Robert Boyle
Robert Boyle, nado en Lismore o 25 de xaneiro de 1627 e finado en Londres o 30 de decembro de 1691, foi un físico e químico inglés, fillo de Richard Boyle, Conde de Cork.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Robert Boyle naceu no castelo Lismore, na provincia de Munster, Irlanda. Aínda pícaro, aprendeu a falar latín e francés, sendo enviado con tan só oito anos ao colexio Eton, do cal era director o amigo do seu pai Sir Henry Wotton. Tras cursar estudos durante tres anos no colexio, partiu de viaxe cun titor francés. Pasou preto de dous anos en Xénova e visitando Italia en 1641, pasou o inverno en Florencia estudando os paradoxos de Galileo Galilei quen falecería ao ano seguinte.
De retorno a Inglaterra en 1644 atopouse con que o seu pai falecera deixándolle o señorío de Stalbridge en Dorset, e facendas en Irlanda. Dende entón, dedicaría a súa vida ao estudo e investigación científicas, tomando axiña un lugar prominente entre os inquisidores coñecidos como o Colexio Invisible (Invisible College), cuxos membros se consagraban ao cultivo da "nova filosofía" (a ciencia). Os seus membros reuníanse con frecuencia en Londres, a miúdo no colexio Gresham; algúns mantiñan ademais reunións en Oxford, cidade á que Boyle trasladou a súa residencia en 1654.
En 1657, lendo sobre da bomba de aire de Otto von Guericke, propúxose coa axuda de Robert Hooke desenvolver melloras na súa construción, que deron por resultado a máquina Boyleana ou máquina pneumática finalizada en 1659 e coa que comezou unha serie de experimentos sobre as propiedades do aire. En 1660, publicou unha relación dos traballos realizados con ese instrumento co título New Experiments PhysicoMechanical touching the spring of air and its effects (Novos experimentos físico-mecánicos sobre a elasticidade do aire e os seus efectos).
Boyle foi o primeiro químico que illou un gas.
No campo da química, Boyle observou que o aire se consome no proceso de combustión e que os metais gañan peso cando se oxidan. Recoñeceu a diferenza entre un composto e unha mestura, e formulou a súa teoría atómica da materia baseándose nos seus experimentos de laboratorio.
Entre os críticos das teorías expostas nesta obra atopábase o xesuíta Franciscus Linus (1595-1675), sendo mentres respondía á súas obxeccións cando Boyle enunciou que o volume dun gas varía de forma inversamente proporcional á presión, coñecida no ámbito anglosaxón como Lei de Boyle, e en Europa como lei de Boyle-Mariotte, aínda que este último non a publicase ata 1676.
En 1663 o Colexio Invisible converteuse na Royal Society de Londres "para o perfeccionamento do coñecemento da natureza", atopándose Boyle entre os membros do consello nomeados mediante a cédula real de asociación concedida por Carlos II. En 1680 foi elixido presidente da sociedade, aínda que declinou o honor do nomeamento por escrúpulos ante os xuramentos.
En 1668 abandonou Oxford para trasladarse a Londres á casa da súa irmá, Lady Ranelagh, en Pall Mall. En torno a 1689, a súa saúde, nunca demasiado robusta, comezou a fallar o que lle obrigou a apartarse dos seus compromisos públicos, cesando as súas comunicacións coa Royal Society e facendo público o seu desexo de ser escusado de recibir visitas, salvo en ocasións moi extraordinarias, os martes e venres pola mañá e mércores e sábados pola tarde. A súa saúde empeorou en 1691, falecendo o 30 de decembro dese mesmo ano, xusto unha semana despois de que falecese a súa irmá, coa que convivira máis de 20 anos. O seu corpo foi enterrado na capela de St Martin's in the Fields, tras un funeral oficiado polo seu amigo o bispo Burnet.
Obra
[editar | editar a fonte]O maior mérito de Boyle como investigador científico é que materializou os principios que Bacon predixo na súa obra Novum Organum, aínda que non se considerase a si mesmo como seguidor de Bacon ou calquera outro profesor: en numerosas ocasións manifestou que co propósito de manter o seu xuízo tan libre de prexuízos como lle fose posible, dado que el se abastecía de experimentos, eludía o estudo das teorías do átomo, do sistema cartesiano, así como do mesmo Novum Órganum, aínda que admitía consultar ocasionalmente devanditas teorías sobre algún particular que fose obxecto do seu interese. Nada era máis alleo ao seu temperamento ca hipótese; el apreciaba a adquisición de coñecemento como un fin en si mesmo, e en consecuencia beneficiábase dunha máis ampla perspectiva da que tiveron os seus predecesores sobre os fins da investigación científica. Isto, doutra banda, non significa que non prestase atención ás aplicacións prácticas da ciencia nin que desprezase o coñecemento que servía ao uso.
Boyle publicou en 1661 O químico escéptico e puxo fin aos misteriosos manexos da alquimia e retornou á teoría atómica de Demócrito.
Realizou importantes contribucións no campo da física: a lei de Boyle, o descubrimento do papel do aire na propagación do son, as investigacións sobre a forza expansiva na conxelación da auga, sobre a gravidade específica, a refracción en cristais, electricidade, cor, hidrostática etc. Malia iso, a química foi sempre a súa predilecta.
Para Boyle, a química era a ciencia da composición da substancias e non unha arte auxiliar para o alquimista ou o físico. Avanzou cara á moderna visión dos elementos como os constituíntes dos corpos materiais, e comprendeu a distinción entre as mesturas e os compostos realizando progresos considerables nas técnicas para a determinación dos seus compoñentes, un proceso que bautizou como "análise". Máis aínda, chegou a supoñer que os elementos estaban compostos en última instancia de partículas de varios tipos e tamaños. Ademais, realizou estudos sobre a combustión e a respiración descubrindo a intervención do osíxeno, así como experimentos en fisioloxía nos que se vía estorbado pola delicadeza da súa natureza, que lle impedía realizar diseccións anatómicas, especialmente de animais vivos, malia saber que eran máis instrutivas.
Ademais de ser un atarefado filósofo natural, Boyle dedicou moito tempo á teoloxía, mostrando unha acusada inclinación aos aspectos prácticos e indiferenza polas polémicas. En 1665 puido recibir o prebostado de Eton de ordenarse, algo ao que se negou na crenza de que os seus escritos sobre temas relixiosos terían un maior valor na medida en que fosen obra dun laico e non dun ministro a soldo da igrexa. Gastou grandes sumas na promoción da propagación do cristianismo contribuíndo en sociedades misioneiras e nos gastos da tradución da Biblia ou fragmentos da mesma a diferentes idiomas. Pola súa vontade fundáronse as conferencias para demostrar a relixión cristiá a "infieis notorios, ateos, teístas, pagáns, xudeus e mahometanos", a condición de que non se mencionasen as controversias entre cristiáns.