Tribunal Supremo de Pensilvania
Tribunal Supremo de Pensilvania | |
---|---|
Tipo | Tribunal supremo estatal |
Sede | Harrisburg, Filadelfia e Pittsburg |
En | Pensilvania |
País | Estados Unidos de América |
40°15′52″N 76°53′00″O / 40.264555555556, -76.883333333333 | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Tribunal Supremo de Pensilvania (en inglés, Supreme Court of Pennsylvania) é a máis alta instancia xudicial do estado de Pensilvania, nos Estados Unidos. Integrado por sete maxistrados, as decisións das súas sentenzas só poden ser recorridas ante o Tribunal Supremo dos Estados Unidos. O Tribunal Supremo ten sedes en Harrisburg, capital estatal, Filadelfia e Pittsburg. É considerado como o tribunal de apelacións máis antigo dos Estados Unidos, remontándose a súa historia a 1684 cando foi fundado como Tribunal Provincial, trocando o seu nome polo actual en 1722.
Atribucións
[editar | editar a fonte]As súas facultades veñen determinadas polo artigo cinco da Constitución de Pensilvania, vixente dende 1968. Nel créase o Sistema Xudicial Unificado de Pensilvania, que integra a todos os xulgados do estado e sitúa á cabeza deles ao Tribunal Supremo, conferíndolle o "supremo poder xudicial".[1] Deste xeito:
- O Tribunal Supremo recibe as peticións de revisión xudicial dos veredictos do Tribunal Superior (Superior Court), encargado do dereito civil e do criminal, e do Tribunal da Mancomunidade (Commonwealth Court), responsable en materia administrativa e dereito público.[2] Con todo, o Supremo fai unha selección discrecional dos casos a tratar, agás nas condenas que impliquen a pena de morte (malia a existir dende 2015 unha moratoria que suspendeu as execucións, os acusados poden ser sentenciados á pena capital) e algúns outros supostos do Tribunal da Mancomunidade, nos que obrigatoriamente ten que pronunciarse.[3]
- Corresponde ao Tribunal Supremo de Pensilvania exercer o control de constitucionalidade das leis do estado, tal e como determinou por sentenza o propio tribunal en 1825.[4]
- Extraordinariamente, o Supremo tamén pode asumir como propios casos que corresponden a instancias xudiciais inferiores en casos urxentes de grande importancia pública. Trátase dunha prerrogativa herdada da common law anglosaxoa (coñecida como King's bench jurisdiction) que é ostentada polo Tribunal dende 1722.[5]
Así mesmo, as súas decisións poden ser apeladas no Tribunal Supremo dos Estados Unidos.
Membros
[editar | editar a fonte]Os maxistrados do Tribunal Supremo son escollidos para un mandato de 10 anos, aquel que leve máis tempo en exercicio será o presidente (en inglés, chief xustice). Entre 1874 e 1968, os membros do Supremo tiñan os mandatos máis amplos de todos os cargos públicos dos Estados Unidos, 21 anos.[6]
Os membros son seleccionados mediante a súa concorrencia electoral: cada ano impar celébranse eleccións e os candidatos ao posto son presentados polos partidos políticos, sendo escollido aquel que consiga maior número de votos da cidadanía. Unha vez escollidos, os xuíces pódense presentar á reelección sen necesidade de ter o apoio dun partido. Nese caso o elector debe responder "si" ou "non" á súa continuidade na papeleta, no caso de que o escrutinio sexa negativo, o gobernador debe nomear provisoriamente a un maxistrado ata que se escolla a un novo nunhas eleccións convocadas para tal fin. Con todo, aos 75 anos débense retirar obrigatoriamente.[7]
Os maxistrados do Tribunal Supremo poden ser cesados por decisión da Asemblea Xeral de Pensilvania. Se a Cámara de Representantes observa procederes inadecuados por parte dun xuíz pode iniciar un proceso de destitución (impeachment) para que o Senado estatal cos seus votos cese ou non ao acusado.[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "The Constitution of Pennsylvania". The official website for the Pennsylvania General Assembly. (en English). Consultado o 2023-08-31.
- ↑ "Unified Judicial System of Pennsylvania: Learn". www.pacourts.us (en inglés). Consultado o 2023-09-01.
- ↑ "Pennsylvania Governor Declares Moratorium on Death Penalty". www.americanbar.org (en inglés). Consultado o 2023-08-31.
- ↑ Clinton, Robert (1987). "Eakin V. Raub: Refutation or Justification of Marbury V. Madison?". Constitutional Commentary 4: 81–92.
- ↑ Scherer, Bernard F. (1994). "The Supreme Court of Pennsylvania and the Origins of King's Bench Power". Duquesne Law Review 32 (3): 535–537.
- ↑ "Constitution of the Commonwealth of Pennsylvania – 1874. Article V: The Judiciary. Section 2: The Supreme Court. Tenure of judges. Chief Justice.". PA Constitution (en inglés). Consultado o 2023-08-31.
- ↑ "Unified Judicial System of Pennsylvania: How Judges Are Elected". www.pacourts.us (en inglés). Consultado o 2023-08-31.
- ↑ "207 Pa. Code Chapter 33. Code Of Judicial Conduct". www.pacodeandbulletin.gov. Consultado o 2023-08-31.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina web do Tribunal Supremo de Pensilvania (en inglés)