Saltar ao contido

Papamoscas paporrubio

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O papamoscas paporrubio (Ficedula parva) é un pequeno representante migratorio da familia dos papamoscas (Muscipapidae). Conforma unha superespecie xunta co papamoscas da taiga (Ficedula albicilla) e o Papamoscas do Kaxmir (Ficedula subrubra), que antes eran considerados variedades da mesma especie.

Miden uns 11 cm de lonxitude, o que os fai unha das especies máis pequenas de papamoscas, só algo meirande ca un carrizo (Troglodytes troglodytes). Os machos máis vellos son inconfundibles, grazas ó seu peito laranxa avermellado e á cabeza gris, pero esta coloración aparece só no segundo ano de vida e mesmo algúns machos que xa superaron esta idade non amosan máis que unha lixeira coloración vermella na gorxa. O detalle que mellor os identifica e, a parte do seu tamaño, as plumas exteriores brancas da cola, que contrastan moito co negro do resto desta, impresión reforzada polo seu costume de abrir a cola. A cor de base da cabeza e o lombo e un castaño escuro máis axiña mate. A gorxa, o peito e a barriga dos machos de primeiro ano e das femias son claros cun matiz amarelado nas beiras. Teñen unha banda alar estreita alaranxada moi pouco visible. Na cabeza salientan os ollos grandes, negros e rodeados dunha área clara e a base inferior do bico amarela alaranxada.

Exemplo da voz do papamoscas paporrubio Os papamoscas paporrubios son habitantes das partes superiores das árbores altas e vellas, polo que son difíciles de ver, pero recoñécense polo seu canto territorial alto e que se escoita de lonxe. As estrofas do seu canto duran entre 3 e 4 segundos e son case sempre introducidas por unha especie de tsiit non moi alto, ó que seguen estrofas que varían moito individualmente. Cando canta abren a miúdo as plumas da e lixeiramente as ás, amosando a coloración da gorxa. Cantan agachados dende puntos situados en xeral na parte media do tronco, a miúdo en pólas espidas ou mortas. Adoitan comezar o canto xusto antes de pousarse e acaban a estrofa xa pousados. A actividade cantora dura poucas semanas e acaba completamente co emparellamento e o inicio da reprodución. Con mal tempo non cantan. As chamadas claras, curtas e agudas só se escoitan de cerca e adoitan ser unha serie de[2] Stimmbeispiel

Distribución

[editar | editar a fonte]
Distribución de F. parva, F. albicilla, F. subrubra
laranxa: zona de cría de F. parva
azul escuro: zona de invernada principal de F. parva
laranxa escuro: área de cría de F. albicilla
azul claro: área principal de invernada de F. albicilla
púrpura: área de cría de F. subrubra
amarelo: rexión principal de invernada de F. subrubra.
Liñas vermellas: zonas de contacto entre F. parva e F. albicilla

Ficedula parva vive nunha faixa de territorio ampla no leste e norte de Europa que chega polo leste os montes Urais. Polo norte chegan nalgúns puntos o círculo polar ártico, polo sur ata os Balcáns e os Cárpatos. Máis cara ó leste o límite sur da súa área de cría corre polos 50º de latitude norte. Unha área de cría grande está situada nas zonas de bosque do Cáucaso. Nas montañas exteriores do Elburz, os Zagros setentrionais e o suroeste de Turkmenistán. Na rexión rusa de Perm e algo o norte e sur dela hai unha área de intergradación ampla coa especie próxima do papamoscas da taiga, o territorio de cría da cal chega ata a costa do Pacífico.

Como reprodutores están tamén presentes en rexións parcialmente illadas de Austria, Baviera e partes do norte e centro de Alemaña, na costa búlgara do mar Negro e nos montes Pónticos. En Escandinavia cría regularmente, agás nalgunhas áreas onde o fai de xeito esporádico. No sur de Alemaña, Suíza e Dinamarca crían ocasionalmente.

En razón das diferentes zonas climáticas nas que viven os hábitats que ocupan son variados. Prefiren, porén, zonas pechadas de árbores altas e vellas, con follaxe non moi mesta . Os lugares ideais están a miúdo en ladeiras escarpadas e queivancas. A proximidade da auga, unha certa cantidade de madeira morta e árbores danados ou con polas mortas na súa parte superior completarían a lista de condicións ideais para a súa vida.

Tendo en conta estas condicións, ocupan tipos de bosque diversos, por ben que parecen preferir o bosque mixto de folla caduca. Aínda así, crían en bosques boreais de abetos na taiga e, nalgunhas ocasións, mesmo en hortos de froiteiras. Parecen evitar os bosques puros de pinos. Viven tanto nas terras baixas coma en bosques de outeiros e montañas. En Armenia os seus niños atópanse ata preto dos 2300 m. No sueste e centro de Europa crían maioritariamente en zonas de outeiros e zonas baixas das montañas.

Alimentación e obtención dos alimentos

[editar | editar a fonte]

Aliméntanse fundamentalmente de insectos e arácnidos pequenos. Bolboretas, formigas, escaravellos pequenos e moscas son básicos tanto na alimentación dos adultos coma na dos polos. Ocasionalmente poden engulir caracois pequenos. No outono complementan a dieta con algunhas bagas.

Utilizan técnicas de caza variadas. Cando cazan á espreita capturan os insectos despois dun voo curto, que non adoita superar os dous metros. Tamén inspeccionan en voo as follas para localizar posibles presas. En xeral fan as súas capturas na parte superior das árbores. Máis raramente buscan comida en arbustos ou no chan.

Son aves diúrnas que na época reprodutora aproveitan tamén o crepúsculo e as primeiras horas da noite. No momento culminante da época do cortexo, cando os machos pasan máis tempo cantando, comezan ó redor dunha hora antes saír o sol e algúns cantan mesmo á noitiña. Nesa época son moi territoriais e fora dela solitarios, por ben que algunhas veces se moven en pequenos grupos, ás veces mesturados con outros paxaros pequenos. Especialmente durante o cortexo, pero tamén fora del, exhiben a cola algo aberta amosando o seu deseño característico.

Os machos rivais tentan expulsar ó contrario co seu canto e con posturas de ameaza. En ocasións mesmo se atacan, aínda que sen chegaren ó contacto físico. Perante a presenza de inimigos compórtanse de xeito tímido e, especialmente durante a cría, moi silenciosamente. Poden abandonar facilmente as postas recentes se os molestan, pero despois de naceren os polos fanse menos coidadosos e os machos avisan mesmo da presenza de inimigos potenciais afastados. Se estes se achegan perigosamente, atácanos con golpes de bico, das ás e tentan afastalos do niño.

Perante a presenza de inimigos compórtanse de xeito tímido e, especialmente durante a cría, moi silenciosamente. Poden abandonar facilmente as postas recentes se os molestan, pero despois de naceren os polos fanse menos coidadosos e os machos avisan mesmo da presenza de inimigos potenciais afastados. Se estes se achegan perigosamente, atácanlles con golpes de bico, das ás e tentan afastalos do niño.

Movementos migratorios

[editar | editar a fonte]
Rutas migratorias de ida e volta dos exemplares do nordeste de Europa

O papamoscas paporrubio, coma as dúas especies próximas Ficedula albicilla e Ficedula subrubra, é unha ave migratoria estrita, obrigada polos invernos fríos dos territorios nos que se reproduce. É unha das poucas aves europeas que emigra cara ó sueste. Fan a viaxe migratoria individualmente ou en pequenos grupos, en xeral pola noite, aproveitando o día para alimentarse. Só cando as placas de descanso diúrno non lle ofrecen posibilidades suficientes de alimentación continúan a viaxe de día. A viaxe cara ós cuarteis de inverno comeza xa en agosto, acadando o seu punto máximo a mediados de setembro. Algúns exemplares permanecen nos territorios de cría ata primeiros de outubro. O regreso ós territorios de cría comeza en marzo e a primeiros de maio tódolos papamoscas comezaron xa a viaxe de volta, Os machos adoitan comezar a viaxe ata dúas semanas antes cás femias En Centroeuropa os primeiros viaxeiros chegan na última decena de abril.

As principais rexións nas que pasan o inverno están no noroeste do subcontinente Indio, dende Paquistán é as beiras oeste e sur do Himalaia, ata Karnataka polo sur e Bihar e Orisa polo leste. Uns poucos individuos pasan o inverno no leste de Grecia, algúns máis no leste de Iraq e oeste de Irán e leste da península Arábiga. Durante o inverno móvense en xeral en pequenos bandos mesturados a miúdo con outras especies.

Coma noutras aves, dánse ocasionalmente nesta especie casos de voos migratorios erróneos, nos que algúns exemplares, habitualmente xoves, se desvían da dirección correcta. A causa destes erros non está clara e puidera deberse a factores meteorolóxicas. Papamoscas nestas condicións poden aparecer no mar do Norte, Francia ou o Reino Unido en setembro ou máis tarde. Unha parte destes exemplares pode recobra-la orientación aínda que adoitan acabar a viaxe algo máis ó sur do habitual, por veces no Oriente Medio ou o nordeste de África.

Bioloxía reprodutora

[editar | editar a fonte]

O cortexo

[editar | editar a fonte]

Os máis dos papamoscas paporrubios maduran sexualmente despois da volta da primeira viaxe migratoria, con algo menos dun ano. Moitos deses exemplares ocupan un territorio pero non chegan a reproducirse. A delimitación do territorio e o cortexo duran relativamente pouco, unhas dúas ou tres semanas habitualmente. Durante ese período, que en Centroeuropa vai de maio a mediados de xuño, poden facerse notar dabondo. Os machos ocupan, en chegando da migración, de seguida un territorio que marcan co seu canto e voos de demostración que van dende un pousadoiro a outro. Se aparece unha femia no territorio, o macho amósalle sitios xeitosos para face-lo niño introducíndose en furados ou ocos, nos que fai un ritual de construción. Máis tarde a femia colabora na exploración de posibles niños. A cópula e precedida por voos de persecución de varios minutos, interrompidos por posturas de exhibición do macho, que abre a cola en abanico. Ás veces a femia fai un baile ó redor do macho coas ás colgando.

Ficedula parva

Fan os niños en furados, ocos e nichos máis ou menos pechados. Decotío aproveitan feridas nas árbores, producidas ó separarse partes da casca ou niños de peto pequeno ou de ferreiriño negro. Ás veces fan niños libres en xeito de cunca en sitios axeitados entre os ramallos e foron vistos niños en furados da rocha. Raras veces usan niños artificiais. Aínda que non se pode dicir que escollan especies de árbores determinadas, se cadra amosan certa preferencia polas faias e os tileiros.[3]. Os niños están construídos a alturas variables, dende preto do chan ós 20 m. e máis de altura. O niño é construído case exclusivamente pola femia, colaborando o macho só os primeiros días con achegas de material. Os niños construídos en sitios abertos son construcións ben tecidas con xeito de cunca. Os que están dentro de buratos son acumulacións menos compactas e máis voluminosas de materiais coma brión, poliñas moi finas, pallas, fieitos e mesmo follas secas. Na construción entran tamén teas de araña, seda de larvas, pelos e ás veces plumas.

Posta e incubación

[editar | editar a fonte]

Poñen de 4 a 7 ovos case monocromos, de cor castaño ferruxento ou amarelo de arxila, que miden uns 16,6 x 12,7 mm. Van poñendo os ovos cunhas 24 horas de diferenza entre cada un e a incubación adoita empezar despois de poñeren o cuarto. Chocan, as femias, uns 15 días, período no que son alimentadas polo macho uns dúas ou tres veces por hora. Nos primeiros días despois de naceren os polos o macho segue a ocuparse en exclusiva da alimentación da femia e a niñada. A partir do cuarto día a femia colabora na caza. Durante este tempo o territorio de caza é moi pequeno e os pais poucas veces se afastan máis de 100 m. dos polos. Estes pasan uns 16 días no niño, que só abandonan algo antes se son molestados. Cando xa poden voar, os pais cóidanos aínda uns días antes da dispersión definitiva, O período de cría varía moito rexionalmente. As primeiras postas fanse nas primeiras semanas de maio, o pico de postas a mediados de xuño. Só no caso de perderen a primeira posta poden facer unha segunda, composta case sempre por menos ovos.

Situación da especie

[editar | editar a fonte]

O papamoscas paporrubio e o papamoscas da taiga non se consideran polo de agora especies ameazadas aínda que da derradeira especie Ficedula albicilla non se dispón de datos dabondo. A situación do papamoscas de Caxemira foi, porén, valorada pola IUCN como VU (=vulnerable) polo escaso número de individuos e o minguado da súa área de distribución que fai que Ficedula subrubra estea particularmente ameazado polos cambios no seu hábitat.

Nomes vulgares noutras linguas

[editar | editar a fonte]
  • Alemán: Zwergschnäpper.
  • Catalán: Papamosques menut.
  • Español: Papamoscas papirrojo.
  • Francés: Gobe-mouche nain.
  • Inglés: Red-breasted Flycatcher.
  • Italiano: Pigliamose petirosso.
  • Neerlandés: Kleine vliegenvanger.
  • Polaco: Muchołówka mała.
  • Sueco: Mindre flugsnappare.
  1. BirdLife International (2013). "Ficedula parva". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.2 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 26 de novembro de 2013. 
  2. Beaman (19998) S. 706
  3. Mitrus & Socko (2004)

Literatura

[editar | editar a fonte]
  • Hans Günther Bauer/Peter Berthold: Die Brutvögel Mitteleuropas. Bestand und Gefährdung. Aula-Verlag, Wiesbaden 1997. S. 402 f. ISBN 3-89104-613-8
  • Mark Beaman/Steve Madge: Handbuch der Vogelbestimmung. Europa und Westpaläarktis. Ulmer-Stuttgart 1998. S. 705-706. ISBN 3-8001-3471-3
  • Urs N. Glutz von Blotzheim (Hrsg.): Handbuch der Vögel Mitteleuropas. Bearbeitet u. a. von Kurt M. Bauer und Urs N. Glutz von Blotzheim. Aula-Verlag, Wiesbaden. 2. durchgesehene Auflage 1989. Bd. 13/1, S. 80-118. ISBN 3-89104-022-9
  • Ulrich Brendel: Vögel der Alpen. Ulmer-Stuttgart 1998. S 110-111. ISBN 3-8001-3502-7
  • Michael Dvorak et al. (Bearb.): Atlas der Brutvögel Österreichs. Ergebnisse der Brutvogelkartierung 1981-1985 der Österreichischen Gesellschaft für Vogelkunde. Umweltbundesamt-Wien 1993. S 382-383. ISBN 3-85457-121-6
  • Cezary Mitrus /Beata Soćko: Natural nest sites of the Red-breasted Flycatcher Ficedula parva in a primeval forest. Acta Ornithologica, Volume 39, Number 1, Summer 2004 , pp. 53–57
  • Cezary Mitrus et al.: First evidence of phenological change in a transcontinantal migrant overwintering in the Indian sub-continent: the Red breasted Flycatcher Ficedula parva. In: Ornis Fennica 82: 13-19 (2005) Artigo (ingl.)
  • Jochen Hölzinger et al.: Die Vögel Baden-Württembergs. Singvögel 2. Ulmer Stuttgart 1997; S 38-44. ISBN 3-8001-3483-7

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]