Quino
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2020.) |
Joaquín Salvador Lavado, máis coñecido como Quino, nado en Guaymallén, provincia de Mendoza (Arxentina), o 17 de xullo de 1932[1] e finado en Buenos Aires o 30 de setembro de 2020,[2] foi un humorista gráfico arxentino. A súa obra máis famosa é a tira cómica de Mafalda, publicada entre 1964 e 1973.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Era fillo de emigrantes andaluces. Chamárono Quino desde pequeno para distinguilo do seu tío, o ilustrador Joaquín Tejón, que foi o que espertou nel a vocación de debuxante xa de novo. En 1945, trala morte da súa nai, empezou a estudar na Escola de Belas Artes de Mendoza. O seu pai morreu pouco despois, polo que abandonou a escola coa intención de converterse en autor de historietas cómicas. Intentou encontrar traballo nas editoriais porteñas, pero fracasou. Tras verse obrigado a facer o servizo militar, en 1954 estableceuse en Bos Aires en condicións paupérrimas.
Por fin logrou publicar a súa primeira páxina de humor no semanario Esto es. A partir de entón comezou a publicar noutros medios, como "Leoplán", TV guía, Vea y lea, Damas y damitas, Usted, Panorama, Adán, Atlántida, Che ou Democracia.
En 1954 comezou a publicar regularmente en Rico Tipo, seguindo en Tía Vicenta e Dr. Merengue. Ó pouco tempo comezou a facer debuxos publicitarios. Publicou o seu primeiro libro recompilatorio, Mundo Quino, en 1963. Logo diso encargáronlle unhas páxinas para unha campaña de publicidade, para as que creou a Mafalda. A campaña non se chegou a facer, pero gardou o personaxe. A primeira historia de Mafalda publicouse en Leoplán, e posteriormente apareceu regularmente no semanario Primera Plana. Entre 1965 e 1967 publicouse no xornal El Mundo, e axiña publicou o primeiro libro recompilatorio. Comezou a editarse en Italia, España (onde a censura obrigou a etiquetalo como "para adultos"), Portugal e outros países.
Tras abandonar a tira de Mafalda o 25 de xuño de 1973 ó ter as ideas esgotadas, transladouse a Milán, onde continuou traballando.
Temas
[editar | editar a fonte]Os protagonistas adoitan ser xente normal facendo a súa vida, aínda que Quino non renuncia a escenas surrealistas ou alegóricas (como policías botando valium nas bocas abertas de manifestantes) e ás reaccións caricaturescas.
Así, aínda que Mafalda aparenta ser unha tira máis con protagonista infantil, os seus contidos adoitan ser máis próximos e á vez adultos que outras tiras similares. Destaca, por exemplo, a preocupación de Mafalda pola política mundial, ou a obsesión de Manolito cos cartos. Malia todo, estes personaxes aínda poden ser vistos polos lectores como nenos reais con pais reais, e non como "adultos en corpos de neno".
O humor de Quino é tipicamente ácido e mesmo cínico, afondando con frecuencia na miseria e o absurdo da condición humana, sen límites de clase. Así, fan ó lector enfrontarse á burocracia, os erros da autoridade, as institucións inútiles, e a estreitura de miras. Acostuma usar as viñetas para enviar mensaxes de contido social ós lectores. Con frecuencia, os chistes buscan o sorriso como medio de enfrontarse á crúa realidade.
Este enfoque pesimista da realidade non impide que as historias estean cheas de tenrura e amosen unha fonda simpatía polas inocentes vítimas da vida (empregados, nenos, amas de casa, pensionistas, escuros artistas...), sen ocultar os seus fallos e limitacións. Pero incluso nas súas caricaturas de xefes opresivos e burócratas sen sentimentos atísbase certa simpatía, por ser á súa vez vítimas da súa propia estupidez.
A óptica de Quino é probablemente produto das vicisitudes da Arxentina nos últimos cuarenta anos. A súa mestura de pesimismo e humanismo é posiblemente unha das principais razóns do seu grande éxito en toda Latinoamérica.
Obras publicadas orixinalmente na Arxentina
[editar | editar a fonte]Mafalda
[editar | editar a fonte]- Mafalda 1-10
- Mafalda inédita
- 10 años con Mafalda
- Toda Mafalda
- Mafaldita
Humor
[editar | editar a fonte]- Mundo Quino (1963)
- A mi no me grite (1972)
- Yo que usted... (1973)
- Bien, gracias, ¿y usted? (1976)
- Hombres de bolsillo (1977)
- A la buena mesa (1980)
- Ni arte ni parte (19
- Déjenme inventar (1983)
- Quinoterapia (1985)
- Gente en su sitio (1986)
- Sí, cariño (1987)
- Potentes, prepotentes e impotentes (1989)
- Humano se nace (1991)
- Yo no fui (1994)
- Cuentecillos y otras alteraciones (1995, con textos de Jorge Timossi)
- ¡Que mala es la gente! (1996)
- ¡Cuánta bondad! (1999)
- Esto no es todo (2002, recompilación)
- ¡Qué presente impresentable! (2005)
- La Aventura de Comer (2007)
Series de animación
[editar | editar a fonte]- Quinoscopios (1985), baseada nas súas ideas e debuxos.
- Mafalda (1993), serie de 104 capítulos dun minuto de duración.
Premios
[editar | editar a fonte]- Palma de Ouro no Salón Internacional do Humorismo de Bordighera (1978);
- Debuxante do Ano (1982), concedido polos seus colegas;
- Konex de Platino das artes visuais - humor gráfico (1982 e 1992);
- Cidadán Ilustre e chave da cidade de Mendoza (1988);
- Gran premio internacional Max und Moritz do 3º Salón Internacional do Cómic de Erlangen (Alemaña, 1988);
- Placa de Prata da Asociación Madrileña de Empresarios de Restaurantes e Cafeterías (1997);
- Mestre de Arte pola Secretaría de Cultura do Goberno da Cidade de Bos Aires (1998);
- B'nai B'rith Dereitos Humanos (1998);
- Catedrático Honorífico do Humor pola Universidade de Alcalá de Henares (2000);
- Quevedos de Humor Gráfico (2000);
- Premio de caricatura La Catrina, outorgado pola Feria Internacional del Libro de Guadalajara en 2003.[1]
- Cidadán Ilustre de Bos Aires en 2004.[3]
- Cabaleiro da Orde de Isabel a Católica en 2005
- Cidadán Ilustre de Guaymallén en 2005
- Fundación Príncipe Claus para a Cultura e o Desenvolvemento da Haia en 2005
- Doutor Honoris Causa pola Universidade Nacional de Córdoba en 2006
- Premio Extremadura á Creación da mellor Traxectoria Artística de Autor Iberoamericano en 2007
- Premio Konex - Mención á Traxectoria en 2012
- Cabaleiro da Lexión de Honor da República Francesa 2014.[4]
- Premio Príncipe de Asturias de Comunicación e Humanidades 2014[5]
- Maio de 2014: Mención de honor "Senador Domingo Faustino Sarmiento", outorgada polo Congreso da Nación Arxentina.[6]
- Premio de honor "John Buscema: Amar el cómic" (2014)[7]
- Orden al Mérito Artístico y Cultural Pablo Neruda de Chile, cerimonia encabezada pola presidenta Michelle Bachelet en xaneiro de 2015.[8]
- Doutor Honoris Causa pola Universidade Nacional de Cuyo en 2019.[9]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Joaquín Salvador Lavado, Quino". fil.com.mx (en castelán). Feria Internacional del Libro de Guadalajara. Archived from the original on 08 de agosto de 2014. Consultado o 1 de agosto de 2014.
- ↑ Smink, Veronica (30 de setembro de 2020). "Muere Quino, el creador de Mafalda que conquistó el mundo con su peculiar sentido del humor". bbc.com (en castelán). Consultado o 1 de outubro de 2020.
- ↑ Ranzani, Oscar (17 de agosto de 2005). "Mafalda, una institución". Página/12.
- ↑ Kantt, Nathalie (23 de marzo de 2014). "Quino recibió la Legión de Honor y una gran ovación en París". La Nación. Arquivado dende o orixinal o 02 de marzo de 2019. Consultado o 01 de outubro de 2020.
- ↑ Del Gallo, Patricia (1 de maio de 2014). "Quino, Premio Príncipe de Asturias". elmundo.es (en castelán). Consultado o 1 de outubro de 2020.
- ↑ Ministerio de Cultura de la Nación. "El Congreso distingue a Quino". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 01 de outubro de 2020.
- ↑ L.A., J. (20 de novembro de 2014). "Los premios "Haxtur" del cómic rinden homenaje a Juan José Plans". lne.es (en castelán). Consultado o 1 de outubro de 2020.
- ↑ Consejo Nacional de la Cultura y las Artes. Gobierno de Chile. "Presidenta Bachelet y ministra Barattini entregan Orden al Mérito Artístico Pablo Neruda al caricaturista Quino.". Consultado o 15 de xaneiro de 2015.
- ↑ "Emotivo reconocimiento a Quino en la UNCuyo". 15 de novembro de 2019.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Quino |
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina oficial (en castelán)
- "Quino, el humor libre", na páxina da Unesco (en castelán)
- Quino: "Me gusta la sopa" en BBC Mundo
- Un humor que nos hace más libres en El Arca