai uns capitáns aos que Molière lles muda o nome.
Vese pois que a influencia de Plauto na obra de Molière non se limita a argumentos, senón que tamén se espalla polos personaxes, os lugares ou as estruturas, o que fai que nas obras do francés se mesture o Neoclasicismo propio da súa época co Helenismo grego, deixando patente a admiración que os autores do século dezasete tiñan polos clásicos.
Plauto en Galicia
[editar | editar a fonte]Traducións e adaptacións
[editar | editar a fonte]A dramaturxia galega baseouse numerosas veces en temas, técnicas e recursos clásicos nas súas obras, pero ademais moitos dos conceptos do teatro galego son tamén herdeiros destes: a defensa da historia como mito, que se acha n’O Mariscal (A Coruña 1926) de Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte; o papel do coro d’A lagarada de Ramón Otero Pedrayo (A Coruña 1929); o papel do mensaxeiro e a organización en triloxía d’Os vellos non deben de namorarse de Castelao; así coma ducias de pezas que recrean historias da antigüidade. Este tema da composición de obras de teatro en galego cos temas e argumentos do teatro clásico foi estudado por J. A. Fernández Delgado[32] e Mª J. Regué-Arias[33]. Pero ademais moitas das obras dos dramaturgos galegos están inspiradas directamente nun texto clásico concreto, máis ou menos adaptado para levar a escena os grandes problemas existenciais do home do noso tempo.
No tocante ás reminiscencias da comedia, a influencia do teatro de Plauto en Galicia e nos autores galegos é moi escasa, nada comparable ao que foi Plauto no resto de España. O pioneiro no campo das traducións é Aquilino Iglesia Alvariño, que en 1962 publicou unha versión de Aulularia, co título A comedia da oliña. Trátase dunha tirada reducida feita pola Editorial Galaxia en Vigo. A obra foi estreada na Coruña o 9 de xullo dese mesmo ano polo “Teatro de Cámara”. O 9 de marzo de 1970 o “Teatro de Cámara Ditea” volveu levar a escena a versión de Iglesia Alvariño, en Santiago de Compostela con motivo das xornadas conmemorativas do IX día mundial do Teatro. A tradución desta obra inscríbese nunha tendencia a facer versións das obras de teatro clásico e contemporáneo da literatura universal que se leva a cabo nos anos 60 e 70, nun momento no que a lingua comeza a sentirse forte. A idea é encher o baleiro de orixinais e así potenciar un teatro de calidade en galego á altura doutras linguas con máis tradición literaria e inscribir o teatro galego na cultura universal[34].
Plauto non volveu ser publicado en galego ata 1991, cando a colección “Clásicos en Galego” da Xunta de Galicia e Editorial Galaxia, editou o Anfitrión e Asinaria en tradución de Mercedes Boado e Mª Xesús Frei Collazo. Nunha segunda entrega, en 2001, apareceu Aulularia en versión das mesmas filólogas e coa reedición da tradución de Aquilino Iglesia Alvariño. Tamén en 1999 Edicións Lea incluíu entre as traducións da súa colección de clásicos latinos dúas versións de Plauto, unha d’O Estico feito por F.J. Feijoo Lorenzo, e outra d’O Persa de J.A. Parada Yáñez. Non se pode deixar de sinalar unha das últimas traducións ao castelán que se fixeron da obra completa do comediógrafo latino, Plauto. Comedias[35]. En catalán tamén están traducidas as obras completas[36]. En éuscaro tan só hai unha tradución de Aulularia [37], curiosamente a única obra que ata hai pouco tiña tradución en galego. A fortuna de Aulularia pode deberse á popularidade que lle deu O avaro de Molière, unha emulación que supera ó modelo. Outro título do legado de Plauto que hoxe se pode atopar nas bibliotecas galegas é A comedia da oliña[38].
Representacións
[editar | editar a fonte]No tocante ás representacións, E. Campos realizou unha versión de Aulularia para o grupo de teatro “Enxergo” de Ferrol en 1984. Esa mesma tempada a compañía de teatro “Achádego” de Lugo levou unha versión da mesma obra polos escenarios de Galicia, dentro do programa dos percorridos culturais da Consellería de Cultura da Xunta. A influencia de Plauto sobre os autores dramáticos galegos é escasa e só hai unha obra inspirada nas súas comedias; a Farsa plautina de Agustín Magán. Esta comedia segue o mesmo procedemento de composición que o dramaturgo latino: a “contaminatio”. A obra foi publicada pola editorial Sotelo Blanco Edicións en Barcelona en 1993 e no prólogo alúdese ao procedemento seguido e ás fontes plautinas das que a obra é acredora: o Miles Gloriosus, os Menecmos e o Gurgullo. No ano 2003, Celso Parada realizou unha adaptación d’ A comedia do Gurgullo a partir dos textos do propio Plauto. Contou, para interpretala, cos actores e actrices do Centro Dramático Galego. O traballo deste equipo foi estreado no Gran Teatro de Elx o día 18 de outubro de 2003 e no Salón teatro de Santiago de Compostela o día 24 do mesmo mes[26].
Se ben nestes campos a influencia é escasa, no referente ao teatro escolar as cousas son diferentes, quizais polo tipo de humor sinxelo de Plauto que chega con facilidade ós máis novos. No ano 1998 o grupo “Apeirón” da Facultade de Filoloxía puxo en escena Os Xemelgos na Vª Mostra de Teatro Universitario Galego. Ademais tódolos anos hai varias representacións de Plauto feitas por alumnos galegos de ensino medio como complemento ás clases de Latín ou Cultura Clásica. Hai que salientar neste traballo o grupo “Sardiña”, formado por alumnos do IES “A Sardiñeira” e do IES “Elviña” da Coruña, guiado polos catedráticos de latín dos institutos Ricardo Martín e Beatriz Martín. Constituíuse en 1983 e está especializado no teatro plautino, aínda que nos últimos tempos comezou a incorporar tamén a traxedia grega no seu repertorio. Fixeron xa máis de 400 representacións dentro da comunidade e tamén fóra, sobre todo no marco do Festival Europeo de Teatro Greco-Latino de Segóbriga, así coma en diversos lugares de Italia. Outros grupos coma Parrocha, El Ruiseñor e Noite Bohemia, seguen a traballar no cultivo do teatro grecolatino, sendo estes últimos gañadores[cando?] a nivel estatal do 2º Premio no Certame Candilejas Don Bosco e cunha Mención Especial Buero Vallejo pola mellor adaptación de texto na obra Aulularia de Plauto. No 2013 tamén se fixeron co Primeiro Premio na Modalidade “A Comedia Latina”.[Cómpre referencia]
Miles Gloriosus, a película
[editar | editar a fonte]En Hollywood no ano 1966, baixo a produción de United Artists, chegou ás pantallas do cinema a película A Funny Thing Happened on the Way to the Forum, adaptación de varias comedias de Plauto (fundamentalmente Miles Gloriosus, Mostellaria e Pseudolus) feita polos guionistas Melvin Frank e Michael Pertwee, sobre o espectáculo teatral de Burt Shevelove e Larry Gelbart, producido por Harold Price. O director Richard Lester incluíu os intérpretes Zero Mostel (Pseudolus), Phil Silvers (Lycus), Jack Gilford (Hysterium), Buster Keaton (Erronius), Michel Crawford (Hero), Michael Hordern (Senex), Annette Andre (Philia), Leon Greene (Miles Gloriosus), entre outros. A música foi composta por Ken Thorne (Oscar en 1966 á mellor banda sonora adaptada).[Cómpre referencia]
En España tamén houbo adaptacións desta mesma obra. No ano 2008 Juan Copete versionou a Plauto. O director da obra, Juan José Afonso, contou para facer de protagonistas con Pepe Viyuela (Pirgopolínices), con José Sancho (Palestrión) e con Cesáreo Estébanez (Periplectómeno). A obra foi presentada por primeira vez no Festival de Teatro Clásico de Mérida.[Cómpre referencia]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Román Bravo, José: Introdución Comedias de Plauto, Volume I. Madrid, Editorial Cátedra, 1989. Páxs. 9-10. ISBN 978-84-376-0857-0
- ↑ Mostellaria (v.770)- The Latin Library
- ↑ Román Bravo, José: Introdución de comedias de Plauto, Volume IMadrid, Editorial Cátedra, 1989. Páx. 11. ISBN 978-84-376-0857-0
- ↑ Boado, Mercedes e Frei, María Xesús. Introdución á Anfitrión e Asinaria, Colección clásicos en galego. Editorial Galaxia. Vigo 1992.
- ↑ Eusebii Chronicorum, liber II, 1817- The Latin Library
- ↑ Mostellaria v. 770 - The Latin Library
- ↑ Gel. Noctes Atticae III, 3, 14 - The Latin Library
- ↑ Eusebii Chronicorum, liber II, 1817 - Documenta Catholica Omnia
- ↑ Della Corte, F., Da Sarsina a Roma, Florencia, 1967, Páx. 25
- ↑ Lejay, P. Plaute, París, 1925, Páx. 5
- ↑ Cato maior de senectute (50)- The Latin Library
- ↑ Brutus, 15-60- The Latin Library
- ↑ Cásina (v.34)- The Latin Library
- ↑ Ritschl, F., Parergon Plautinum Terentianumque, Leipzig, 1845
- ↑ Prólogo de Asinaria, (v.11)- The Latin Library
- ↑ Mercator (vv.9-11)- The latin Library
- ↑ Román Bravo, José: Introdución de comedias de Plauto, Volume IMadrid, Editorial Cátedra, 1989. Páxs. 11. ISBN 978-84-376-0857-0. 18-19
- ↑ Casina, Prologus 5-19
- ↑ Aulularia 5-19
- ↑ Ars Poética vv. 189 ss. - The Latin Library
- ↑ Ars Poetica vv.189
- ↑ Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes
- ↑ Gellius, Liber II, vv.3
- ↑ Sutton, DF, Antiguo Comedia: A Guerra das Xeneracións (Nova Iork, 1993), p.56. Escritos e carreira de Plauto no drama: A súa Historia, Literatura e a súa influencia na civilización, vol. 2. ed. Alfred Bates. Londres: Historical Publishing Company, 1906. pp 159-165.
- ↑ Stace, C., "Los Esclavos de Plauto," Grecia e Roma 15 (1968), p. 7
- ↑ 26,0 26,1 A comedia do Gurgullo (Curculio) do Centro Dramático Galego, 2003, pola Xunta de Galicia. Inspirado na obra do mesmo nome dirixida por Celso Parada e coa información do estudo crítico de Teresa Amado e Eva Castro. ISBN 84-453-3642-5.
- ↑ Amado, Teresa e Castro, Eva: A comedia do Gurgullo, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2003, pp. 108, ISBN 84-453-3642-8
- ↑ Amado, Teresa e Castro, Eva: A comedia do Gurgullo, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2003, páxs. 79, 80 e 81, ISBN 84-453-3642-8
- ↑ López López, Matías: Interpretatio nominum y diversificación del concepto de ratio en Plauto, Lleida, 2003, pp. 33-44
- ↑ Epistulae 2,1,170-176, Ars poetica 270-274
- ↑ El arte poética de Horacio, epístola a los pisones” traducida por D. Tomas de Yriarte
- ↑ J. A. Fernández Delgado, "La tradición griega en el teatro gallego", EClás 109, 1996, pp. 59-89
- ↑ Mª J. Regué-Arias, Los personajes y temas de la tragedia griega en el teatro gallego contemporáneo, Ediciós do Castro, Sada - A Coruña 1991.
- ↑ Lourenzo, M.-Pillado Mayor, F., O teatro galego, Sada-A Coruña 1979 (páxs. 133-135).
- ↑ Román Bravo Díaz, Plauto. Comedias. Editorial Cátedra, Madrid 1985 e 1995
- ↑ M.Olivar, Plauto. Teatro completo, colección Fundació Bernat Metge, Planeta Barcelona. 1974
- ↑ Antonio María Labayen, Aulularia, T.M. Plautoren, Lapikoa. Bilbao, 1969
- ↑ A comedia da oliña, Antonio Fontán. Editorial Galaxia, 1962
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Plauto |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- A Comedia do Gurgullo. Estudio Crítico por Amado, Teresa e Castro, Eva. Santiago de Compostela, 2003, Ed. Xunta de Galicia, páx.- 72-74 ISBN 84-453-3642-8