Saltar ao contido

Rutas de ratas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As rutas de ratas (ou rat lines en inglés), eran sistemas de escape para oficiais nazis e fascistas que deixaban Europa a finais da segunda guerra mundial tras a derrota dos países do Eixe. Estas rutas de escape terminaban, polo xeral, en Suramérica, particularmente na Arxentina, Brasil, Chile, Paraguai e, en menor medida, Uruguai, e Bolivia. Outros destinos incluían os Estados Unidos, Canadá, España e o Medio Oriente.

Unha destas «rutas de ratas», popularizada polo suspense de Frederick Forsyth, The Odessa File (en galego, O documento Odessa), era administrada pola Organización ODESSA (Organisation der ehemaligen SS-Angehörigen, "Organización de ex membros das SS"), rede dirixida por Otto Skorzeny. Con todo, algunhas investigacións recentes demostraron que o rol desta organización na fuxida dun gran número de criminais de guerra nazis foi limitado.

As liñas de ratas en Roma

[editar | editar a fonte]

Existen hipóteses sobre a creación dun servizo de intelixencia secreto no Vaticano tras a Segunda guerra mundial chamado Pro Deo, cun incerto papel nestas «liñas de ratas».[Cómpre referencia] O seu fundador sería o pai Felix Morlion, un dominico belga que escapou en 1941 aos EUA. Estaba perseguido polo nazismo debido á súa actividade no Centro Internacional Pro Deo de Bruxelas. Nos Estados Unidos traballou nas Actividades de Guerra Psicolóxica até 1944.

Posteriormente, el e os seus asociados crearon unha universidade de inspiración estadounidense en Roma, a Universidade Internacional de Estudos Sociais Pro Deo.[1] Esta universidade tiña o obxectivo de reforzar a fraternidade entre xente de distintas relixións e procedencias sociais (con particular colaboración de xudeus). Tamén se lle atribúe un papel destacado no freo do comunismo en Italia e noutros países de Europa e América.[1][2]

Tentativas temperás: O bispo Hudal

[editar | editar a fonte]

O bispo católico Alois Hudal era reitor do Pontificio Instituto Teutónico Santa Maria dell’Anima en Roma, un seminario para sacerdotes procedentes de Austria e Alemaña. Amais, era o director espiritual dos alemáns residentes en Italia.[3] Ao remate da guerra en Italia, Hudal deveu nun defensor activo dos prisioneiros de guerra e internados de fala alemá esparexidos polo país. En decembro de 1944, a Secretaría de Estado da Santa Sé recibiu autorización para nomear un funcionario que "visitase os internados civís de fala alemá en Italia", traballo asignado a Hudal, [Cómpre referencia] quen usou o posto para axudar a escapar criminais de guerra. Entre eles estaban Franz Stangl, comandante de Treblinka; Gustav Wagner, comandante de Sobibor; Alois Brunner, responsábel do campo de internamento de Drancy e encargado das deportacións de Eslovaquia a campos de concentración alemáns, e Adolf Eichmann[4]. Estes feitos foron comprobados posteriormente. Algúns destes estaban internados en campos. Polo xeral, carecían de documentos de identidade, polo que era fácil asignarlles nomes falsos. Outros nazis estaban agochados en Italia. A axuda de Hudal para escapar empezou a ser coñecida nestes círculos.[5] Nas súas memorias, Hudal diría das súas accións: Agradézolle a Deus que El [me permitise] visitar e confortar a moitas vítimas encarceradas ou detidas en campos de concentración, axudándoas a escapar con papeis falsos.[6]

En decembro de 1944, a Secretaría de Estado da Santa Sé recibiu autorización para nomear un funcionario que "visitase os internados civís de fala alemá en Italia", traballo asignado a Hudal. [Cómpre referencia]

Hudal usou o posto para axudar a escapar criminais de guerra. Entre eles estaban Franz Stangl, comandante de Treblinka; Gustav Wagner, comandante de Sobibor; Alois Brunner, responsábel do campo de internamento de Drancy e encargado das deportacións de Eslovaquia a campos de concentración alemáns, e Adolf Eichmann[7]. Estes feitos foron comprobados posteriormente. Algúns destes estaban internados en campos. Polo xeral, carecían de documentos de identidade, polo que era fácil asignarlles nomes falsos. Outros nazis estaban agochados en Italia. A axuda de Hudal para escapar empezou a ser coñecida nestes círculos.[5] Nas súas memorias, Hudal diría das súas accións: Agradézolle a Deus que El [me permitise] visitar e confortar a moitas vítimas encarceradas ou detidas en campos de concentración, axudándoas a escapar con papeis falsos.[6]

Hudal explica que, segundo a súa visión:

A guerra das Potencias Aliadas contra Alemaña non foi unha Cruzada, senón unha rivalidade entre complexos económicos na cal loitaran para conseguir a vitoria. Este negocio... usou lemas como democracia, raza, liberdade relixiosa e cristiandade a xeito de anzol para as masas. Por todas estas razóns, despois de 1945 sentíame obrigado a dedicar todo o meu traballo de caridade principalmente a antigos nazis e fascistas, especialmente aos chamados 'Criminais de Guerra'.

De acordo con Mark Aarons e John Loftus no seu libro Unholy Trinity, Hudal foi o primeiro sacerdote católico que se dedicou a crear rutas de escape.[8] Aarons e Loftus afirman que Hudal forneceu aos seus protexidos de diñeiro para que puidesen escapar e, aínda máis importante, de documentación falsa da Organización de Refuxiados do Vaticano (Commissione Pontificia d'Assistenza).

Estes documentos do Vaticano non eran suficientes para viaxar a outros continentes. Con eles, os criminais podían obter un pasaporte persoal a través do Comité Internacional da Cruz Vermella (CICR), que á súa vez podían empregar para obter un visado. En teoría, a CICR debía investigar os antecedentes dos solicitantes de pasaporte. Porén, na práctica abondaba co testemuño dun sacerdote ou dun bispo. Segundo a información recollida pola historiadora austríaca Gitta Sereny dende a delegación do CICR en Roma, Hudal podía usar a súa posición como bispo para solicitar documentos do CICR "de acordo coas súas propias especificaciones".[9] As fontes de Sereny tamén revelaron un intenso comercio ilícito de documentos da CICR.

De acordo con informes desclasificados da intelixencia do goberno dos EUA, Hudal non foi o único sacerdote que axudou aos nazis a escapar. En 1984 desclasificouse o coñecido como Informe de La Vista. Nel, o axente Vincent La Vista, do Corpo de Contraintelixencia (un servizo de intelixencia dos Estados Unidos activo durante a segunda guerra mundial), describiu como conseguira facilmente documentos falsos da CICR para dous supostos refuxiados húngaros mediante unha carta do sacerdote católico Joseph Gallov. Gallov, administrador dunha asociación de caridade para refuxiados húngaros do Vaticano, escribiulle, sen realizar ningunha pregunta, ao seu "contacto persoal na Cruz Vermella Internacional, que despois obtivo os pasaportes".[10]

Algúns nazis que escaparon a través das «liñas de ratas»

[editar | editar a fonte]
  • Andrija Artuković. Escapou aos EUA. Foi detido en 1984 e extraditado a Iugoslavia. Morreu nunha prisión en Zagreb o 16 de xaneiro de 1988 por causas naturais.
  • Klaus Barbie. Coñecido como «o carniceiro de Lión», fuxiu a Bolivia en 1951. Contou coa axuda dos Estados Unidos, xa que fora axente do Corpo de Contraintelixencia desde abril de 1947. Capturado en 1983 e condenado a cadea perpetua, morreu de cancro nunha prisión de Lión o 23 de setembro de 1991.
  • Alois Brunner. Fuxido a Siria en 1954, morreu ao redor de 2010.
  • Herberts Cukurs. Escapou ao Brasil en 1945, foi asasinado polo Mossad no Uruguai o 23 de febreiro de 1965.
  • Adolf Eichmann. Fuxiu a Arxentina en 1950. Foi capturado polo Mossad en 1960 e executado en Israel o 1 de xuño de 1962.
  • Aribert Heim. Coñecido como «o Doutor Morte», desapareceu en 1962. Despois de pasar por Francia, España, Marrocos e Libia, estabeleceuse en Exipto. De acordo coa televisión alemá ZDF e o The New York Times, morreu en Exipto en agosto de 1992.
  • Sándor Képíró. Fuxiu a Arxentina, mais regresou a Hungría en 1996. Foi xulgado por crimes de guerra en Budapest en febreiro de 2011, mais foi absolto. Morreu nun hospital da cidade en setembro dese ano.
  • Josef Mengele. Coñecido como der Todesengel, «o anxo da morte». Fuxiu a Arxentina en 1949 e posteriormente trasladouse a Paraguai e ao Brasil. Estivo perseguido durante un tempo polo Mossad. Morreu preto de São Paulo o 7 de xaneiro de 1979.
  • Ante Pavelić. Escapou a Arxentina en 1948, de onde fuxiu para evitar a extradición. Morreu no Hospital Alemán de Madrid en decembro de 1959 por causa das feridas sufridas dous anos antes nun atentado por parte do guerrilleiro montenegrino Blagoje Jovović. Permanece enterrado en Madrid, no cemiterio de san Isidro.[11]
  • Erich Priebke. Fuxiu a Arxentina en 1949. Foi extraditado a Italia en 1996, e morreu alí en 2013.
  • Walter Rauff. Fuxiu a Siria, onde colaborou coa intelixencia militar contra o estado de Israel, e posteriormente ao Líbano. Volveu a Italia, dende onde logrou escapar a Ecuador, e máis tarde a Chile. Houbo varios intentos de extradición, mais todos eles fracasaron, especialmente durante o réxime militar de Augusto Pinochet, co que chegou a colaborar. Morreu en Santiago o 14 de maio de 1984.
  • Eduard Roschmann. Escapou a Arxentina en 1948. Fuxiu a Paraguai para evitar a extradición e morreu alí, en Asunción, en 1977.
  • Hans-Ulrich Rudel. Foi liberado en 1946 e fuxiu a Arxentina en 1948. Alí fundou o Kameradenwerk, unha organización a prol dos criminais nazis. Foi asesor militar nas ditaduras militares suramericanas, entre elas a de Alfredo Stroessner en Paraguai e a de Augusto Pinochet en Chile. Regresou á RFA en 1953 e presentouse ese ano ás eleccións federais, malia non entrar no Bundestag. Morreu en Rosenheim o 18 de decembro de 1982.
  • Dinko Sakic. Fuxiu a España e estabeleceuse posteriormente na Arxentina en 1947. Foi detido en 1998 e extraditado a Croacia. O 4 de outubro dese ano foi declarado culpábel de crimes de guerra e de lesa humanidade e condenado a 20 anos de prisión. Morreu en Zagreb o 20 de xullo de 2008.
  • Franz Stangl. Tras pasar por Siria, fuxiu ao Brasil en 1951. Foi arrestado en 1967 e extraditado á RFA. O 22 de decembro de 1970 foi condenado a cadea perpetua. Morreu un ano despois por insuficiencia cardíaca.
  • Gustav Wagner. Fuxiu ao Brasil en 1950. Foi arrestado o 30 de maio de 1978 tras unha investigación feita por Simon Wiesenthal, supervivente do Holocausto. Porén, este entregárase ás autoridades brasileiras, que rexeitaran as solicitudes de extradición de Israel, Austria, a RFA e Polonia. Suicidouse en outubro de 1980.
  • Boris Smyslovsky. Fuxiu a Arxentina en 1948 dende Liechtenstein co Primeiro Exército Nacional Ruso. Regresou a Liechtenstein en 1975 e morreu en Vaduz por causas naturais o 5 de setembro de 1988.
  1. 1,0 1,1 "Archivos del Comité Judío Americano, 22 de mayo de 1957" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 23 de outubro de 2021. Consultado o 12 de outubro de 2021. 
  2. Pittsburgh Post-Gazette, 30 de abril de 1965, pg. 1,4
  3. Aarons and Loftus, Unholy Trinity: The Vatican, The Nazis, and the Swiss Bankers (St Martins Press 1991, revised 1998)
  4. Michael Phayer, The Catholic Church and the Holocaust
  5. 5,0 5,1 Gitta Sereny, "Into That Darkness", Picador 1977
  6. 6,0 6,1 Traducido de: Hudal Römische Tagebücher, p. 37)
  7. Michael Phayer, The Catholic Church and the Holocaust
  8. Aarons and Loftus, op. cit. capítulo 2 'El obispo Hudal y la primera ola'
  9. Gitta Sereny, op. cit., pp. 316-7
  10. See Aarons and Loftus, op. cit. pp. 43-5
  11. Viana, Israel (17 de xaneiro de 2020). "Pavelic: el carnicero fascista de Croacia que horrorizó (incluso) a Hitler y está enterrado en Madrid". abc.es (en castelán). Consultado o 13 de outubro de 2021. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]