Saltar ao contido

Miofibroblasto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Miofibroblasto con prolongacións citoplásmicas grosas e extensas. Recadro: zona de fibras contráctiles. Visto con M.E. a baixo aumento.

Os miofibroblastos (MFB)[1] son un tipo de fibroblastos especializados. Son células que posúen características intermedias entre fibroblastos e células musculares lisas. Desempeñan un papel moi importante durante a inflamación, a reparación, a cicatrización e a rexeneración dos tecidos nos diferentes órganos.

A súa morfoloxía é similar á do fibroblasto e ademais posúen moléculas de actina e miosina nos seus citoplasmas, como o miocito. Teñen feixes de filamentos de actina e corpos densos semellantes aos das células do músculo liso. Difiren das células musculares lisas porque carecen de lámina externa.

Son abundantes en zonas de cicatrización e no ligamento periodontal.

Orixe embriolóxica

[editar | editar a fonte]

Todas as células contráctiles son de orixe mesodérmica incluíndo o miofibroblasto e a súa diferenciación débese principalmente a un proceso de alongamento gradual, con síntese simultánea de proteínas filamentosas con capacidade de contracción. A excepción son as células mioepiteliais que teñen orixe endodérmica.[2]

Caracterización fenotípica

[editar | editar a fonte]
Ampliación da seccion do miofibroblasto do recadro da microfoto superior. As frechas indican as fibras contráctiles preto da membrana celular. Visto con M.E. a grande aumento.

Os miofibroblastos representan unha subpoboación de fibroblastos cun fenotipo similar ao das células do músculo liso, debido a que expresan α-actina de músculo liso no seu citoesqueleto, aínda que tamén as súas subpoboacións en diferentes órganos mostran diferenzas fenotípicas entre elas.

A súa fisioloxía é semellante nos diferentes tecidos e órganos nos que se encontran. Debido ao seu amplo espectro de síntese e secreción de moléculas, tales como citocinas, interleucinas, quimiocinas, factores de crecemento, lípidos, diversos mediadores fisiolóxicos, moléculas matriz extracelular, metaloproteinases da matriz (MMPs) e metaloproteases da matriz inhibidoras de tecidos (TIMPs), exercen un papel moi importante durante a embrioxénese, a organoxénese, a inflamación, a reparación e a cicatrización.

Os miofibroblastos son ademais, fundamentais nos diferentes procesos de rexeneración e reparación (fibrose) que ocorren nos distintos órganos. [3] Interveñen no sostén anatómico e funcional das glándulas exócrinas, os alvéolos pulmonares, as células mesanxiais, as criptas intestinais, os lobuliños hepáticos e os folículos ováricos de Graaf.

Miofibrobastos nos diferentes tecidos

[editar | editar a fonte]

Fígado
Os miofibroblastos hepáticos están integrados por varias poboacións celulares, cada unha destas localizada en lugares específicos do lobuliño hepático. Estes miofibroblastos están implicados na fibrose, que é o proceso de reparación característico na cirrose. Cada subpoboación de miofibroblastos hepáticos mostra unha morfoloxía e unha localización característica, o que se correlaciona coa localización das moléculas de coláxeno de Tipo I e III. [4]

  1. Hinz B, Phan SH, Thannickal VJ, Galli A, Bochaton-Piallat ML, Gabbiani G, « The myofibroblast: one function, multiple origins », Am J Pathol, vol. 170, no 6,‎ 2007, p. 1807-16. (PMID 17525249, PMCID PMC1899462)
  2. Aldana,, Hernán. (2005). "Grupo de células contráctiles". Unidad 4, Histología (Facultad de medicina, Universidad de Morón). Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2012. Consultado o 27 de agosto de 2015. 
  3. Ramos, Carlos; Becerril, Carina; Cisneros, José; Montaño, Martha (2004). "El Miofibroblasto, una célula multifuncional en la patología pulmonar". Rev. Inst. Nal. Enf. Resp. Mex. (SciELO) 17 (3): 215–231. ISSN 0187-7585. 
  4. Poonkhum, Raksawan; Pradidarcheepp, Wisuit; Nilbu-nga, Somneuk; Chaunchaiyakul, Suwadee (2011). "Distribution of Hepatic Myofibroblasts and Type I and III Collagen in Rat Liver Cirrhosis Induced by Thioacetamide.". Int. J. Morphol. [online] 29 (n2): 501–508. ISSN 0717-9502. 

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]